Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Aprender e aprehender

Unha iniciativa que si presta

Aprender e aprehender

Cun "agardamos que vos preste" despide Beatriz Núñez, presidenta de Espazo Lectura, o texto que baixo o título "Palabras e sons" serve de prólogo a un conxunto de quince poemas que a modo de cancións interpreta A Banda dos Cueiros. Son textos creados e recreados a partir de versos e estrofas presentes no imaxinario colectivo que beben da tradición popular de diferentes culturas aos que un grupo de amigos lles pon música para deleitar os pequenos da casa, pero co que tamén gozan os maiores que non perden de vista que a literatura/palabra e a música levan indo da man dende o principio dos tempos. Calquera pobo, calquera comunidade, calquera tribo atope onde se atope sabe cantar e faino nas penas e nas alegrías, chorando ou aledándose.

As composicións dirixidas ás crianzas posúen, como non podía ser doutra forma, unha estrutura moi sinxela, de corte paralelístico-repetitiva e cunha rima na maioría dos casos consoante que alixeira a expresión e facilita a aprendizaxe, porque aínda que pareza incrible un neno de meses ou mesmo de días é quen de interiorizar secuencias rítmicas de modo que ademais de producirlle certo pracer sensorial, pode axudalo a acadar autonomía nas súas actividades cotiás, asumindo o coidado de si mesmo e da contorna e ampliando o seu mundo de relacións.

E para que o neno aprenda e aprehenda, nada mellor ca unha temática que camiñe polos seus centros de interese tanto conceptuais coma emocionais. Así animais como os gatos, os pitos, os cabalos ou os peixes, entre outros, desfilan polas páxinas deste libro-disco que non esquece tampouco o corpo: os brazos, a barriga, as mans ou os dedos convértense nos protagonistas doutros tantos poemas que invitan ao xogo, favorecen o coñecemento e estimulan a imaxinación e creatividade dos cativos necesaria para o seu desenvolvemento harmónico.

O volume de A Banda dos Cueiros, nacido dunha iniciativa lectora, aposta polo proceso de significación e comprensión dalgún tipo de información ou ideas transmitidas mediante calquera tipo de código visual, táctil, sonoro para facer que o libro e por suposto a lectura formen parte xa dende que nacen das súas vidas.

VVAA, A Banda dos Cueiros, Ed. Espazo Lectura, Puxeiros, Mos 2017, PVP. 10 ?

Compartir el artículo

stats