Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Aeroliñas en papel

Coa esperanza dun mundo mellor

Aeroliñas en papel

A esperanza dun mundo mellor viaxa en avións de papel que unha rapaza, Sara, envía a diario dende o seu cuarto no noveno andar dun edificio preto do parque ao que os vecinos acoden cos seus cans nas horas de roibén. Logo o destino vai guiando os personaxes por vieiros que se antollan agradables nuns casos e verdadeiramente terribles noutros.

Un curso académico, dende setembro a xuño, serve como marco temporal á historia que Xavier Estévez tece con dous protagonistas: Lucas e Sara, dous rapaces de once anos que, levados pola sensibilidade que cada un deles amosa pola arte, comparten momentos, conversas, lembranzas, tardes e medos cáseque a partes iguais. É para eles unha época de cambios e de expresións, de silencios e de actuacións que levan aparellados alegrías e sensabores, ás veces, absurdos, que o tempo se encarga de situar e resituar.

O comezo do último curso da etapa primaria, a situación dunha rapaza de saúde delicada que se despraza en cadeira de rodas, un mozo que non atopa o seu oco na clase, unha mestra nova que non cansa de animar o seu alumnado e un gusto especial pola arte en calquera das súas vertentes convértense en aspectos clave dunha novela destinada ao público mozo e que foi finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil no 2016. Quizais a cotidianeidade dos feitos narrados, mesturada co torbellino de emocións que os personaxes viven e unido a unha certa dose de intriga que se apodera da historia, sobre todo na súa parte final, confírenlle ao texto unha engaiolante atmosfera de naturalidade que, aínda que por momentos se torna excesivamente idílica, non deixa de sorprender polo que ten de real.

Por outra parte, as referencias á arte neste caso ao Street Art en forma de graffitis ou de murais que se atopan na cidade e que causan, en principio, o rexeitamento dalgúns cidadáns e tamén do alcalde serven para reivindicar unha forma de crear beleza que emprega pinturas en aerosol, brochas e pinceis e como soporte paredes de espazos públicos dos que todos podemos gozar e que axudan a humanizar as cidades e facelas máis agradables.

Tamén as ilustracións que realiza o ourensán Marcos Viso lembran a arte urbana e acompañan dunha forma singular as intervencións que fan os protagonsitas de maneira alternativa en cada capítulo, de modo que o lector atopará na proposta plástica un bo complemento á historia.

ESTÉVEZ, Xavier, Avións de papel, (ils. Marcos Viso), Ed. Xerais, Vigo, 2017, PVP. 13, 50 ?

Compartir el artículo

stats