Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Transcender as biografías

O relato dunha desorde que respira

Transcender as biografías

Se a pintura é un modo de ollar a luz, a biografía é un modo de ollar a vida. Rexistrar e analizar ambos ollares é deber do biógrafo. E iso é o que fixo Xosé María Álvarez Cáccamo en As artes da vida de Ánxel Huete: transcender as fronteiras das biografías ao uso e as súas estreiteces sistemáticas. Na casa dos seus sesenta e sete anos transita ceibemente polos días do amigo, polos cadros que pintou, polas viaxes que emprendeu e as paixóns que habitou. No prólogo, o autor infórmanos que non estamos perante unha biografía canónica, mais nunha sucesión de retratos. Eu agregaría que nunha proliferación de voces, pois son frecuentes as incursións de textos de testemuñas, familiares, conterráneos, que amplían a claridade sabia do conxunto. Outras veces o proprio artista realiza as súas confesións (magnífica a narración do seu encontro co cantante francés Charles Trenet; ou a descrición dos anos turbulentos de Berlín tan cheos de estupor e de fulgor revolucionario na estadía dos anos setenta). Todo isto escrito desde o centro afectivo de Pepe Cáccamo, o que nos dá unha idea da profunda amizade que profesan.

O primeiro capítulo, Wind surf, contempla o pintor como un deportista obstinado: "Sobre o lenzo do mar, ocupados brazos e mans no manexo da botavara, pintaba cos pés o itinerario cambiante da súa singradura". En O coche de lata, os primeiros anos do vivir, o seu clima cromático, o carrosel de estrañezas, a época medoña. En Europa o artista escapa do terror da ditadura practicando un nomadismo rebelde. Viaxará polo Vello Continente, coñecerá países máis felices (París sempre é unha festa), algunha decepción, camaradas inquebrantábeis, experimentará novos desexos, loitará contra os fascismos. En Atlántica e outros continentes mergúllase na obra do pintor: o concurso das cores, as tintas salitradas, a xeometría dos temperamentos e as fases que a definen (a serie das Caixas, o recorte do espazo, etc.), para, posteriormente, centrarse na exposición de Baiona de 1980, esa data fulcral na historia das artes plásticas do noso país, e nos seus pormenores. A terceira vida contén dúas sorpresas: o seu labor docente e a fulguración do amor ao lado de Coté. A sexta sección, Futuro, defínese como "o futuro dos entusiastas, xénero ao que pertence o protagonista desta historia, é un presente elástico e aínda prometedor". Para finalizar, resultan esclarecedores os comentarios á obra pictórica de Huete, os mecanismos en que xerminan a raiba e a paixón, o espanto e a beleza, o impulso metafísico, as simetrías da temperatura, a materialización do tempo como pausa ou como unha cor que se fai eterna e absoluta, de repente. Porque algo así é a vida, unha desorde que respira.

ÁLVAREZ CÁCCAMO, X.Mª. As artes da vida de Ánxel Huete, Ed. Laiovento, Santiago, 2017, PVP. 14, 20 ?

Compartir el artículo

stats