Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Poeta en casa

Vesteiro Torres, Jakobson e Martín Codax

F. A. de Varnhagen foi un erudito brasileiro e a quen debemos a primeira edición dun poema de Martín Codax. Publicouno en Viena,1870, nun precioso volume que leva o título de Cancioneirinho de trovas antigas.... Mais a primeira edición das cántigas completas do noso autor está en Il Canzoniere Portoghese della Biblioteca Vaticana (1875) de Ernesto Monaci. Moi axiña, en Galicia houbo noticia da poesía de Codax. Un brillante intelectual vigués, Teodoro Vesteiro Torres deu a coñecer as sete cántigas na revista ourensá El Heraldo de Galicia (1876), dirixida por V. Lamas Carvajal. Volveron ser estampados os textos en Monografías de Vigo, obra póstuma do mesmo Vesteiro (1876) e dedicada ao pedagogo e político -tamén de Vigo- Joaquín de Avendaño.Vesteiro é o primeiro crítico que apreza na obra de Codax unha unidade de sentido, considerándoa como "suite".Por outra banda, considera que a moza protagonista é a viguea Aldonza Gil de Valadares. Tal atribución carece de calquera fundamento.

A partir de aí, editáronse todos os cancioneiros. Traballaron sobre os textos filólogos de diferentes países, especialmente italianos. Filgueira Valverde foi adiantado destes estudos na nosa propia casa. Os poetas galegos, de Bouza a Novoneyra, pasando por Cunqueiro, Manuel Vilanova e Luz Pozo sentíronse motivados e aproveitaron os modos e recursos das cántigas de amigo. Pero á altura dos anos 50 do século pasado achábase a menos literatura crítica que valorase os textos como "arte verbal". Estudos que analizasen, xerarquizasen... os autores dos cancioneiros: eis o que lle compría.

Entón, X.Mª Álvarez Blázquez tirou do prelo o tomo I da Escolma de Poesía Galega. Este libro imprimiuse nos talleres de FARO DE VIGO, o 31 de xaneiro de 1953. Na obra conxúgase o bo gusto do autor cun seu coñcemento da historia de nivel excelente. Só falta na Escolma unha amósega boa do xénero satírico, pero non lle botemos as culpas ao antólogo, senón ás condicións de censura moral nacionalcatólica nas que se produciu a edición.

E será a Escolma a obra que estableza o que hogano se soe chamar canon. O antólogo sitúa dun xeito impecábel o corpus codaxiano no máis alto cumio do eido cancioneiril e sostén, con razón, que os trobadores galegos do mar non enuncian variacións dun topos fixo, senón que representan individualidades distinguidas. En concreto, Codax presenta un mar cheo de significados complexos e descoñecido nas composicións coetáneas de Occitania e Alemaña. Integrado no tumulto da paixón amorosa, o mar de Codax contén unha potencia soberana que anuncia, inquedamente, a sensibilidade romántica.

Vén ser Ernesto Guerra da Cal quen lle conceda a Martín Codax unha atención renovada no seu ensaio "Glosas superficiais ao tema do Mar na nosa lírica primitiva", incluído en Homenaxe a Ramón Otero Pedrayo (1958), tamén impreso nos talleres de FARO DE VIGO. Segue Guerra da Cal a idea primordial de Vesteiro e considera as sete cántigas como un idilio con unidade de sentido lírico, tenuemente narrativo. Con fondura e brillantez, na mellor liña spitzseriana, coloca a Codax e a poesía galega do mar no lugar que hoxe ocupa no consenso internacional dos medievalistas.

De Roman Jakobson cabe decer que é un dos alicerces sobre os que descansa o edificio planetario da ciencia lingüística do século XX. Jakobson descubriu para nós a función poética da linguaxe; unha parte, se cadra a menos difundida da súa obra colosal, aparece dedicada aos estudos literarios, mesmamente no caso das súas aproximacións á épica eslava. É o caso de lembarmos o conmovedor Canto das hostes do príncipe Igor.

Parece que a filóloga italiana, amiga de Galicia, Luciana Stegagno-Picchio lle puxo un día a Jakobson nas mans o Cancioneiro de Martín Codax, de Celso Ferreira da Cunha (1956). Jakobson escribiu de contado un ensaio-epístola, "Carta a Haroldo de Campos sobre a textura poética de Martín Codax", aparecido na revista Grial (Vigo, 1971).

Do ensaio de Jakobson sempre lembraremos a revelación dos sons nasais e das sibilantes como dispensadores de simetría e perfección distanciante na cantiga V. O sistema cristalográfico que fabrica non é capaz de reprimir elementos expresivos que delatan o entusiamo que ao científico lle produce o lontano trobador de Vigo. Fala así de "magníficas criações da arte verbal europeia", sinalando que a cántiga V é "um raro espécime da jóias verbais do século XIII". Trata, ademais, de "fascinantes" as cántigas e rosma a palabra definitiva sobre Codax: "extasiante."

De Vigo, Galicia, partiron,, pois, as propostas fundamentais que converteron a poesía de Martín Codax en central e universalmente aceite nos medios literarios.

Compartir el artículo

stats