Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Historia sobre catro rodas

Museo Rexional do Automóbil (Fafe)

Citröen de fins dos 40.

Ao entrarmos nel, a primeira sensación que esperta é a de nostalxia e agarimo. Todos, pero especialmente os amantes dos vehículos clásicos, terán debuxado, sen dúbida, un sorriso no rostro e percorrerán unha e outra vez os corredores para contemplar, precisamente, eses coches que xa non están na estrada, que forman parte da maxia doutra época. O Museu Rexional do Automóbil de Fafe (cidade situada moi preto de Braga) é o terceiro do país irmán e un dos máis interesantes para coñecer a historia e mais a memoria dos autos motorizados. Inaugurado en xullo de 1997, hai agora vinte anos, o Museo Rexional do Automóbil é asemade unha iniciativa conxunta do Município de Fafe, da Região de Turismo Verde Minho e do Clube Português de Automóveis Antigos, cuxo obxectivo é preservar tanto coches de outrora como pezas e obxectos relacionados co seu uso e fabricación.

Fafe converteuse desde a década dos oitenta nun dos lugares imprescindibles do deporte automobilístico en Portugal. Os tramos emocionantes de Lameirinha e de Luílhas, cos seus dous famosos "saltos" que cortan a respiración e mais o espectacular descenso de Confurco, fixeron do concello un punto de referencia fundamental no contexto das probas motorizadas, alcanzando a localidade a categoría de "Catedral dos Ralis".

Polas condicións naturais das probas clasificatorias e polo investimento realizado polo municipio ao longo do tempo no deporte das catro rodas, Fafe foi escollida para ser sede do Museu Rexional do Automóbill. Trátase dun museo dinámico, pois as coleccións están en permanente renovación a través dun intercambio co Clube Português do Automóvel do Porto. O centro comezou expoñendo trinta e oito vehículos e tres motos: un conxunto que xa suma moitos máis exemplares, todos eles reliquias de alto valor histórico e sentimental a cubriren un período temporal que vai desde 1903 aos anos sesenta do pasado século

Na mostra -que vai cambiando cada tempo, ata cinco e seis veces ao ano- conta con auténticas xoias, tal vén ser o caso dun Renault Victoria de 1909, de catro cilindros, o terceiro que se matriculou en Portugal e de orixe francesa, que aínda se move hoxe coas súas rodas e pezas orixinais, ou velaí esoutro Charronete, tamén do país galo, do ano 1922 e de 875 centímetros cúbicos. Algunhas outras pezas son un fermoso Toyota Corolla 1200 de 1972, un Vauxhall inglés modelo Hix de 1947 ou un Chevrolet Skyline de 1952.

En Portugal existen gran número de exemplares de vehículos antigos, aínda que non son moitos os espazos museolóxicos accesibles ao público onde poden verse. De aí a importancia deste museo en Fafe, lugar conceptuado do deporte automobilístico tanto nacional como internacionalmente desde hai tempo. Á súa importante colección de coches de época, o centro suma un legado que inclúe tamén motores, accesorios e réplicas relacionadas cos vehículos e co mundo da paixón sobre catro rodas.

Outros espazos expositivos

  • A fermosa Fafe conta, ademais, con outros museos de interese, como o da Imprensa, cuxo núcleo estructurante é o acervo tipográfico e documental do extinto periódico O Desforço (fundado en 1892) e tamén do Almanaque Ilustrado de Fafe (1909), adquirido polo concello. Forman parte do seu contido -entre outros- as máquinas e equipos necesarios para a composición, impresión e acabado do xornal e asemade unha importante colección de gravados utilizados en ambos os rotativos. Da colección destaca unha prensa de 1885, así como máquinas máis recentes, coa perspectiva dun seguimento evolutivo do traballo tipográfico, desde a composición manual á mecánica. O capital de moitos fafenses emigrados a Brasil deu lugar a un conxunto de construcións de finais do século XIX e principios do XX que ocupan parte do centro urbano e conforman un dos emblemas do concello. O centro urbano ofrece tamén o encanto do Jardim do Calvário, un parque público decimonónico desde o cal se divisa a deslumbrante Serra da Lameira, ou aínda a historia e mais a arte da igrexa matriz, un dos máis belos e antigos monumentos relixiosos do municipio. Abundan tamén as casas brasonadas outrora ligadas a unha aristocracia industrial como a Casa dos Condes de Azevedo ou a Casa do Santo Velho. Nun dos edificios con historia de Fafe, na antiga e centenaria escola Deolinda Leite, acaba de abrir as súas portas o Museu da Educação, que mostra cronoloxicamente a evolución do ensino no concello e no país -marcando diferentes etapas, como ao longo do Estado Novo ou despois do 25 de abril- desde os séculos XIX ao XXI. Aquí recréase tamén unha aula do pasado, coas carteiras, a mesa do profesor, os mapas, as caixas métricas e moitos outros elementos e aspectos. A educación foi unha das grandes apostas dos emigrantes fafenses en Brasil, coñecidos como brasileiros de torna viagem. O espazo museolóxico contextualiza así parte da historia do concello, en especial a que se relaciona coa emigración e retorno de América, desde finais do século XIX e comezos do XX. En fin, a rede museística fafense suma aínda outros lugares de innegable interese, como o Museu das Migrações e das Comunidades, o Museu do Moínho e do Povo de Aboim ou o Museu Hidroeléctrico de Santa Rita, en Fornelos.

Compartir el artículo

stats