Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A volta do pasado

Con pericia narrativa

A volta do pasado

Hai verdades que firen coma se atravesasen e hai mentiras que se dan por verdades para buscar unha vida máis apracible. Mais unha pequena faísca, nun día inesperado, fai estoupar esa burbulla de realidade, que se quebra xerando un efecto dominó imparable. Velaí a situación que propón Unha verdade amarga, a nova obra de Celia Díaz para público adulto. Daniel Pereira, volve á vila en que medrou coa súa muller e a súa filla decidido a interpor unha demanda de paternidade contra Aurelio Salgado, un coñecido empresario que tivo unha relación con súa nai cando ambos os dous xa eran viúvos. Esta nova vai callando de diferentes xeitos nas persoas afectadas: é unha bomba esperada para Pilar e Carlos (fillos "lexítimos" de Aurelio), constitúe unha sorpresa para Alberte (neto de Aurelio e fillo de Pilar) e para Marta (filla de Daniel e compañeira de clase de Alberte), case unha necesidade -por motivos económicos- para Silvia (muller de Daniel) e ganas estériles de remexer no pasado para Charo (irmá, por parte de nai, de Daniel). Todos e todas saben que a relación de Aurelio con Lola, nai de Daniel, existiu e non foi só un encontro casual, senón un gozoso amor compartido. Porén, a meirande parte deles seguen querendo ocultar esa verdade, quizais, porque como sinala a autora nunha fermosa frase "nin o amor nin o rancor poden agocharse eternamente".

Pode parecer que a rápida árbore xenealóxica que veño de trazar fala dunha novela de tinturas telenovelescas, na que se precisa ter un esquema na man para seguir quen é quen. Non obstante, isto non sucede porque Díaz consegue construír unha narrativa que se tensa en si mesma, erixida co fino coidado dunha ourive, que obriga a continuar e que demostra que na novela importa tanto o que se quere contar coma o xeito en que está contado. Así, a través dun eficaz dominio de voces narrativas que alterna un narrador-observador en terceira persoa (aparentemente neutro, elixido para transmitir as conversas entre os personaxes) cunha viraxe cara a primeira , na que o narrador cederá a visión, e en ocasións a voz, aos diferentes caracteres. O efecto desta perspectiva poliédrica constitúe unha oportunidade para tirar, aínda máis, da lectura, mais tamén de darlle vida á historia a través da aparición de continuos elementos inesperados.

Por isto mesmo, o que semella ser o elemento temático principal de Unha verdade amarga (a demanda de paternidade) vai deixando paso a temas moito máis suxestivos e inmorredoiros nas letras: a falta de liberdade para actuar segundo se pensa (especialmente se es unha muller), o pasado coma chave para entender o futuro, a dor que produce esquecer o que somos por mor da enfermidade, o pouso e os diferentes tipos de amor (coas súas consecuencias), as envexas ocultas no círculo máis achegado e a arela desmesurada por medrar. Polo medio, algúns elementos de carácter costumista, presentes especialmente na sociedade que viviu o franquismo: os dixomedíxomes, as dificultades para cambiar de clase social nun tempo en que estas eran infranqueables barreiras, o veto ás relacións de parella que non supoñían unión matrimonial ou o continuo medo ao que dirán. Tamén tira a autora dun motivo que segue sendo fecundo nas letras galegas, aínda que ao meu parecer continúe pouco explorado: a emigración galega a América -neste caso á Arxentina-, que aparece grazas ás lembranzas do vello Aurelio. Coma se pode comprobar, Díaz combina habilmente todos estes elementos para crear unha historia que nos lembra que só podemos entender o presente sen desprezar o pasado e que ás veces se atopan novelas interesantes de doada lectura baixo un tema sorprendente.

DÍAZ NÚÑEZ, C., Unha verdade amarga, Ed. Galaxia, Vigo, 2017, PVP.14 ?

Compartir el artículo

stats