Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Curar a través da palabra

Da comunicación no ámbito sanitario

Curar a través da palabra

O dramaturgo Enrique Jardiel Poncela, quen na súa última enfermidade se negou a recibir atención médica, alega no escrito Pensamiento sobre diversas materias que "la salud es un asunto demasiado grave para ponerlo en manos de los médicos". Quizais a súa afirmación sexa moi esaxerada, pero o que si hai de certo nela é que a saúde é importante dabondo como para deixala só en mans daqueles profesionais que ignoran a lingua, a cultura e mais as emoción dos pacientes. Un exemplo, sinalado por Marcial Gondar nun dos seus artigos, abonda para exemplificar o anterior: trátase do caso dunha psicóloga en prácticas que diagnostica de ansiedade a unha señora galega. A resposta da señora foi a que segue: - "ansia élle o que a min me falta!". Estamos, xa que logo, ante unha situación de falta de entendemento, xerada por mor de que na cultura rural galega o termo ansia, sinónimo de vitalidade, alude a unha realidade contraria á referida pola etiqueta clínica. Así, non coñecer o contexto cultural do paciente pode levar ao profesional sanitario a non comprender as explicacións do enfermo ou a facelo dun xeito erróneo e, en consecuencia, a realizar un mal diagnóstico da súa enfermidade. Da mesma maneira, se o médico non se adapta ao rexistro comunicativo do paciente, corre o risco de que este último sexa o que non entenda factores claves da súa doenza e do seu proceso curativo.

Un dos retos da sanidade actual pasa por mudar do modelo biomédico que contemplaba as enfermidades como realidades fisiolóxicas separadas dos pacientes a un enfoque biopsicosocial da disciplina, máis holístico, no que as enfermidades posúen tamén un compoñente psicolóxico e social e no que para o proceso curativo é fundamental a figura do enfermo e a súa colaboración. Apostar por este enfoque significa, ademais, concibir a lingua e a cultura como ferramentas extremadamente útiles para o labor sanitario. Pero, con todo, aínda existen moitos médicos cuxas prácticas se afastan do esperado e moitos pacientes seguen a saír hoxe en día das consultas queixándose de que non entenderon boa parte do dito polo profesional en cuestión, da súa falta de empatía ou da parquedade das súas explicacións. Isto acontece porque algúns facultativos non son conscientes de canto pode condicionar unha boa estratexia comunicativa o resultado final dunha consulta médica. Así, a través da linguaxe - verbal e paraverbal-, o médico pode influír para que un paciente deixe de fumar ou para que cambie os seus hábitos alimenticios, por poñer dous exemplos. Do mesmo xeito, se o médico anterior non fose efectivo na súa comunicación, podería non convencer o paciente de mudar de hábitos. En resumidas contas, unha comunicación eficiente evita malentendidos e garante que o paciente entenda a súa enfermidade así como as medidas que debe tomar para sandar ou prever posibles riscos. Ademais, serve para diminuír o estrés ou a sensación de angustia do doente cando este recibe unha mala nova, e para que os enfermos crónicos leven a súa enfermidade da mellor maneira posible.

Entre os erros máis comúns que adoitan cometer os médicos atópanse o uso dun argot inintelixible para o paciente, a ambigüidade, a falta de empatía, a ocultación da verdade e unha incorrecta xestión das malas novas. Estas malas prácticas débense ben a que os profesionais non desenvolveron unhas habilidades comunicativas correctas (falta de aptitudes), ben a que no cren na importancia da comunicación ou simplemente a que no están comprometidos con súa profesión (falta de actitude). Por isto é fundamental o papel da educación nas universidades, onde é posible concienciar os futuros médicos da importancia de comunicar correctamente, á vez que estes adquiren as habilidades comunicativas pertinentes. Debe ser nas aulas onde os alumnos aprendan a non fuxir dos pacientes e a curar a través da palabra. O ensino das habilidades comunicativos leva presente nas facultades de medicina dende a década dos 70 do pasado século. Pero, a realidade é que a comunicación aínda constitúe unha parte mínima do programa educativo. No caso da Universidade de Santiago de Compostela, unicamente unha materia en todo o grao versa sobre habilidades comunicativas. Semella un peso escaso para desenvolver unha aprendizaxe multidisciplinar e multimetodolóxica que teña en conta aspectos como a linguaxe paraverbal, a xestión da incerteza e das emocións ou a bioética.

Ferramentas para un labor

  • Aqueles expertos que defenden a utilidade dunha boa comunicación no ámbito sanitario coinciden, na súa maioría, na importancia de reforzar a relación entre médico e paciente e de converter o enfermo en suxeito activo da súa recuperación, sen afastarse nunca dos principios bioéticos que rexen a disciplina. Nesta liña, é necesario colaborar co paciente, mantelo sempre informado e non tomar ningunha decisión sen o seu consentimento. Profesional e doente deben camiñar xuntos cara ao mesmo obxectivo: a curación da enfermidade. Para isto, cómpre crear unha realidade comunicativa común que conxugue o saber obxectivo do médico coa representación subxectiva do paciente. O profesional debe estar preparado para atender a todo tipo de pacientes e disposto -se é o caso- a facer un esforzo para superar as súas carencias comunicativas. Non existe, pois, unha comunicación fixada e idéntica para cada consulta; o médico ten que saber adaptarse a cada contexto. Destaca, por novidosa, a proposta do antropólogo Marcial Gondar, quen, no seu artigo "Lingua e cultura propia como instrumento terapéutico. Cara á superación do modelo biomédico na atención sanitaria", se decanta por seguir unha estratexia comunicativa que se centre máis no emotivo que no racional. Isto é, por aplicar técnicas que afonden no subconsciente, igual que xa se fai noutros campos como o da mercadotecnia. Non sempre se pode convencer ao paciente de que, por exemplo, deixe o alcohol a través de razoamentos lóxicos. As veces é necesario facelo apelando aos seus sentimentos e emocións, como fan os publicistas para nos vender un produto. Trátase, xa que logo, de seducir o paciente no seu propio beneficio, aí onde non pode chegar a razón.

Compartir el artículo

stats