Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Do rebumbio ao caos

As laranxas... de Carlos Casares

A horta de Anxa e Elías vista por Luís Seoane.

Un 24 de marzo de 1973, a Asociación Cultural O Facho da Coruña facía pública a decisión do xurado do Concurso de Teatro Infantil, convocado aquel ano na súa primeira edición. A obra gañadora resultou ser As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, da que era autor Carlos Casares Mouriño, naquela altura profesor de ensinanza media e novelista cun crecente prestixio. Con motivo de terlle dedicado a Academia da Lingua o Día das Letras Galegas de 2017, o Consello da Cultura Galega, do que fora Presidente entre 1996 e 2002, vén de presentar unha magnífica edición facsimilar da primeira edición, feita por Editorial Galaxia en 1973. Un volume con portada e oito magníficas ilustracións de Luís Seoane, que nesta ocasión se ofrecen tamén nunha pequena carpeta a modo de separata gráfica, e nun papel cunha gramadura especial. Vai precedido dunha breve nota do actual Presidente do Consello, o profesor Ramón Villares, e contén un interesante estudo introdutorio de Montse Pena Presas, que serve para situar o texto no seu contexto, ademais de ofrecer algunhas claves para a súa lectura, análise e interpretación. Tamén resultan moi esclarecedores algúns materiais inéditos nos que o propio Casares ofrece a súa visión da literatura infantil e xuvenil, como aquel fragmento dunha carta a Manuel Caamaño, un dos promotores da acción cultural en Ribadavia, na que fronte ao didactismo defende a teatralidade. Finalmente, na súa presentación a profesora Pena Presas tamén dá conta dos espectáculos que ten xerado a peza, coma os que produce o Centro Dramático Galego por dúas ocasións, sendo Manuel Guede Oliva director da nosa compañía nacional de teatro.

O texto, porén, sería estreado por primeira vez un 27 de maio dese mesmo ano de 1973 na clausura da Mostra de Teatro Galego de Ribadavia, tamén na súa primeira edición. Un espectáculo que fora realizado polo Grupo Teatral O Facho, dependente da Asociación que convocara o Premio, sendo Xosé Manuel Rabón o responsable da dirección escénica e Luís Seoane do deseño escénico e da indumentaria dos personaxes principais, materiais que logo se incorporan naquela primeira edición do texto feita en Vigo. O volume que agora presentamos tamén inclúe diversos materiais gráficos daquel espectáculo que teñen un interese notable.

Para un sector da crítica cultural galega, o texto, coma outros relatos para a infancia contidos en volumes como A galiña azul (1968), implicaba un cambio de paradigma na creación literaria, por canto se abandonaba a pulsión instrumental, ao servizo da loita polas liberdades e/ou a construción nacional, apostando con decisión pola plena autonomía da obra literaria, sen que iso implicase renunciar a unha visión crítica da realidade. Pois, en efecto, a obra de Casares ofrece unha crítica aceda e feroz da orde establecida, mais a partir do pensamento complexo e abandonando vellas antinomías e con elas ese pensamento binario tan propio das tendencias políticas asentadas no ideario nacional-popular, que tantas veces derivan en populismo contra-hexemónico, como mostra a obra dramática de Manuel María, por exemplo. En relación a ese cambio de paradigma teñen escrito con notable perspicacia persoas ben coñecedoras da nosa literatura, desde o mestre e escritor Agustín Fernández Paz até o editor e poeta Fran Alonso.

Comenta Ramón Villares na presentación da obra que Casares viría sendo un neno grande que escribe para nenos pequenos, pero tamén cabería considerar este texto como unha obra para nenos grandes, sen deixar de selo para os cativos. Un texto pois para todos os públicos, que xa en 1973 mostraba a importancia de entender que os nenos e nenas, por cativos que sexan, están dotados dunha enorme sabedoría e intelixencia. Na nosa opinión unha das obras mestras da literatura galega, que nos vén de presentar o Consello da Cultura Galega nunha edición magnífica. Parabéns pola iniciativa.

Poderosas metáforas

  • Segundo a nosa lectura, A s laranxas máis laranxas de todas as laranxas é un texto que destaca en primeiro lugar por integrar, avant la lettre, moitas das ideas que naquela altura do século XX se agrupaban ao abeiro das que se agora se denominan teorías do caos en campos como a física, a bioloxía, ou a filosofía, pero tamén do que se define como paradigma da complexidade, ou se explica desde o principio da incerteza. Pois desde o momento en que nunha árbore indeterminada sobresaen esas laranxas amantes da hipérbole, que os veciños e veciñas toman por ameixas, limóns ou toromelos, todo é posible e todas as certezas desaparecen, polo que a vella orde comeza a ser substituída por unha crecente desorde, ou rebumbio sen aparente solución; desorde no que a maioría é feliz, o que non deixa de mostrar, dunha forma implícita, unha dura crítica a calquera situación de opresión e submisión. Velaí o tránsito entre o rebumbio e o caos, poderosas metáforas para explicar unha parte da nosa historia que non foi. A rebelión imposible. En segundo lugar, este texto, magnífico, de Carlos Casares invita a unha apaixonante viaxe pola mellor literatura, considerando textos coma O Principiño, de Antoine de Saint-Exupéry, que el mesmo traduciu para o galego, pero igualmente tantos relatos de Álvaro Cunqueiro ou algunhas pezas de Ramón Otero Pedrayo coma A lagarada ou O desengano do Prioiro. Son textos, todos eles, nos que asoma unha maneira de buscar a faciana máxica en calquera realidade e por iso A s laranxas..., seguen a presentar retos e desafíos notables para a creación escénica e a investigación: sexa crear un espectáculo que conteña toda a maxia do rebumbio e do caos, sexa reconstruír a súa xenealoxía como artefacto artístico. Para que o día das letras non remate nunca, como quería Cunqueiro.

Compartir el artículo

stats