Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Foxy Freire: "Fomos atopando a nosa identidade de forma moi orgánica"

Os compoñentes do grupo de rockFoxy Freire.

- Co mo foron os seus comezos, alá polo 2010?

- Virxilio da Silva: Comezamos ao principio Max Gómez (batería) e mais eu escribindo os primeiros temas e, pouco a pouco, fómoslle dando forma á banda. O primeiro en unirse a nós foi Juansy Santomé no baixo. Durante algún tempo utilizamos teclados no grupo e os encargados de tocalos foron Yago Vázquez e, máis tarde, Xan Campos. Incorporouse tamén nesa época Fernándo Sánchez na guitarra e tocamos en quinteto algúns concertos. Despois diso, a banda estabilizouse como cuarteto con dúas guitarras. Paco Charlín entrou hai uns catro anos sustituíndo a Juansy. Ao longo desa xeira o son foi evoluíndo de forma natural e chegamos ao que facemos hoxe en día.

- De onde vén o nome de Foxy Freire?

- VdS: Lémbrome que cando comezabamos, estabamos todo o tempo bromeando co apelido Freire, moi común nas Rías Baixas, sustituindo palabras en inglés ás que se parecía. Andabamos todo o día con ese xogo de palabras e ao final quedou de nome para a banda. Neste caso, Freire sustitúe a lady no Foxy Lady de Hendrix.

- Parte do repertorio e do estilo musical do grupo nútrese de temas de bandas dos 60 e 70 como Led Zeppelin, Black Sabbath, Cream...Coidan que o rock desas décadas foi o mellor da historia?

- Fernando Sánchez: Esas bandas foron a nosa escola nisto do rock. Nos primeiros tempos do grupo tocabamos moitas versións das bandas que comentas e outros como Jimi Hendrix,Blue Cheer, MC5, The Stooges, Leaf Hound,The Doors, The Beatles? Inevitablemente influenciarion no noso son e na nosa maneira de compór. Tendo estas referencias como punto de partida, fomos atopando o nosa identidade de forma moi orgánica.

- Entre os compoñentes do grupo hai xente moi destacada do ámbito do jazz, como Virxilio da Silva ou Paco Charlín. Cando tocan estes músicos con Foxy Freire esquécense do jazz ou aportan detalles jazzísticos ao son da banda?

- VdS: Poderíamos encontrar influencias jazzísticas en Hendrix ou Cream, pero iso non quere dicir que toquen jazz. Nós temos influencias desas bandas, que existiron nunha época en que todos os estilos bebían uns dos outros. Os MC5 veneraban a John Coltrane e Sun Ra e supoño que hai parte diso na súa música e, indirectamente, na nosa. Pero deixando o asunto das etiquetas a un lado, nós ofrecemos un espectáculo rock and roll; cólleo ou déixao, e morra o conto! (risos)

- Resulta doado hoxendía atopar locais onde tocar en directo en Galicia ou "calquera tempo pasado foi mellor"?

- F. S.: Creo que no tema da música en directo, en Galicia deberíamos falar de dous circuítos moi diferentes entre si. Por un lado están os festivais,que cremos que gozan de boa saúde nestes momentos e nos que, para nós, como músicos profesionais, é un luxo poder participar porque ademais de atoparnos con equipos humanos cheos de boa vontade e moi implicados con que a música chegue á xente, as condicións laborais do músico son máis dignas ou reguladas, por dicilo dalgunha maneira. Pola outra banda, está o circuíto de locais, nos que adoramos tocar pola maior proximidade co público, pero no que aínda cremos que hai moito por facer no relativo á dignificación da profesión de músico. Infelizmente, non é habitual atopar salas ou programadores que poidan ou estean dispostas a recoñecer os dereitos do músico como un profesional como outro calquera, asumindo os custos derivados desta forma de traballar (seguridade social,etc.). A pesar disto, tamén entendemos as dificuldades ás que se enfrontan os programadores para poder levar a cabo tales boas prácticas. Realmente o principal culpable da precariedade dos músicos é a administración cando, por exemplo , non fai posible que se cree un convenio específico para músicos.

- Que supón, sobre todo de cara ao futuro do grupo, que obtiveran Vdes. o Premio musical Martín Codax?

-V dS: Estamos moi contentos e orgullosos de sermos galardoados. É un pracer ver o teu traballo recoñecido; se cadra aínda máis neste caso, por ser os compañeiros de profesión quen deciden as propostas premiadas. Isto éncheunos de ledicia. Os premios xogan un papel moi importante na visibilización da música feita na nosa terra e agardamos que cada vez gozen de máis trascendencia nos medios. Agora ben, para ser sinceros, o premio non trouxo consigo que cambiara a nosa situación canto ao número de concertos que temos feito no último ano. O teléfono non comezou a sonar a partir de recibir o premio, por dicilo dalgunha maneira.

- Ata o de agora, para gravar e editar, optaron Vdes. pola autoprodución e o crowdfunding. Cal foi a resposta da xente? Por outra banda, realmente tan mal están as cousas para os grupos de rock coma o seu para que teñan que recorrer ao crowdfunding e poder editar así os seus traballos?

-F.S.:Foi a única maneira que tivemos para afrontar os gastos de gravación, misturas, máster, deseño e impresión das copias. Poderíamos ter gravado, pero non publicado en formato físico sen a gran de axuda de toda axente que aportou o seu grao de area para que o noso primeiro disco, Mongoose Tree, se tornase real. Así que aproveitamos esta oportunidade para agradecerllo a toda esa xente unha vez máis.

- Hoxe, facer música e que te coñezan é cáseque inviable a non ser que se recurra a colgar a música en Internet e agardar a resposta das descargas. Estanse Vdes. movendo tamén nas redes?

- F. S. : Toda a nosa música está disponible en Internet. Ademais diso, optamos por Creative Commons como modo de licenza para o noso disco Mongoose Tree.

- Cales son agora os seus próximos proxectos?

- V.dS: De cara a este ano, seguir tocando no circuíto galego cada vez máis e tamén comezar a saír fóra de Galicia para poder chegar cada vez a máis xente. Tamén queremos gravar música nova, na que xa estamos a traballar, e máis sorpresas que iredes descubrindo proximamente.

Compartir el artículo

stats