Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Dicción esencializadora

Desde a harmonía das sílabas

Dicción esencializadora

Desde os seus inicios, a poesía de Cesáreo Sánchez Iglesias (Dadín, Irixo, 1951) optou pola dicción esencializadora. Os seus libros posteriores foron modificando ou ampliando esas tendencias iniciais. Agora Tempo transfigurado confírmao sobremaneira. O título lévanos á obra de Arnold Schönberg, Noite transfigurada, e resume cabalmente o que dentro imos achar. En primeiro lugar, a paixón pola música. Cada un dos setenta poemas que o integran vai estar relacionado cun compositor e con algunha obra da súa produción como base inspiradora dos textos. En segundo lugar, temos que lembrar que a música é unha arte autorreferencial, pois nos mete en si mesma, isto é, nunha vibración no tempo. A sensibilidade do creador, como en Luís Pimentel, vai aunar estas dúas perspectivas nun traballo colosal de exportación á letra escrita das emocións interiores. Expresar con sutileza as turbulencias e calafríos que se suscitan coa audición musical require un laborioso esforzo que o artista está disposto a executar por amor ás dúas artes. Os resultados son espléndidos.

Asediado polo barullo da polis, o poeta procura o recollimento na soidade sonora do seu verbo. A harmonía das sílabas enaltece o mundo. Por iso, na primeira lectura, somos deslumbrados pola sabedoría expresiva que empapa cada verso cunha sintaxe de ruptura, ancha e libre, onde advén o inesperado: "O distante/é de corazón violeta e reina a tristeza sen o triste./Ardeu todo en nostalxia". Onde son frecuentes os instantes de percepción privilexiada: "Move as miñas claridades algún vento/vanse as súas metades". Entón achamos ecos de Paul Élouard: "De que tempo somos?/Nos nosos enigmas amámonos"; de Rilke: "A voz do anxo semella que chega e xa non/só cae como fina poeira"; de Odysseas Elytis: "no ceo recén chovido para que volva busco/para que a lúa veña se é que non está/para que sexa verdade"; de Ferrín: "invócome en desamparo/en todo o que me fai morrer sen luz"; de Cunqueiro: "para que eu puidese regresar/a luz non quixo ser nin a hora do reloxo do sol". Espellos nos espellos que nos cegan.

No libro brilla unha constante e convulsa tentativa de mostrar as conmocións humanas, a éxtase do son e do silencio, o salto metafísico naquilo que constitúe un cosmos de abandono e de resurrección, amargo e doce a un tempo, como a época mesma. Nunha actitude de asombrada perplexidade, o autor recolle fragmentos doutros tempos, preferentemente da infancia, onde ouvimos o grito da luz na intimidade máis íntima: "Como era eu hai tantos séculos busqueime no soñar./Do meu claro nacer nacinme/como a neve á branca flor, coma rula aínda meniña/voa o arredor. Así o pai, o fillo, o animal da memoria". Extraordinario.

SÁNCHEZ IGLESIAS, C., Tempo transfigurado, Ed. Faktoría K, Pontevedra, 2017, PVP. 12 ?

Compartir el artículo

stats