Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Esencia, forma e contido

O expresionismo en Os días afogados

Cartel de presentación do documental.

O documental Os días afogados, dirixido por César Souto Vilanova e Luís Avilés Baquero, presenta tres vetas que converxen nun discurso unitario, coherente e conmovedor. Esas tres vetas son a esencia, a forma e o contido.

A que nos referimos cando falamos de esencia? Na súa emblemática e referencial obra Que é o cine? ( Qu'est-ce que le Cinéma?), André Bazin consideraba o embalsamamento un feito fundamental das artes plásticas porque, segundo el, fixar artificialmente as aparencias carnais dun ser supón sacalo da corrente do tempo e arrimalo á beira da vida. A cultura exipcia, por exemplo, obsesionada pola loita contra a morte, utilizaba a pintura e a escultura como arma para acadar unha suposta inmortalidade. A aparición do cinematógrafo trouxo consigo un estadio supremo do realismo, a arte que permitirá recuperar, cun verismo ante entón descoñecido, a figura que nun futuro acabará desaparecendo, cun engadido que nin a pintura nin a fotografía ostentaban: por primeira vez a imaxe das cousas é tamén a da súa duración, algo así como a momificación do cambio.

César Souto Vilanova e Luís Avilés Baquero acoden á xénese da cinematografía e da arte co seu documental Os días afogados. Antes de que finalizara a construción do embalse de Lindoso (Portugal), Francisco Villalonga Baños e outros veciños comezaron a gravar coas súas cámaras domésticas, como unha mirada que recolle os instantes terminais dun moribundo, os últimos días das aldeas de Aceredo e Buscalque (Ourense), condenadas a perecer sepultadas baixo a auga, nun intento desesperado por salvar o recordo das casas, as terras, o camposanto e, sobre todo, o modo de vida en comunidade dos seus habitantes; en definitiva, procuraban evitar unha segunda morte espiritual das súas aldeas: "Estou a recoller unhas vistas da vila, para que non se esqueza", comentaba Francisco durante a gravación.

Debido a este contexto, e aquí entramos no ámbito da forma, as escenas domésticas alcanzan unha forza subxugante que non precisaba ningún tipo de manipulación, de aí que os directores optaran por amosar a pureza das mesmas, sen ocultar a pegada do seu amateurismo, a través da exhibición deliberada dos desenfoques, movementos bruscos, preparativos da gravación, etc., como recordos en bruto, sen dramatizar e sen narrar, na procura dun realismo supremo.

Fronte ás imaxes do pasado, o documental alterna outras tomas da actualidade. Mediante un maxistral uso da montaxe, no que destacan os elementos de conexión entre os dous tempos, lógrase reforzar a sensación de nostalxia, facendo sempre manifesta a presenza do paso do tempo e a súa consecuencia: a morte. Un dos momentos máis pulcros e poéticos do filme acontece cando un dos habitantes de Aceredo, como un Hamlet galaico e rural, amosa unha caveira mentres pronuncia un discurso sobre a fugacidade do tempo.

Outro procedemento formal que enriquece o filme é o alarde metacinematográfico. En realidade, trátase dunha película sobre unha filmación e, en menor medida, sobre a exhibición, como amosan as imaxes dos veciños de Aceredo entrando nunha sala cinematográfica para mirar o mesmo documental que estamos a contemplar nós, un orixinal procedemento que procura distanciamento e emotividade.

Ben condimentado, a forma e a esencia acompañan a parte máis inmediata dun filme: o contido. Na análise das dúas primeiras vetas xa anticipamos a cuestión nuclear do filme: o paso do tempo e o seu efecto devastador, personificado no suceso de Aceredo. Neste caso, o río non simboliza a vida, como no poema de Jorge Manrique, senón todo o contrario, a morte, a morte dun modo de vida que os veciños resumían cun "estar coa xente".

As ruínas de Aceredo

  • Hai vinte e cinco anos, o "progreso" -un progreso que avanza cara atrás- sepultou cinco aldeas entre os concellos de O Entrimo e Lovios: Buscalque, O Bao, A Reloeira, Lantemil e Aceredo, núcleos que convivían á beira do río Limia, o cal percorre corenta kilómetros pola provincia de Ourense. O embalse de Lindoso asulagou un modo de vida rural e comunitario obrigando ás súas xentes a unha emigración sen retorno, porque despois da expulsión aconteceu á destrución das raíces. Porén, a natureza, ás veces, semella recordarlle ao ser humano os seus abusos co entorno, e, debido á forte seca que padecemos nos últimos meses, o descenso do nivel de auga do río baixou ata límites non recordados, deixando, deste modo, a descuberto as ruínas da aldea de Aceredo, como unha pantasma shakesperiana que aparece para reprochar un asasinato cometido con impunidade. O documental, dirixido por César Souto Vilanova e Luís Avilés Baquero, gañou o Mestre Mateo no ano 2016 e foi presentado en diversos festivais (Play-Doc, Cineuropa, Alcances, Ourense e Toulouse). A súa aparición supón unha contribución a un cinema que mestura a denuncia, a memoria, a poética e o retrato dun modo de vida rural, probablemente os ingredientes máis favorables para a edificación dun cine nacional galego

Compartir el artículo

stats