Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Da Pop Arte ás Transvangardas

Paula Rego na Bienal de Vila Nova da Cerveira

Unha das pezas de Paula Rego presentes na Bienal.

A Bienal Internacional de Vila Nova de Cerveira, so a coordinación artística do pintor Cabral Pinto, ofrece até o 16 de setembro unha variada oferta plástica con cerca de 500 participantes de 35 países, articulada ao redor do tema da Da Pop Arte às Transvanguardas, Apropriações da Arte Popular tendo como principal estrela unha atractiva exposición de homenaxe á pintora Paula Rego (Lisboa, 1935) unha artista que desenvolveu e segue a desenvolver a súa traxectoria dentro das coordenadas da Nova Figuración da chamada Escola de Londres.

A obra da Paula Rego entronca cunha tradición narrativa de longo alento na historia da arte. Como é ben coñecido, a pintura occidental en orixe é pintura de historia -esa "historia da salvación" que nos relataron artistas como Giotto, Masaccio ou Miguel Anxo -a "historia sagrada" tan familiar para os que temos algúns anos-, isto é "relato", narración. Unha liña que é froito dun proceso intelectual de pensamento histórico.

Esta constatación non deixa de resultar, para algúns, sorprendente no noso presente, xa que estamos nun momento en que se entende o xénero pictórico desde múltiples perspectivas mais que adoitan deixar esta tradición da representación fóra dos discursos plásticos, ás veces con vontade de "vender" produtos que non problematicen o potencial espectador/consumidor con obras semanticamente cargadas de significado, habitualmente conflitivo.

Moi lonxe destes preconceptos, a pintura da artista portuguesa Paula Rego reivindica na súa praxe esta orixe nitidamente narrativa, mais faino desde a modernidade que se manifesta na súa fragmentariedade e na súa hibridación, con referencias á literatura, ao conto popular ou ao cinema.

A artista crea, por medio de debuxos e pinturas, peculiares historias, afondando no seu propio eu, creando de identidades-outras. O conxunto do seu traballo permite ir descubrindo aos poucos o relato, atravesando escenas que funcionan como diferentes camadas e nas que xoga co concepto de voyeur en canto se gorenta ao invadir a intimidade do outro.

Semella que Paula Rego, co conxunto do seu labor, propuxese unha serie de Bildungsromane, series plástica que funcionan como novelas de formación, representando un mundo de identidades múltiples, un bucle de enmascaramentos, con complexidade de sentimentos mais con reflexións de xénero ben patentes. Aínda que o descaougo é ben perceptíbel, esta percepción non é necesariamente sempre negativa, porque tamén debemos entendelo como requento, lévedo que posibilita a vida.

Partindo destes presupostos, a artista propón ao espectador penetrar neste universo plástico, como se estivese debruzándose sobre un escenario teatral ou cinematográfico, e faino creando un ambiente que facilita que sintamos unha identificación intuitiva con ese universo, que percibamos un xénero de simpatía -no sentido etimolóxico- intelectual por medio da que nos colocamos no interior do mundo por ela elaborado, de modo a coincidir con aquilo que é único no mesmo e, consecuentemente, non se pode espremer. Sigo aquí os conceptos metafísicos de Henri Bergson porque acho na obra de Paula Rego esa vontade de resaltar a centralidade da consciencia da que falaba o filósofo francés, compartindo neste sentido preocupacións co pensador alemán Edmund Husserl.

Mais as imaxes son para Paula Rego, sobre todo, lugares do tempo-agora (o Jetztzeit de Walter Benjamin), lugares do acontecemento. Acontecementos abertos e fragmentados, mais non por iso menos intensos, niso que o espectador debe mergullarse para unha fluída percepción.

Título: Bienal Internacional de Arte de Cerveira, Da Pop Arte às Transvanguardas, Apropriações da Arte Popular. Local: Vila Nova de Cerveira (espazos centrais), con mostras en Caminha, Paredes de Coura, Ourense e Vigo.Até o 16 de setembro de 2017.

A pintura como Bildungsroman

  • Que é, pois, o que acontece nesas obras, ás veces seriadas como nas series de gravados de danza, pois o que nos presenta é precisamente un lévedo, que posibilita diálogos multidireccionais: coa tradición artística, con diferentes soportes e definindo o lugar do espectador como o dun voyeur intensamente implicado no universo en fermentación vital que se manifesta en toda a súa complexidade. Inmiscidos de cheo na obra que nos ofrece Pula Rego, crúzansenos na mente -como nun Atlas Mnemosyne da pintura clásica- unha enxurrada de imaxes. Nestes cruzamentos, as figuras femininas son proxección e son máscaras. Lémbrese que a carauta era na arte clásica e renacentista atributo de Talía, musa do teatro. Así nas vanitas era un exemplo das vaidades do mundo anuladas pola morte, como os libros, as moedas, as xoias ou as armas. Paula Rego reforza a idea de representación, aparecendo un mundo en que se pode subsistir sen ar mais non sen camuflaxe. Non debemos esquecer que na arte antiga a máscara tamén representaba a verdade, normalmente tomando corpo nunha fermosa rapariga que portaba unha carauta rota. Non teñen algo de máscara rota estas mulleres que danzan, soñan, sofren pesadelos realizando unha vaixe introspectiva, que constrúen o seu singular Bildungsroman, que camiñan ao redor de si para finalmente aceptaren, desde a lucidez, que a vida é ese escenario do acontecer e do soño? Puro teatro.

Compartir el artículo

stats