Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A decoración do Gran Hotel

Arredor da memoria artística de Vigo

Mapa de Galicia, de Urbano Lugrís

No número un da rúa Policarpo Sanz sobrevive a carcasa do edificio deseñado polo arquitecto francés de orixe polaca Michel Pacewicz, que se construíu entre 1897 e 1902. O edificio, chamado El Moderno por un famoso hotel que estivo alí instalado, pasou en 1953 a mans do produtor cinematográfico Cesáreo González, que lle deu o nome de Gran Hotel.

Na remodelación que se produce en 1953 hai que encadrar a realización de senllos conxuntos muralisticos de extraordinaria importancia encargados a Manuel Colmeiro e Urbano Lugrís. Estas pinturas estiveron até novembro de 1977 nas paredes que ocupara a cafetaría do Gran Hotel, chamada Grímpola, sendo pasadas a cadros, catro de Colmeiro e cinco de Lugrís.

A inauguración das novas intalacións do Gran Hotel, cos murais, levarase a cabo en xullo de 1953 con importante presenza de intelectuais e artistas. O evento foi un auténtico suceso con curiosas anécdotas como a puñada recibida por Urbano Lugrís de mans do director de cinema Edgar Neville, incidente que conta pormenorizadamente Antón Patiño no seu libro Urbano Lugrís. Viaje al corazón del océano.

A sorte seguida con posterioridade a 1977 polos conxuntos muralísticos foi semellante no que atinxe á distribución da propiedade mais desigual na sorte da súa conservación, unha parte das pezas son propiedade do Concello de Vigo -as de Colmeiro están no edificio da Casa do Concello e as de Lugrís en Castrelos- e outra parte pertence á colección de Afundación, a onde chegaron desde a antiga Caixa de Aforros Minicipal de Vigo.

O pintor Manuel Colmeiro residía nesta altura en París, onde se instalara en 1949 despois dos anos de exilio arxentino, alternando a estadía na capital francesa con períodos en Galicia. A súa experiencia muralística tivera unha notábel repercusión na Arxentina onde realizara en 1946, xunto con algúns dos máis importantes pintores arxentinos -Berni, Urruchúa, Castagnino e Spilimbergo- os murais para as Galerías de Florida, Pacífico, en pleno centro de Bos Aires. Tratábase de cinco murais con temas de forte contido simbólico, o de Colmeiro, que se conserva como o resto no mesmo espazo, leva por título "A parella humana".

En Vigo, Colmeiro volve desenvolver escenas paradisíacas, representando as catro estacións: "Primavera", "Verán", "Outono" e "Inverno", nun canto lírico á terra galega que bebe do primitivismo e do clasicismo, con rítmica rixidez e alegre enerxía, lonxe de todo pintoresquismo, aínda que con menor forza expresiva que o mural da Galerías Pacífico.

Na actualidade "A primavera" pertence á colección Afundación, estando en bo estado de conservación en canto os demais, que están en dependencias do Concello de Vigo, precisarían dunha intervención que garantizase a súa boa e digna preservación.

O segundo conxunto é o que realiza Urbano Lugrís que xa tiña unha ampla experiencia na decoración de espazos públicos e privados -como se pode comprobar na mostra Lugrís, paredes soñadas que actualmente se expón n'A Coruña (Sede Afundación)-. Xa en 1948 pintara en Bueu na fábrica de Massó e deseñara e decorara a Capela dos Santos Reis; en 1951 fixera murais para o coruñés Restaurante Fornos e para a Asociación Cultural Iberoamericana e en Madrid para o Instituto de Cultura Hispánica.

No Gran Hotel pinta un fermoso "Mapa de Galicia", hoxe conservado no Museo Quiñones de León, acompañado dun elocuente texto en galego con ecos pondalianos: "Ista é Galicia a se mirar no mar. Espello dos ensonos. Alcouve de saudades. Tal unha voz lonxana a yalma das edades canta nas verdes ondas súa beleza impar".

O segundo tema é "Misterios do mar", tamén conservado no Museo Quiñones de León, unha característica fantasía mariña en que o pintor do mar por excelencia conforma este medio como un universo da experiencia vital. Nel a travesía, a singradura e mais a vida flúen nun mar que é tránsito, compendio da existencia e de onde todo sae e a onde todo torna.

O terceiro tema é un dos santos ligados ao mar "San Telmo", un dos máis representados e queridos polo pintor que visitaba frecuentemente a imaxe do santo da igrexa de Bouzas. Cómpre lembrar que Lugrís sempre manifestou predilección pola representación de santas e santos ligados ao universo mariño (Santa Trega; San Gonzalo...).

Escenas paisaxísticas

  • Complétase o conxuntos con dúas fermosas escenas paisaxísticas, ambas conservadas na colección de Afundación: "Romaría" e "Vista de Vigo". A primeira é unha fantasía con fondo de ría, coas Cies ao fondo e cunha festa en escenario bucólico en que salienta unha construción pacega e unha igrexa. A "Vista de Vigo" é unha recreación dun Vigo antigo, coa cidade amurallada, a fortaleza do Castro dominando a paisaxe erma do monte, salientando tamén a Colexiata -xa a actual contruída entre 1816 e 1834-, os Peiraos e a praia do Berbés, o convento de San Francisco e as baterías da Laxe e da Pedra. Fermosa iniciativa sería volver a contemplar reunidas as obras do Gran Hotel de Colmeiro e Lugrís, recuperando así un capítulo senlleiro da arte da nosa cidade.

Compartir el artículo

stats