Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Eppur si muove!

As mulleres nas cantigas de amigo

A trobairitz Na Castelloza (século XIII).

Ata hai ben pouco, a maioría da crítica especializada definía as cantigas de amigo coma un tipo de composicións caracterizadas pola súa focalización feminina (é dicir, cunha voz e unha visión que corresponderían a unha muller), pola súa temática amorosa e polo emprego de certas características formais, coma poden ser o refrán e/ou leixaprén. Non obstante, entendíase que tras ese eu lírico feminino había sempre unha figura masculina, o trobador, que sería o responsable dos versos e da música de cada cantiga. Porén, nos últimos tempos, algunhas voces, coma a profesora Ria Lemaire, reivindican que os trobadores non son os creadores destas composicións, senón que a súa función limitaríase a transmitir un patrimonio oral que fora creado e depositado de xeración en xeración polas mulleres. Esta investigadora basea a súa teoría en cuestións heteroxéneas: os paralelismos que existen entre as cantigas galego-portuguesas e as de orixe xermánico (das que se demostrou que eran as mulleres as súas creadoras, pero cuxas versións máis recentes no tempo aparecen tamén "asinadas" por trobadores), o feito de que a maioría das primeiras manifestacións escritas en linguas vernáculas fosen ditadas -e non se tratase realmente de novas creacións- e a constatación de que, ao longo dos tempos e en diferentes culturas, foron as mulleres as conservadoras da tradición oral. Esta teoría transforma de maneira importante a visión sobre as cantigas de amigo e ofrécenos outra perspectiva, incidindo no seu carácter de patrimonio inmaterial (se ben xa se ten insistido no carácter máis "popular" -inda que habería que matizar o termo- destas composicións) e, sobre todo, no protagonismo das mulleres como creadoras colectivas destas. Non obstante, a hipótese de Lemaire non é respaldada por un amplo número de medievalistas, dado que se considera que os trobadores empregaron esa tradición popular, da que tomarían esa focalización feminina, dun xeito claramente consciente para renovar, matizar e dar unha certa apariencia de sinxeleza ás súas creacións.

Máis alá do peso que poida tomar no futuro esta teoría, as cantigas de amigo mostran unha variedade de mulleres nas que paga a pena reparar e que, en ocasións, coliden coa imaxe máis tradicional do xénero feminino na Idade Media, que a historiografía máis canónica nos ensinou restrito a espazos domésticos e pechados.

Así, as protagonistas das cantigas de amigo adoitan ser mozas novas -das que só adoitamos coñecer características físicas de carácter moi xeral- que se queixan das súas cuitas amorosas, normalmente relacionadas coa ausencia do seu amado -en moitas ocasións debida á guerra-, porque normalmente son correspondidas. Ademais, poden estar presentes outros dous personaxes femininos fundamentais: a nai e a amiga (ás veces aparece tamén a irmá, con funcións moi semellantes ás desta). A amiga adopta formas moi variadas, dende confidente, acompañante ou, de maneira menos habitual, defensora do "amigo". Namentres, a nai adoita ter un papel de "gardadora" das virtudes da filla, vixiante (ás veces só observadora), simbolizando en non poucas ocasións a "prohibición", aínda que tamén a atopamos exercendo de conselleira e depositaria das preocupacións da moza. Isto parece ser un risco propio da lírica peninsular, xa que noutras cantigas de mulleres da lírica romance, a súa descrición é moi negativa, pois chega a infrinxir castigos corporais á moza para impedir o encontro co amigo. A colocación destes "personaxes" en lugares que lles eran propios (coma os muíños ou as fontes) e/ou propicios para dar solta ás súas inquietudes amorosas (coma os adros das igrexas ou as paisaxes marítimas, tan presentes en Codax), nos que non deixaban de suceder cousas, demostra que os ámbitos nos que se movían as mulleres poden non ser tan pechados e que o estudo dos seus hábitos sociais e a revisión dos seus papeis na tradición literaria seguen a ser necesarios. Porque elas se moven.

O desexo coma perigo

  • Se lemos as sete composición codaxianas coma unha sorte de ciclo narrativo, veremos que nelas a moza vai pasando por diferentes estados de ánimo, que teñen que ver co posible encontro do amado. Dende a intranquilidade do "Ondas do mar de Vigo", onde a doncela pregunta á paisaxe marítima polo paradoiro do seu namorado (Tavani ten interpretado ese mar coma unha divinidade masculina, que podería simbolizar ao rei que separa aos amantes, mentres que ás ondas lles atribúe unha compoñente feminina, simbolizada nas confidentes); ata a certeza de que está san e vivo e que pronto chegará a Vigo. Na cantiga III, "Mia irmana fremosa, treides comigo", a doncela pídelle á irmá que a acompañe a ese encontro co amigo, que se producirá nunha igrexa cabo do mar. Na cuarta, "¡Ai Deus, se sab'ora meu amigo!" dase unha interesante circunstancia: a "protagonista" manifesta o seu temor por ter que acudir soa, xa que lle faltan as súas "gardas". Curiosamente, semella que neste caso a presenza destas -contrariamente ao que ocorre en boa parte desta tradición- é arelada pola moza. Posiblemente porque se sente desamparada, temendo que acudir soa poida supor estar exposta emocional e fisicamente ao encontro amoroso. O desexo da dama, que parece terse consumado segundo o resto do ciclo, é contemplado, por ela mesma, coma un perigo certo.

Compartir el artículo

stats