Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónica labrada en pedra

Núcleo Megalítico do Mezio (Arcos de Valdevez)

Anta da Porta do Mezio no Núcleo Megalítico do Mezio.

A Porta do Mezio, en Arcos de Valdevez, é unha das cinco entradas do Parque Nacional da Peneda Gerês, o paso a unha inmensidade de montañas e vales de Soajo e Peneda. Un territorio que a Unesco, pola súa importancia natural, considera como Reserva Mundial da Biosfera. Esta gran porta, ademais de ofrecer toda a información para visitar o espazo protexido, alberga un parque de aventuras e actividades e supón tamén a entrada a un mundo silencioso cheo de beleza e un halo de misterio. Son os seus monumentos megalíticos, pedras antigas, inmutables ao paso do tempo, que seguen aí, habitando o pasado e traspasando presente e futuro. O Núcleo Arqueolóxico do Mezio comprende un conxunto once monumentos megalíticos distribuídos nun quilómetro de extensión entre os montes de Guidão e de Gião cunha antigüidade aproximada de 5000 anos. En todo o parque abundan tamén os gravados rupestres e as pegadas dos antigos poboadores.

Repartido entre as parroquias de Cabana Maior e Soajo, este importante afloramento prehistórico está formado por once mámoas situadas nunha altiplanicie a uns setecentos metros de altitude. Dos once monumentos, oito son túmulos con estrutura dolménica. A gran maioría deles foron construídos ou utilizados como lugares de enterramento ou de ritual no período comprendido entre os séculos V e III antes de Cristo, durante o Neolítico e o Calcolítico.

As estruturas de Mezio seguen o prototipo habitual, un montículo de terra e pedras que alberga no seu interior o dolmen. As grandes laxes (as verticais e a horizontal) formaban unha cámara funeraria onde se depositaba o corpo acompañado de materiais asociados á actividade social e económica da comunidade, como recipientes cerámicos ou elementos de adorno.

A mámoa tiña como sentido protexer o espazo pero representa tamén unha forma singular de demarcar un lugar ritual e simbólico, particularmente importante para a sociedade que a construíu, que lentamente iniciaba un proceso de transformación no seu modo de vida cara a un modelo de economía de tipo sedentario.

Mezio foi enclave de elección das comunidades humanas prehistóricas que aquí cazaban, escenificaban rituais e creaban arte. Ademais das antas, na zona existen algúns dos gravados rupestres máis importantes do Noroeste peninsular, que desvelan misterios dun mundo perdido. Parte dos monumentos están na parroquia de Cabana Maior, onde se atopa a gran Anta do Mezio, ademais de numerosos gravados rupestres. Tamén hai achados arqueolóxicos en Lage dos Chãos, en Chã da Portela e, principalmente, os do monte do Gião, estudados polo coñecido arqueólogo -director, ata a súa xubilación, do parque Arqueolóxico do Vale do Côa e con anterioridade investigador do Parque Nacional Peneda-Gerês- António Martinho Baptista, autor de Arte do Gião. Nesta obra, o historiador estima que "as rochas gravadas do Gião comungam uma extraordinária paisagem natural, na qual se pode ainda hoje definir claramente um espaço estruturado, em que Arte e Meio Ambiente se conjugam em perfeito paradigma antropo-ecológico, não sendo descabido aplicar-se ao conjunto o conceito de Santuário. Com efeito, o observador mais atento que circule pelas rochas insculturadas do Gião, breve se apercebe serem estas limitadas, na sua maioria, a um espaço natural único". Os vestixios prehistóricos ocupan tamén a parroquia de Soajo, longa en pasado e patrimonio.

Para coñecer este gran manual de historia conservada en pedra existen varios traxectos. Un deles é o Trilho da Arqueoloxía, que organiza a propia Porta do Mezio. Trátase dun percorrido paisaxístico e arqueolóxico de seis quilómetros con guía, de fácil acceso e que alcanza a súa altura máxima a uns oitocentos metros no Monte Gião.

Monumento nacional

  • As antas da Serra do Soajo, ás que pertence o Núcleo Megalítico do Mezio, están catalogadas como Monumento Nacional de Portugal desde 1910. A zona inclúe varios elementos que foron obxecto de intervención arqueolóxica, entre eles as mámoas 1, 5 e 6. O visitante que se desprace ata o lugar ten a súa disposición información gráfica sobre os monumentos estudados, o que permite a comprensión de todo o conxunto arquitectónico primitivo así como das áreas valorizadas ao abrigo da intervención global. O núcleo megalítico do Mezio é de singular importancia, non só pola información científica que se puido recabar, tamén pola recuperación e divulgación patrimonial dun período tan remoto. Á magnitude cultural e paisaxística da zona, súmanse as opcións que ofrece Porta do Mezio, un espazo dotado de equipamentos cuxa finalidade é divulgar o Parque Nacional da Peneda Gerês. O conxunto acolle un Centro de Recepción e Información con área de exposicións, un museo rural, un Parque de Biodiversidade, a Aldeia dos Pequeninos, unha torre de observación, área de descanso, parque de aventura, piscina, observatorios de avifauna, parque infantil e invernadoiro. Ademais de disfrutar, o obxectivo deste centro é promover a sensibilización cara á natureza e a educación ambiental.

Compartir el artículo

stats