Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A la igreja de Vigo

O románico en cas de Martín Codax

Imaxe do Salvador (Museo Arqueolóxico, Madrid).

Se nos situásemos no Vigo medieval, o panorama que se presentaría ante nós respondería a un conxunto de parroquias rurais dependentes de tres grandes xurisdicións: unha delas viña resultar Sta María de Melón, cuxos monxes cistercienses foron ampliando o dominio pola ría, se ben que en constante conflito co arcebispo de Santiago e o bispo de Tui. Porén, o panorama xeral era máis complexo e cheo de matices, xa que os pequenos mosteiros locais (Bembrive, Coruxo, as Illas Cíes) e mais as ordes militares rexían tamén unha boa parte do territorio da actual cidade olívica.

Do ano 1024 datan as primeiras referencias certas de Santiago de Bembrive, cando o rei Afonso V cede ao arcebispo de Santiago a igrexa e couto de Benevivere, topónimo propiciatorio por excelencia. Xa en 1142, Afonso VII decide outorgar ao bispo de Tui o reguengo do couto, consolidando un reparto de bens e beneficios entre as sedes de Tui e Compostela. Pouco despois, en 1169, o rei Afonso I de Portugal entrega ao bispo tudense a igrexa xunto co seu reguengo.

A toponimia -así como unha inscrición de 1223- permite deducir a existencia dun mosteiro vinculado á igrexa de Santiago. O edificio conserva aínda boa parte da súa fábrica románica: a ábsida poligonal, dotada dun banco corrido interior, a planta dunha única nave con acceso principal a través dunha porta abucinada gorecida baixo un triplo arco e dúas arquivoltas apoiadas en fustes cilíndricos e entorchados.

Outra das xoias é a porta norte, cuberta tamén por un arco apuntado que se orna cunha chambrana semellante á da porta principal e que apoia en columnas monolíticas coroadas por capiteis en forma de cordón e follas picudas de extremos retorcidos. Pero o elemento máis senlleiro vén ser, sen dúbida, o tímpano, onde se labra unha cruz de entrelazo en forma de aspa, superposta a outra ensanchada.

Coñecida na Idade Media como Castreliis, voz diminutiva de castrum, a igrexa de Sta María de Castrelos localízase nun miradoiro privilexiado da ladeira oeste do castro do Monte da Mina. Distintas ofrendas e donativos dos anos 1305, 1319 e 1499 ofrecen noticias deste templo, que pertenceu á Encomenda de Beade (O Ribeiro) e estivo vinculado á Orde de Malta ata 1862.

Santa María é, de todas as igrexas medievais olívicas, a que presenta maior coherencia e unidade arquitectónica. Posúe unha única nave rematada nunha ábsida semicircular precedida dun tramo recto. Nel resultan admirables as súas tres portadas conformadas por arcos apuntados, o que non é frecuente no románico rural galaico. Así, a principal mostra tres arquivoltas; a exterior está decorada por unha chambrana axadrezada. As doelas dos arcos amosan unha decoración de flores de seis follas inseridas en círculos con botón central. Por baixo deles, unha imposta, capiteis vexetais, columnas monolíticas e basas entregas decoradas con garras. O tímpano, principal punto de atención da porta, aparece encostado sobre mochetas e presenta un altorrelevo dunha cruz patada flanqueada por motivos vexetais. Sobre a porta, unha xanela seteira completa, con columnas, arco e decoración variada entre a que destaca unha esvástica inserida nun círculo.

Situado ante un amplo adro, Sal Salvador puido ser o templo do desaparecido mosteiro de Coruxo, un conxunto monacal dependente de Celanova desde 1142 que aparece citado na documentación do século XI. Contaba co privilexio de couto e foi medrando paulatinamente ata contar cuns vinte cinco monxes en 1230 que, no século XIV, pasan a depender da mitra tudense.

A igrexa románica de San Salvador loce hoxe unha planta de cruz latina e unha soa nave lonxitudinal e outra transversal que articulan o seu cruceiro. Na súa cabeceira ábrense tres ábsidas semicirculares ordenadas de forma xerárquica, sendo a maior delas a central. Chegados a este punto, os investigadores discrepan en relación a se, en orixe, o tempo contaba cunha planta basilical; mais sobre o que non existen dúbidas é á hora de determinar que a cabeceira tripartita formaba parte do proxecto primeiro. Precisamente as tres ousias, comunicadas entre si a través de portas alinteladas, aparecen iluminadas con xanelas seteiras. Os beirís xorden decorados con canzorros, maiormente xeométricos, que engalanan a súa cornixa. Sorprende sobre maneira a decoración das ventás dos hemiciclos laterais respecto do central, ricamente ornados cunha chambrana de billetes e arquivolta baquetonada que descansa sobre columnas e capiteis entregos.

U é o mar salido

  • "Mia irmana fremosa, treides comigo / a la igreja de Vig´, u é o mar salido: E miraremos las ondas!": así comeza a terceira das Cantigas de Martín Codax, que elixe como escenario algún dos templos románicos vigueses datables no século XII, próximos ao mar, xa desaparecidos: xa for a igrexa de Santa María de Vigo ou a de Santiago de Vigo. A primeiro estivo situada intramuros, nas proximidades da ribeira durante a Idade Media (onde hoxe se ergue a concatedral); a segunda, do que procede o magnífico San Salvador románico que se conserva no Museo Arqueolóxico Nacional, levantouse no barrio do Areal ata os séculos XVIII ou XIX, cando se trasladou á ladeira do Monte do Castro, antano coñecido como Monte Feroso. Do primitivo templo de Santa María coñecemos ben o seu afamado tímpano románico, orixinalmente policromado, que se conserva no Museo de Pontevedra. De forma semicircular, o relevo está dividido en dous campos de tamaño desigual. No máis pequeno represéntase a escena da Anunciación mentres que o meirande acolle a Adoración dos Reis Magos, algo que está considerado unha auténtica rareza. Filgueira Valverde, quen estudou o conxunto en 1944, considera que se trata dunha obra datable no século XV, polo que a súa labra sería posterior á erección de Santa María

Compartir el artículo

stats