Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Novas cantigas de cámara

Antonio Pereira musicado por Amancio Prada

Novas cantigas de cámara

Do mesmo xeito que, como acontece na música clásica, ao carón das grandes orquestras xorden os pequenos grupos de música de cámara -esas formacions de poucos compoñentes que interpretan composicions de menos duración que as sinfonías ou as sonatas- cando, a principios dos anos setenta, Amancio Prada comezou a publicar os seus discos en España, despois duns anos iniciais en París, a crítica bautizou o seu estilo musical como "cantigas de cámara". Dende entón, Prada nunca deixou de insistir nesa persoal líña musical,se ben que foi introducindo novos instrumentos (cómpre recordar que nos seus primeiros discos se acompañabas soamente da súa guitarra e do violonchelo de Eduardo Gattinoni) e experimentando novos sons, mantendo sempre un acompañamento moi sinxelo sobre o cal a súa voz esvara como se fose outro instrumento máis.

A outra constante da produción de Amancio Prada, que se ten mantido invariable no tempo, vén ser a musicalización da obra de grandes poetas. Pois ben; cómpre dicir que, desde a nosa estima, resulta ser este seu último traballo aquel no cal a música se identifica con maior autenticidade cos versos daqueles a quen ten adicadas as composicions, ben sexan clásicos ou contemporáneos. Aí estaban xa os discos con poemas de Rosalía de Castro, Federico García Lorca, Jorge Manrique, Agustín García Calvo, San Xoánda Cruz? unha obra que algún día haberá que valorar no seu conxunto.

E chéganos agora un novo disco do autor, dedicado ao poeta e escritor leonés Antonio Pereira. O título, Yo con vosotros, alude á presenza que Pereira mantén, tras do seu pasamento en 2009, entre aqueles que o coñeceron e gozaron da súa amizde, pero tamén entre os que admiraron a súa excelente obra literaria. O disco, editado con gusto exquisito, cunha excelente ilustración/collage debida ao poeta e artista plástico Juan Carlos Mestre e mais ao fotógrafo José Antonio Robés, recolle tres cantigas curtas ("Afirmación de vecindad", "Los regalos" y "¿Oporto, sir?") e unha cuarta ("La canción de peregrinos") de máis longa duración, construídas sobre outros tantos poemas de Antonio Pereira, cantados por Amancio Prada, quen tamén é o autor da música de todos eles. A identificación entre notación musical e texto prodúcese neste caso grazas á compoñente de "música calada" coa que Amancio Prada identifica a poesía de Antonio Pereira: "Moitos dos seus poemas xa teñen música", ten dito o cantautor sobre a obra do escritor leonés.

Neste caso a instrumentalización segue a liña de anteriores producións do cantante do Bierzo, se ben a mestura de instrumentos aporta nesta ocasión sons inéditos na súa obra. Á guitarra e á zanfona, tocadas polo propio Prada, véñense engadir aínda dous violonchelos (os de Amarilis Dueñas e Rafael Domínguez), un acordeón (Cuco Pérez) e a trompa e mais a viola amarantina tocadas por Luis Delgado, quen tamén se encarga da percusión. O disco foi rexistrado totalmente, de xeito case artesanal, nos estudios de gravación que Delgado ten na vila vallisoletana de Urueña. O resultado é unha obra dunha gran beleza tanto na súa presentación formal (un panel extensible que recolle a obra de Carlos Mestre e anacos dos poemas de Antonio Pereira) coma na súa música, coa calidade á que nos ten acostumados desde sempre Amancio Prada.

Á canda do pobo

  • Hai unha película de José María Martín Sarmiento titulada El filandón que recolle o vello costume dos contistas leoneses de ler os seus relatos en público ou arredor dunha mesa que congrega a amigos e coñecidos, ou tamén de contalos improvisando parte dos seus contidos. Os leoneses Juan Pedro Aparicio, Luis Mateo Díez e José María Merino son algúns dos escritores máis coñecidos que teñen practicado, ou ainda practican, esta tradición. Un asiduo a estes filandones foi o poeta Antonio Pereira (Vilafranca do Bierzo, León, 1923-2009) quen, máis aló da sua poesía intimista e moi persoal, debía a súa popularidade a estes relatos que gostaba ler en público. Cun deles, "Una ventana a la carretera", deuse a coñecer en 1966 ao ser o gañador do concurso de relato breve Leopoldo Alas. Despois viñeron Cuentos del noroeste mágico, Oficio de volar, Cuentos de la Cábila ou El ingeniero Balboa y otras historias civiles. Co libro de relatos Las ciudades de poniente, Pereira gañou en 1994 o Premio Torrente Ballester de narrativa. Pero Pereira foi, ademais, novelista ( País de los Losadas, Un sitio para Soledad), recoñecido por un público perto del que admiraba a súa obra narrativa e poética. Tamén veu colaborando, dende 1950, no Diario de León con artigos sobor temas de actualidade baixo a cabeceira "Atalaya". Entre os seus libros de poemas destacan Contar y seguir: 1962-1972 e Meteoros. Poesía 1962-2006, esta última considerada habitualmente coma a súa antoloxía definitiva.

Compartir el artículo

stats