Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónica de cancioneiros

O Pergamiño Vindel e a tradición manuscrita

O Cancioneiro da Ajuda, Lisboa (fins séc. XIII/comezos do XIV), un dos testemuños da lírica trobadoresca profana galego-portuguesa.

"Tradición pobre, tradición estéril": con estas palabras, o grande filólogo italiano Giuseppe Tavani foi cualificar, hai xa ben de anos, as características e mais o percorrido da tradición manuscrita profana dos trobadores galego-portugueses. Verbas que, doutra parte, así mesmo se poden aplicar doadamente a aquilo que acontece no ámbito desoutra traxectoria -igualmente de xorne trobadoresco- referida ao espazo relixioso; é dicir, as Cantigas de Santa María de Afonso X, "O Sabio."

En efecto, un conxunto de cincuenta cancioneiros transmite deica á actualidade o contido da lírica francesa do Medievo. Porén, se nos andentramos agora no territorio provenzal, a cifra sobe aos noventa e cinco. Máis de cen veñen ser, da súa parte, os códices italianos conservados. Desde logo, unha exhuberancia documental que contrasta vivamente con aquilo que sucede entre nós: apenas tres cancioneiros maiores -ou catro, se contamos sempre o Cancioneiro da Biblioteca Bancroft ou Cancioneiro de Berkeley-; dúas follas de pergamiño soltas -evidentemente, o Pergamiño Vindel e mais o Pergamiño Sharrer-esoutras dúas follas que conteñen, con pequenas variantes entre elas, a Tenzón entre Afonso Sánchez e Vasco Martín de Resende; aqueloutros tres folios da Biblioteca Apostólica Vaticana, a amosaren os cinco lais de Bretaña. Pero é que, ademais, acontece que tanto os textos do Pergamiño Vindel (obviamente, as sete cantigas de amigo de Martín Codax), como estoutros do Sharrer (sete cantigas de amor de D. Denís de Portugal), como aínda a Tenzón... e mais os lais de Bretaña, todos eles figuran así mesmo nos dous códices "maiores", copiados en Italia no século XVI: o Cancioneiro da Biblioteca Nacional e mais o Cancioneiro da Vaticana (canto ao Cancioneiro da Biblioteca Brancroft, resulta ser, polo seu lado, unha copia do da Vaticana). En fin, se o documento conservado en Lisboa dá noticia dun total de 1567 composicións -da autoría duns 150 autores-, o da Vaticana ofrécenos, á súa vez, un conxunto de 1200: deles, 1160 veñen ser as mesmas composicións (con variantes, desde logo) que nos transmite o seu "irmán" da Biblioteca Nacional. En fin, das 310 cantigas de amor que contén o Cancioneiro da Ajuda, 190 volven figurar no Cancioneiro da Biblioteca Nacional (e 57 coinciden, polo seu lado, co Cancioneiro da Vaticana). Ou o que vén ser o mesmo: trátase dunha extraordinaria concentración que, en calquera caso, remite a unhas orixes comúns e que permite, xa que logo, trazarmos o posíbel relato, a crónica dos nosos cancioneiros.

Coa brevidade que impón a condición xornalística, cabe sinalar que, a partir das indagacións efectuadas por Giuseppe Tavani, A. Resende Oliveira e Joaquim Ventura -e, ao cabo, tamén de min mesmo- podemos elaborar unha, por así expresalo, "árbore xenealóxica" ou "crónica" da nosa tradición manuscrita que tentaremos resumir de contado.

Se nun primeiro momento -fins do século XIII- se elabaron dous cancioneiros de cabaleiros (a conteren cantigas de amigo, amor e escarnio), a comezos do século XIV tería lugar a aparición dun cancioneiro de xograres asemade tripartito. Con procedencia nos dous códices aristocráticos; máis en concreto, a parte das cantigas de amor, vai abrollar o Cancioneiro da Ajuda que non presenta descendencia.

Desde, así mesmo, os cancioneiros de cabaleiros e tamén desde o de xograres -e contando coa aportación doutros cancioneiros "menores" individuais ou colectivos- nace a, hopotética e desaparecida, Compilación Xeral, por volta de mediados do século XIV.

A Compilación Xeral, á súa vez, deu orixe a outro monllo de códices, hoxe igualmente perdidos. Non obstante, sabemos que un deles viaxou a Italia e, xa no século XVI e por mediación do grande humanista Angelo Colocci, foi que se realizaron as copias - Cancioneiro da Biblioteca Nacional e Cancioneiro da Vaticana- que chegan aos nosos días. De certo, pois, unha tradición pobre -noutra ocasión analizaremos os motivos de que tal fose así- canto a documentos, mais enormemente rica no tocante aos magníficos contidos que nos foi legar.

Singularidades

  • Certamente, a singularidade do Pergamiño Vindel -xa entre nós- reside en que, a diferenza do que acontece no Cancioneiro da Biblioteca Nacional e nesoutro da Vaticana, o célebre documento si que posúe notación musical. É dicir; as sete cantigas de Codax están conservadas en ambos os dous códices "maiores"; pero en ningún deles xorden acompañadas da correspondente música, cousa que vén suceder felizmente no caso do Vindel, en seis das sete composicións que presenta. Con todo, a situación do Vindel non é única. En 1990, o profesor Harvey L. Sharrer fixo, en Lsiboa, un descrubrimento semellante a aqueloutro de 1914: así, foi dar cunha folla de pergamiño con sete cantigas de amor do rei D. Denís. Tales textos xa eran coñecidos mediante o Cancioneiro da Biblioteca Nacional e o da Vaticana; porén, agora as cantigas do monarca portugués aparecen acompañadas da correspondente notación musical. A rúbrica que precede o texto da Tensón entre Afonso Sánchez e Vasco Martín de Resdende indica que se trata de trobas que "estavão postas em solfa". Desafortunadamente, a información non pasa de aí. Como tampouco temos noticia desoutra música dos textos da Ajuda. Cancioneiro incompleto -faltan por concluír, por exemplo, varias das miniaturas-, rexistramos nel o espazo para dispoñer as liñas do pentagrama. Porén, nunca se chegaron a debuxar enriba delas as notas correspondentes.

Compartir el artículo

stats