Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Rafael Quintía: "Galicia é un auténtico paraíso antropolóxico"

O antropólogo vigués Rafael Quintía. // Foto: Gustavo Santos

- Mariña: de deusa a santa é o resultado dunha investigación que se enmarca dentro do ámbito da apropiación dos mitos célticos polo cristianismo. O da Mariña ten algunha particularidade que o faga especial en relación a outros casos?

-Máis que da apropiación dos mitos célticos, fala da apropiación por parte do cristianismo dos lugares de culto, das deidades adoradas na Gallaecia precristiá e dos atributos e funcións destas deidades. En definitiva, de como o cristianismo tivo que botar man dos cultos galaicos e do simbolismo das súas deidades para poder implantarse no noroeste peninsular e que esta nova relixión resultase útil e aceptable para unha sociedade agrariogandeira como a galaica. A construción do culto á Mariña galega ten de especial a súa distribución no territorio, a localización de moitos dos seus santuarios, a existencia da súa suposta tumba en Augas Santas e os atributos e funcións atribuídos á santa, o que nos levan a pensar que estamos ante a substitución dunha antiga deidade feminina galaica. Tamén é destacable como na construción do mito se seguiron patróns similares aos aplicados noutros países europeos cun substrato cultural similar e como se reempregaron e reeinterpretaron elementos simbólicos pertencentes ao contexto relixioso galaico e ao material mitolóxico céltico.

- Malia o xa investigado e publicado, o das deidades célticas é un mundo no que aínda hai moito por descubrir. Para empezar, que expresión sería máis axeitada: deuses célticos ou deuses castrexos, mitos célticos ou mitos catrexos?

-O estudo da relixión que practicaban os pobos galaicos da Idade do Ferro é un campo aínda en cueiros. Carecemos case por completo de fontes escritas, agás a epigrafía e algunhas citas de escritores latinos, hai moi poucos santuarios localizados e aínda son menos os estudados. En definitiva, queda moito por saber e moito traballo de prospección e investigación por facer. Eu penso que debemos referirnos a estes deuses como deuses galaicos aínda que o panteón relixioso galaico poidamos enmarcalo tamén dentro do esquema ideolóxico da relixión practicada polos pobos de cultura céltica. En todo caso, o cualificativo de "castrexo" para referirse aos habitantes da Gallaecia da Idade do Ferro e a súa cultura ou relixión paréceme un grave erro, pois non só carece de rigor científico e histórico, xa que coñecemos os nomes dos pobos que aquí habitaban e en castros vivían moitas das poboacións europeas nesa época, senón que ademais é unha construción ideolóxica que leva ao desligamento co noso pasado e a nosa identidade como pobo. Eu, posto a utilizar unha denominación inventada, prefiro a tradicional e chamarlles mouros.

- Foron, efectivamente, os romanos os primeiros en "reconverter" os lugares de adoración das deidades en lugares santos, é dicir, en "cristianizar" Galicia, ou trátase dun proceso posterior?

-Posiblemente, os romanos reutilizaron lugares de culto xa existentes antes da súa chegada. Asimilaron o seu panteón aos nosos deuses e, por suposto, tamén introduciron na Gallaecia a súa relixión e os seus cultos. Indubidablemente, que, séculos despois da conquista, Roma adoptase o cristianismo no ano 325 como relixión do imperio influíu na súa extensión, pero o proceso cristianizador da Gallaecia aconteceu a partir de finais do século III e comezos do IV e foi un procesos inicialmente asociado ás urbes. O pobo seguiu practicando os seus vellos cultos e ritos moito tempo, como testemuña San Martiño de Dumio e aínda hoxe en día moitas desas vellas maneiras e crenzas sobreviven sincretizadas no cristianismo galego.

- Como coida que reaccionaron os antigos poboadores de Galicia ante a imposición do que practicamente pode chamarse unha relixión nova e allea?

-Nos procesos de colonización, aculturación ou conquista adoita acontecer que ás elites locais -que sempre queren manter o seu status quo- ou aqueles que queren ascender no escalafón social tenden a adoptar e imitar as prácticas das elites dominantes. Iso tamén pasa coa relixión. Por outra parte, a Igrexa moitas veces amosou unha grande habilidade ao respectar os vellos lugares de culto e ao permitir determinadas prácticas a cambio de que estas se fixesen ao amparo dos santos, as santas e as virxes, que serviron para suplantar as deidades pagás nas súas funcións e virtudes. Por suposto, noutros casos tamén houbo prohibición, imposición e persecución ante unha poboación que, loxicamente, se resistía a cambiar a súa forma de ver o mundo por outra nova e allea.

- Noutro dos seus traballos, pescudou Vde. o mito da moura galega. De onde provén a tradición dos mouros e as mouras como seres máxicos?

-Hai que diferenciar entre a figura dos mouros e da Moura. Os mouros son un construto cultural do pobo para dar unha explicación a un legado arqueolóxico do pasado do cal descoñecían a súa orixe. Ademais serviron para reforzar a identidade do labrego a través dun proceso de alteridade e para construír e reinterpretar a nosa paisaxe dende unha clave cultural e fundamentalmente mítica. Por suposto, as lendas de mouros e de mouras tamén serviron para transmitir valores morais e éticos da sociedade tradicional galega e como ferramenta de aprendizaxe e educación do máis cativos nos valores culturais propios. A figura da Moura, na miña opinión, é algo máis complexa e a súa orixe diferente á dos mouros. A Moura, simplificando moito, sería a reminiscencia mitificada dunha antiga deidade feminina asociada á natureza, a vida, a morte e o destino. Un auténtico ser civilizador e o mito máis importante da nosa cultura.

- Moito tempo despois da ocupación romana, aínda se mantivo o fenómeno de "cristianizar" as antigas deidades e os seus lugares. De onde proveñen os mitos anteriores a Santiago ou a Santo André de Teixido? Tamén se trata de mitos célticos?

-Os mitos fanse, refanse, reelabóranse unha e outra vez ao longo do tempo. Como a cultura, non son algo estático senón dinámico e que flúe. As lendas que compoñen o mito do Santiago apóstolo en Galicia ou o de Santo André de Teixido son lendas galegas de orixe cristiá, pero na súa configuración contan tamén con elementos simbólicos máis arcaicos e pertencentes á esfera ideolóxica precristiá ou pagá e inclúen moitos elementos autóctonos. Moitos destes elementos e símbolos son comúns aos que atopamos na mitoloxía dos países chamados célticos pero tamén nos doutros países e lugares alleos á cornixa atlántica europea.

- Para un antropólogo, é Galicia unha zona especialmente atractiva para a investigación?

-Non só é atractiva, senón que é un auténtico paraíso antropolóxico. Iso xa o souberon ver dende hai décadas moitos antropólogos estranxeiros que atoparon na nosa terra un campo de estudo fascinante, como foi o caso de Staffan Mörling, Gustav Henningsen ou Lisón Tolosana. Por iso non se entende que, tendo a riqueza cultural que temos, en ningunha das tres universidades galegas se poida estudar o grado de antropoloxía nin tan sequera un mestrado.

Compartir el artículo

stats