Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Operación memoria

Cinema e Transición

Fotograma de 7 días de enero (1979).

Alén das revisións cinematográficas da Guerra Civil realizadas en democracia -en menor cantidade do que algúns sectores afirman-, o cine español apenas amosou certa querenza a relatar na pantalla a súa propia historia, agás na década dos corenta, cando a ditadura decidiu promover o cinema histórico como arma propagandística para afianzar o "sentimento nacional" e oufanarse dun "pasado glorioso". Nestes últimos días, ao abeiro do corenta aniversario das primeiras eleccións democráticas celebradas en España tras a morte de Franco, televisión, radio e prensa volveron encher os seus espazos con monográficos sobre a Transición, período que marca, nin máis nin menos, o paso dunha ditadura a unha democracia. Sorprende comprobar como, catro décadas despois, a cinematografía hispana continúa sen prestar demasiada atención aos sucesos acontecidos nestes anos que, para ben ou para mal, seguen a marcar as nosas vidas na actualidade.

Focalizada pola súa ideoloxía comunista, a disidente mirada de Juan Antonio Bardem sempre procurou un cine "politicamente eficaz" que dera conta, a través da metáfora na ditadura e dun xeito máis explícito na democracia, dunha trama apegada á realidade. Precisamente, Bardem puxo en forma fílmica un dos acontecementos máis convulsos da Transición: o asasinato dos avogados do despacho de Atocha a mans dun grupo de extrema dereita, en 7 días de enero (1979). Anos máis tarde, o director madrileño, xa en manifesta decadencia, repasaba en Resultado final (1996) o sucedido a finais da década dos setenta.

A sombra de ETA tamén asolagou o proceso de democratización de España nese e, por desgraza, en posteriores períodos. Precisamente, o atentado mortal do Presidente do Goberno Carrero Blanco, perpetrado polo grupo terrorista vasco, marca, segundo os historiadores, o inicio da Transición española. Este suceso quedou plasmado en pantalla grazas a unha coprodución hispano-italiana dirixida por Gillo Pontecorvo: Operación Ogro (1979). Pola súa parte, Imanol Uribe pasa por ser un dos directores que máis e mellor tratou o tema do terrorismo etarra. No documental El proceso de Burgos (1979), Uribe recopila testemuñas dos procesados na causa que xulgaba o asasinato de Melitón Menzanas, comisario da brigada político-militar de Guipuzcoa. De seguido, volvía incidir no mundo abertzale con La fuga de Segovia (1981), onde narraba os feitos reais do escape masivo de membros de ETA no ano 1976. As tres películas citadas foron estreadas en España cando a democracia aínda andaba con pasos indecisos; porén, hoxe en día, por mor dun proceso involutivo ao que algún día haberá que poñer freo, sería case imposible a súa estrea sen suscitar un escándalo político.

O suceso que a piques estivo de truncar o proceso democrático, o golpe de Estado do 23 de febreiro de 1981 foi ficcionalizado recentemente en 23 F: La película (Chema de la Peña, 2011). Tamén coa perspectiva que ofrece o paso dos anos, atopamos a película de Manuel Huerga Salvador (2006), que describe o xuízo e a execución do anarquista catalán Salvador Puig Antich, membro do MIL (Movemento Ibérico de Liberación).

Como fondo dun relato policíaco, Alberto Rodríguez, outro director que procura enmarcar os seus filmes en contextos históricos determinados para engadir unha carga interpretativa á trama, realizou en 2014 La isla mínima. Ambientada a principios dos anos 80 no rural andaluz, dous policías que representan a "vella" e a "nova España", exteriorizan a problemática dunha segunda transición descoidada: a da mentalidade dunha sociedade atrasada e franquista por defecto de educación e a de sectores das forzas de seguridade, por exceso de nostalxia a un pasado recente.

Simbiose

  • Un dos aspectos máis interesantes do período coñecido como Transición radica na simbiose entre as formas fílmicas e os discursos ideolóxicos. Unha sociedade que viviu sometida durante varias décadas, vai aproveitar o clima de crecente liberdade, non só para cargar de espidos as nosas pantallas, senón tamén para aportar a aparición de discursos reveladores dunha certa disidencia política. Un punto culminante desta etapa foi o Decreto-Lei do 11 de novembro de 1977 que certifica a desaparición formal da censura e o inicio dunha maior liberdade de produción. Se nos últimos anos do franquismo politicamente distinguíanse tres grupos -o búnker, a apertura e a disidencia-, coa chegada da democracia, as opcións ideolóxicas ampliaranse e acabarán por ter o seu reflexo no ámbito cinematográfico: os últimos suspiros das forzas reaccionarias -Rafael Gil, Mariano Ozores e Eduardo Manzanos-, a dereita moderada que admite a democracia como un final inevitable -Pedro Lazaga, Pedro Masó e José María Forqué-, unha esquerda pactista -Fernando Colomo, Fernando Trueba, José Luis Garci e José Luis García Sánchez-, e unha esquerda radical que non se conforma coa democracia burguesa -Pere Portabella, Eloy de la Iglesia, Juan Antonio Bardem e Joaquim Jordá.

Compartir el artículo

stats