Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Delicadeza e sensibilidade

En clave metafórica

Delicadeza e sensibilidade

Nunha coidada edición presenta Hércules O camiño á casa, unha historia escrita por Katie Cotton, traducida ao galego por Fe González do orixinal The Road Home para que poidamos gozar na nosa lingua dun texto que destaca pola delicadeza na expresión e pola sensibilidade coa que trata o tema.

O camiño á casa semella duro para unhas especies que mudan de espazo vital ou que se preparan para unha época na que as condicións obrigan a cambiar de hábitos. Así, aves e roedores dispóñense a retornar e recollerse nun percorrido, a miúdo, certamente complicado. Mais superar os atrancos que, ás veces, aparecen en forma de cairos afiados e outras como silveiras que rabuñan fan os personaxes máis fortes, se cabe, porque se saben acompañados e arroupados por outros iguais que apoian e empuxan neste transo no que tan importante é sentir a calor e agarimo.

A repetición ao longo do texto dunha frase onde se manifesta a dureza da situación vén reafirmar a idea da necesidade do outro. Así, a construción dun fogar convértese na historia nunha defensa fronte á intemperie e as inclemencias do exterior. De tal xeito que para os animais non é só refuxio, senón tamén mediación ante o mundo, xa que é un espazo de convivencia onde a tarefa conxunta de mutua colaboración devén nun obxectivo común. Afrontar en comunidade a creación dun forgar semella unha estratexia que os protagonistas do conto teñen claro: aunar esforzos na procura dunha realidade máis amable achega importantes beneficios.

En clave metafórica e cun ton altamente poético aborda a autora de libros como Las cuatro estaciones en un día ou aínda Contar leones a temática da convivencia nunha contorna que obriga a emigrar ou a reorganizarse buscando oco e acubillo no ecosistema/sociedade onde se desenvolver e vivir. Trátase neste caso de animais que na bouza se relacionan con outros seres, igual que as persoas no mundo onde lles tocou vivir e, uns e outros, afánanse en resistir e sobrevivir.

Pola súa parte, as ilustracións que Sarah Jacoby realiza, baseadas na cor e mais no trazo suxerente, veñen acompañar o texto literario dunha forma singular, ao deixar os tons alegres para os momentos de traballo, esforzo e acompañamento e os grises para aqueloutros nos que as circunstancias se tornan hostís e complicadas. A comuñón perfecta entre texto e imaxes permite unha lectura complementaria que o lector mozo ha de percibir como un aspecto positivo, posto que á poeticidade das palabras engádeselle a expresividade da imaxe.

COTTON, Katie, O camiño á casa (Ils. Sarah Jacoby), Hércules, A Coruña, 2017, PVP. 13,50 ?

Compartir el artículo

stats