Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Arredor de 'Reconstrución'

Apropiacións e reelaboracións nun proxecto artístico colectivo

Arredor de 'Reconstrución'

A Fundación Barrié presenta na súa sede de Vigo, até o 17 de setembro, o proxecto expositivo Reconstrución. Obras dun taller de colaxe con material atopado, que amosa un traballo artístico colectivo, desenvolvido no obradoiro do mesmo nome organizado por Emaús Fundación Social en 2016 so a dirección do pintor Ignacio Pérez-Jofre, que pretende provocar unha reflexión sobre a sobreabundancia de lixo na sociedade de consumo, a reutilización dos residuos e mais as capacidades formativas e transformadoras da arte. Esta experiencia colectiva é concibida como unha contribución ao desenvolvemento das capacidades de observación, análise, configuración e expresión a través da linguaxe da arte contemporánea e achega, como valor acrecentado, a materialización dunha iniciativa que tenta facer fronte aos estereotipos negativos e prexuízos existentes na sociedade cara ás persoas en situación de exclusión social.

A exposición inclúe, alén das obras producidas no obradoiro, a realización dun mural colectivo realizado in situ por todas as persoas participantes, baixo a dirección de Ignacio Pérez-Jofre, así como o desenvolvemento de obradoiros abertos ao público que terán por obxecto a realización de composicións que serán integradas na exposición.

O proceso inicial de traballo do proxecto partiu da recollida do lixo que se pode encontrar nas rúas de calquera cidade: retrincos de lenzo, cabichas, plásticos, anacos de vidro, papeis, táboas ou cartóns. Con este material Ignacio Pérez-Jofre orientou os traballos, realizados por un equipo de estudantes, graduadas en Belas Artes e persoas en situación de exclusión social, na liña das orientacións seguidas por creadores contemporáneos como Tony Cragg ou Vik Muniz.

Como acontece nas obras destes artistas, os traballos de Reconstrución recrean imaxes que xeralmente parten doutras ben coñecidas, algunhas auténticas presenzas iconográficas da nosa sociedade (O Che; Audrey Hepburn...). Preténdese afondar na nosa visión, gañar a nosa atención para "ver" como esas representacións son en realidade, tentando contrastar o exceso de información e coñecemento visual que nos abafa para percibir con ollos distintos, sensíbeis de novo ao impacto da imaxe, o que nos leva como espectadores a pasar máis tempo a observar a imaxe, a unha intensificación da recepción.

O traballo faise cunha enorme variedade de materiais e elaborando a obra en series: "Transeuntes", "Retratos", "Emaús Praza" e "Vigo dende o Berbés". Todas teñen en común o material de reciclaxe e, sendo moi recoñecíbeis, teñen algo que permite iluminar recantos menos claros da nosa percepción e reflexionar sobre o noso mundo visual.

Son traballos produto dunha concepción moi retiniana, mais tamén son froito de ollos que xa pasaron pola extrema profusión de imaxes da nosa contemporaneidade, porque no mundo actual xa non estamos en condicións de poder posuír un ollo naif e iso é o que leva a traballar a partir de imaxes coñecidas para facer pensar ao espectador sobre o que ve ou acredita ver, ou sobre o sentido orixinal e mais a copia.

Mais a carón deste aspecto, se cadra máis conceptual -que cremos que está na orixe da dirección do proxecto dun artista-profesor como Ignacio Pérez-Jofre-, salienta tamén a capacidade de elaboración dos membros do obradoiro de colaxe, unha capacidade formal, física e táctil que fai que o seu traballo con materiais inusuais de refugallo supere o puro divertimento. Porén, aínda que o lúdico é un factor importante en todas as obras, o factor comunicacional nunca pasa ao segundo plano.

Título: Reconstrución. Obras dun taller de colaxe con material atopado.

Dirección de proxecto e comisariado: Ignacio Pérez-Jofre

Organiza: Emaús, Fundación Social e Fundación Barrié

Local: Fundación Barrié, Vigo

Até o 17 de setembro

Vigo dende o Berbés

  • En todos os casos a materia prima estabelece un diálogo singular co obxecto representado, que pode ir desde o social ao puramente plástico ou visual, pasando por unha lectura máis conceptual, sen esquecer o tratamento lúdico que as diferentes texturas ofrecen. Un exemplo é o mural colectivo que culmina a mostra, que ten por título de "Vigo dende o Berbés". O mural foi levado a cabo con reboutallos colocados directamente na parede no espazo máis visíbel da sala de exposicións. Realizado a partir dunha fotografía, a peza configúrase como unha metáfora visual na que se quere pór en relación a cidade como espazo físico e social co desproveito do proceso produtivo e de consumo. Neste, como noutros exemplos da mostra, o que se procura é a nosa atención, a nosa inicial complicidade, para que esta situación posibilite a reflexión e permita chegar a unha visión cómplice quizais para así poder enxergar con maior liberdade. En resumo, Reconstrución. Obras dun taller de colaxe con material atopadoé un magnífico exemplo das posibilidades dun uso didáctico da arte que exclúe os aspectos maís convencionais da aprendizaxe.

Compartir el artículo

stats