Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cinema de monstros

Vampiros e zombis na gran pantalla

Boris Karloff no papel de Frankestein.

Coa estrea este fin de semana dunha nova versión de A momia, dirixida por Alez Kurtzman e protagonizada por Tom Cruise, a "Universal Pictures" semella facer unha pequena homenaxe á década dos anos trinta do século pasado, idade dourada de filmes de monstros que, en moitos casos, impuxeron, incluso ata os nosos días, unha estética dominante na recreación de seres e ambientes deste tipo.

Foi precisamente a "Universal" a responsable do auxe deste xénero grazas á produción de Drácula (Tod Browning, 1930), que encarnou o mítico Bela Lugosi, a partires dunha adaptación libre da novela epistolar de Bram Stoker. O éxito desta longametraxe incitou á "Universal" a reincidir, un ano despois, na mesma temática, pero desta vez con outra das novelas góticas por excelencia: Frankestein de Mary Shelley, baixo a dirección de James Whale e que deu a coñecer a outro dos actores fetiche do cine de terror da época, o británico Boris Karloff, coa axuda do maquillaxe de Jack Pierce. James Whale firmaría tamén unha continuación "apócrifa" con A noiva de Frankenstein (1934), cunha memorable interpretación de Elsa Lanchester no papel de prometida do monstro.

Como adoita acontecer na industria cinematográfica, os éxitos rozan o camiño para que futuros proxectos poidan transitar con garantías por terreo abonado. Así, despois do impacto nas salas de exhibición de Frankenstein e Drácula, "Universal" aborda varias películas de monstros: A momia (Karl Freund, 1932) con Boris Karloff no papel principal, O caseirón das sombras ( The old dark house, James Whale, 1932) de novo con Karloff, ou O dobre asasinato da Rúa Morgue ( Murders in the rue Morgue, Robert Florey, 1932) desta vez con Bela Lugosi.

Ese mesmo ano, outras produtoras intentaron imitar o éxito da "Universal", como é o caso de White zombies (estreada en español co título La legión de los hombres sin alma) dirixida por Victor Halperin, película que pode considerarse o primeiro dos filmes de zombis; ou D r. Jekyll e Mr. Hyde de Rouben Mamoulian para a "Paramount". Nestes casos, como acontecía con Frankenstein, o protagonista era un científico que ía alén da cordura nos seus experimentos.

Aínda que, ou precisamente por afastarse da fantasía para achegarse a un mundo máis real, provocou enorme impacto a sorprendente Freaks (en español, La parada de los monstruos) que presenta unha galería de seres reais que conviven nun circo. Trátase dunha obra que explicitamente rexeita os parámetros propios dunha película de medo, pero que aglutina implicitamente os terrores que inspira nos seres humanos a desviación e as deformacións físicas; é dicir, todo o que se afasta do que consideramos "normal" e que provocan un arrepío impulsivo.

A finais da década, o xénero comezou a dar síntomas de esgotamento. Sería a "RKO" a que aplicaría certa renovación no cine de terror entre os anos 1942 e 1946, grazas ao produtor Val Lewton e ao realizador Jacques Tourneur, cunha serie de películas de baixo presuposto. Cunha mestura de fita de terror, fantástica e thriller psicolóxico, a recreación de atmosferas baseadas na suxestión vai ser primordial na posta en forma de títulos como Cat people (en español, La mujer pantera), Leopard Man e I walked with a zombie (en español, Y o anduve con un zombie).

A renovación dos postulados estéticos e narrativos do xénero de terror pasa por ser pouco visible ao longo da historia do cine e, nos anos sucesivos, poucos serán os exemplos que procuren unha volta de torca na posta en forma destes títulos. As sagas, as secuelas e mais as reincidentes versións ratifican ese apego respecto dun modelo que, cando se trata de inflixir medo, permanece inalterable.

A momia

  • Despois de que "Universal Pictures" puxera en pé unha triloxía sobre o mito da Momia - The mummy (1999), The mummy returns (2001), The mummy: tomb of the dragon emperor (2008)- na que o terror deixa paso á comedia e á aventura, esta mesma produtora retorna cunha nova mirada máis próxima ao mito orixinal aínda que ambientada nunha época actual. A presenza de Tom Cruise no reparto supón unha declaración de principios sobre a intencionalidade do proxecto, ao que se suma a actriz e bailarina franco-arxelina Sofia Boutella no papel de momia. Nesta ocasión, Russell Crowe interpreta a outro ser terrorífico, Dr. Jekyll e Mr. Hyde, que encabeza a organización "Prodigium", encargada de capturar e aniquilar a calquera monstro que ameace ao planeta. O mito do sacerdote exipcio que, por culpa dun arqueólogo ambicioso, retorna da morte para buscar á súa antiga amada contou con numerosas e variadas recreacións desde a primeira película dirixida por Karl Freund e protagonizada por Boris Karloff en 1932. A fin de contas, como acontece en moitas das historias fantásticas na narrativa occidental, a historia vén fornecida pola mitoloxía grega, concretamente do mito de Orfeo e Eurídice, aínda que desta vez o percorrido se produce en sentido contrario: é dicir, o namorado regreso do máis alá para buscar á súa amada, mentres que o personaxe grego se adentraba no inframundo para rescatar a Eurídice.

Compartir el artículo

stats