Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tenro e amable

Con final sorprendente

Tenro e amable

Olalla González e Marc Taeger voltan a aunar os seus traballos, como xa fixeran en Garavanciño, e publican na colección Demademora de Kalandraka Editora Un máis, un conto tenro e amable onde o protagonista agarda con ansiedade e inquedanza a chegada dun novo membro á familia.

Ante os cambios físicos que a súa nai experimenta o pequeno coello pregunta pola causa de tal transformación e a partir de aí non dubida en dirixirse ao picapau, ao esquío, ao oso e á ovella para, por unha banda, anunciarlles a noticia que tan ilusionado o ten e, por outra, averiguar cando pensan que terá lugar o feliz acontecemento. E tanto da súa nai, que lle responde sempre da mesma forma "cando xa non poida ver os mes pés", coma dos outros animais obtén contestacións que o ilusionan na espera e que propician que imaxine situacións futuras felices case sempre relacionadas co xogo.

O feito de que a familia medre é para o coello motivo de alegría e así o manifesta de forma continuada ao longo da historia a través dunha estrutura repetitiva que fai do conto acumulativo un extraordinario exercicio de memoria para os primeiros lectores destinatarios deste volume.

Ademais as referencias á familia, á infancia, os xogos, ao paso do tempo e aos animais en plena natureza fan máis atractivo se cabe o relato que combina á perfección as palabras que conforman o texto coas ilustracións que permiten unha lectura tamén emocionada da historia. Así, o trazo preciso e aparentemente simple combinado coa cor nas imaxes que remiten á realidade e monocromas cando representan a imaxinación proporciona unha dualidade exquisita para o lector que vai ao mesmo tempo implementando o que le/escoita e relacionándoo quizais co seu propio universo.

O protagonista procura explicacións da mesma forma que o desexo busca acubillo na imaxinación e así entre a oportunidade que se lle presenta de compartir a súa alegría pola chegada dun irmán ou dunha irmá e os detalles que lle van achegando os outros personaxes que interveñen na historia vaise construíndo un mundo de fantasía que afinca os esteos na vida cotiá, por iso, o libro resulta atractivo e moi enriquecedor dende o punto de vista temático e plástico. O final tamén inesperado para o protagonista consegue sorprender, porque supera amplamente as expectativas que o coello tiña postas no alumbramento.

GONZÁLEZ, Olalla, Un máis (Ils. Marc Taeger), Ed. Kalandraka, Pontevedra, 2017, PVP. 15 -

Compartir el artículo

stats