Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Palabras de Xohana Torres

A silueta de Vigo en Adios, María

Tranvías polas rúas de Vigo a fins dos anos 60 do século XX.

"Non podemos falar dun coche, porque o coche aínda non foi inventado na literatura galega", máis ou menos con estas palabras emitía a súa amarga queixa Gonzalo Rodríguez Mourullo. Era o ano 1957 e o autor asinaba un dos seus últimos textos relativos á literatura, un campo que non tardaría moito en abandonar para dedicarse practicamente en exclusiva ao dereito. O artigo de Mourullo tiña obxectivos elocuentes: a editorial Galaxia, na que non conseguira publicar ningunha das súas dúas obras e da que emanaban unha serie de directrices moi marcadas. Procurar unha cosmovisión galega, cinguirse á tradición, balancear a narrativa entre a imaxinación de Álvaro Cunqueiro e o ruralismo de Ánxel Fole. Así, aínda que a editora se domiciliara en Vigo desde os primeiros anos da súa actividade, cidade na que radicaría tamén algunha das súas principais institucións, a presenza do mundo urbano na narrativa que promoveu nos anos cincuenta e sesenta foi episódica e innegabelmente desaconsellada polo seus dirixentes. As novelas que se decidiron a abordala fixérono a través dun filtro fantástico ou remitindo as súas paisaxes a cidades distantes, expresión dun cosmopolitismo que deixaba unha mensaxe no aire que atopaba liñas de coincidencia coa do núcleo de Galaxia. Non había nada atractivo literariamente nas cidades propias, foco de alleamento da verdadeira identidade galega. Só as voces da emigración se moveron decididamente nunha dirección contraria.

E xustamente dunha iniciativa da emigración como o Premio Galicia do Centro Galego de Buenos Aires, fallado en 1970, é que sae a luz unha novela decididamente urbana como Adios, María de Xohana Torres. Unha obra que demostra a vontade da narrativa galega de camiñar por vieiros novos e recoñecer unha parte da realidade do país cara á que, até entón, se manifestara só moi timidamente. Xohana Torres, unha autora nacida en Ferrol e radicada en Vigo dende os anos sesenta foi a encargada de colocar unha paisaxe urbana propia nunha novela galega. Fíxoo agregando un escenario marxinalizado a unha narrativa asociada cun colectivo na mesma situación. Adios, María é tamén unha das primeiras novelas con personaxe feminino: Maxa, ou María, unha "rapaza viguesa", como aínda destaca a sinopse de Galaxia, por máis que xunto coa súa familia habite espazos fantasmais, afastados do centro. Tales son o barrio periférico de Cantador ou as Casas Acollidas, lugares cun paralelismo real, que evidencian o crecemento da urbe e a configuración de espazos a medio camiño entre o rural e a vida da cidade. Porén, polos ollos de Maxa, pasan, levados polo ritmo vivo da narradora, elementos poucas veces vistos na literatura galega até entón. A publicidade, os cafés, os grandes almacéns, Bob Dylan e os Beatles, a televisión, o estadio do equipo local... Tamén os problemas inmobiliarios, a perda do emprego e aquilo que se deu en chamar proletariado urbano, encarnado nos pais de Maxa que, tras perder o seu emprego no transporte público da cidade, emprenden a migración a Lille, deixándoa nun lugar e nun momento vital difícil, entre a infancia e a madurez, e coas responsabilidades que imperativamente se lle presupoñen ao seu xénero. Lonxe de adherirse ao estilo panfletario da novela social, Xohana Torres incorpora esas cuestións da man dunha aposta narrativa innovadora e complexa.

A obra aparece no ano 1971, nela, o pai da protagonista chega de volta á súa cidade "con un flamante Peugeot 404", conseguido na emigración. A literatura galega inventara por fin o automóbil. González Mourullo, ausente dun partido no que el mesmo fixera algunhas das xogadas máis célebres, abría ese mesmo ano o estudio xurídico que leva o seu nome.

Confundida con Casares. Enfrontada con Blanco Amor

  • Nunha carta de Ramón Piñeiro a Basilio Losada revélase un feito pouco coñecido. Na deliberación do Premio Galicia, un dos membros do xurado, Xosé María Álvarez Blázquez, votaría por Adios, María coa certeza de que se trataba dunha nova obra de Carlos Casares. O autor ourensán, que naquela altura viña de publicar Cambio en tres, movíase por liñas experimentais similares ás empregadas por Xohana Torres, cunha aposta similar pola fuxida do clásico costumismo que imperara na narrativa galega. A gran polémica que vive a obra de Xohana Torres non terá que ver, porén, con Casares, senón con Eduardo Blanco Amor, unha das grandes figuras literarias que viña propoñendo espazos urbanos dende a literatura que se desenvolvía na emigración. O autor de A esmorga presenta ao premio a novela coral Xente ao lonxe, na que a presenza da cidade de Ourense é central. Sempre considerar á inxusta a derrota nun premio no que nin sequera fora destacado como finalista. Así, Blanco Amorchega a alegar que varios exemplares lle foran devoltos sen abrir, que o xurado o discriminara moralmente polo contido da obra, e mesmo apunta a influencia de Ricardo Carvalho Calero, vello profesor da autora, no fallo. Sen dúbida, son dúas obras imprescindíbeis das que só podía gañar unha aquel certame.

Compartir el artículo

stats