Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Confesión xeral

Gordillo: a arte da fuga

Abstracción Tobey (1959).

A posición da pintura, o seu estatus no panorama da arte, móvese desde as vangardas históricas nas coordenadas dunha dupla polaridade: as da súa resistencia e as da súa posíbel desaparición, e nese contexto e debate cómpre inscribir os repetidos discursos da súa decadencia e da súa total disolución.

A reflexión sobre o presente da pintura e sobre a súa relación e viabilidade como linguaxe en distintos soportes é un dos temas máis patentes na obra, nos escritos e nas entrevistas do pintor Luis Gordillo (Sevilla, 1934), figura fundamental do contexto artístico español desde hai cincuenta anos.

Confesión xeral, a mostra antoláxica que presenta agora o CGAC na súa sede de Santiago de Compostela, revisa esta traxectoría desde os primeiros pasos a finais dos cincuenta até, practicamente, a súa obra actual. Por medio dunha atractiva montaxe, permítesenos enxergar como en todas as etapas da traxectoria do pintor está esta tensión, da que vai xurdir a súa orixinalidade como froito dun proceso notoriamente reflexivo que parte dunha asimiliación de influencias para pasar a unha inmediata incomodidade e culminar nunha síntese iluminadora, síntese en que o irónico vai xogar un papel de senlleira importancia.

O que nos ofrece a visión de conxunto da obra de Luis Gordillo é unha ollada e unha intervención dirixida sobre os camiños abertos que a pintura posibilitaba -e posibilita- desde o herdanza das vangardas históricas e do informalismo en que dá os primeiros pasos. Para crear a súa propia linguaxe o pintor sevillano foi desenvolvendo un enleado tecido de liñas que sempre conseguiron, en cada momento -desde a particular pop crítica dos sesenta coas súas "Cabezas" até a intensa distorsión de obras actual como ¿Es esto el futuro? (2014)- crear propostas dun presente rigoroso sempre inseridas tamén na tradición do medio pictórico, permitindo ao espectador ter sempre a sensación de estar perante traballos dunha actuante actualidade e, ao tempo, sentilos como froito dunha vizosa tradición. Contemplando as súas obras somos concientes de que o pintor utiliza un instrumento xa formado cuxos mecanismos se transmiten intactos e ao tempo contantemente anovados. A sensación de conxunto é que fronte á obra de Luis Gordillo percibimos que a pintura, a pesar de todas as mudanzas, continúa a ser un ben común e que é o pensamento, a idea, a que é atinxida pola alteridade, continuando en boa medida a forma a ser un valor de uso a pesar da complexidade do noso presente.

Esta situación do pictórico que amosa a totalidade da obra de Gordillo sitúase no contexto das tensións da sociedade ao longo dos últimos cincuenta anos, as súas pulsións permiten percibir a súa pintura como obxecto de moduladas tranformacións que o propio pintor definía cunha analoxía musical ao sinalar que a súa obra pode ser dividida en dúas partes, como nas fugas musicais tipo Bach, en que dúas melodías se intefiren entre si, mais que se dinamizan, contrapoñen e enriquecen no contacto entre elas.

O constante presente da obra de Gordillo, o da súa produción total desde hai cincuenta anos, o que nos amosa, sitúanos, a pesar da súa orixe, alén dos debates da vangarda histórica, como poderían ser os que se centraban na dicotomía abstracción-figuración; encádranos nun contexto distinto en que a pintura que nos ofrece é plenamente consciente da súa historicidade, mais tamén da súa carga de intensa cultura visual, de xeito que a obra, alén das súa intrínsecas calidades, devén en reflexión metapictórica, sendo a propia pintura a que funciona como auténtica espoleta para a súa constante rexeneración, nun exercicio duplo: introspectivo e extensivo ao tempo, nos que os campos de exploración van desde o diálogo coa historia da pintura ao mundo da imaxe como territorio de narración pictórica, pasando polas diferentes representacións da realidade fragmentada, ou a utilización e reflexión sobre o tempo para conseguir un tipo de percepción diferente e máis profunda. Ao final podemos chegar á conclusión que a pintura é para Gordillo, no profundo, un problema de tensión narrativa e de consciencia e sen ela a obra perdería calquera valor e capacidade de comunicación.

Título: Confesión xeral

Artista: Luis Gordillo

Local: CGAC, Santiago de Compostela

Produción: Centro Andaluz de Arte Contemporáneo, Sevilla; Centro Koldo Mitxelena Kulturnea, Donostia; Centro Guerrero de Granada; Patronato de la Alhambra y el Generalife, Granada e CGAC.

Comisariado: Juan Antonio Álvarez Reyes e Santiago Olmo

Até o 17 de setembro

Seis décadas de creación

  • Confesión xeral ofrece un percorrido ao longo de seis décadas, repasando todas as etapas da creación do pintor. Como singularidade cómpre sinalar a presenza de obras da etapa inicial informalista de finais dos cincuenta e o relevante papel que na mostra ten a obra debuxística e sobre papel, que en moitos casos nunca fora exposta en anteriores retrospectivas do artista. En palabras do propio artista, a exposición permite contemplar os vieiros percorridos até configurar un territorio Gordillo.

Compartir el artículo

stats