Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Berto Fojo, BD

O home das mil caras (ilustradas)

Portada da páxina web de Berto Fojo.

A primeiros de ano tiven a sorte de asistir a Animal Collective, unha exposición organizada no CentroCentro de Madrid na que se mostraban os traballos dos colectivos de banda deseñada e ilustración máis visibles e interesantes a nivel europeo. Alegreime, sen sorprenderme, de atopar entre eles dúas xoias galegas: Fosfatina e Liceo Mutante. O gran estandarte deste último era Berto Fojo. Pero quen é Berto Fojo? Debería ter oído falar del? Oír, pode ser, pero ver algo da súa obra, case seguro.

Berto Fojo é un artista natural de Pontevedra. Un deses homes orquestra dignos de envexa. Non só debuxa con graza, tamén é músico (batería, concretamente, e en varios grupos!) e profesor de Plástica e Debuxo. Home híbrido (h)orquestra, cun traballo que se abalea entre a ilustración, o cómic e o deseño. Poderedes recoñecelo polo seu estilo ondulante e colorista, reflectido nos seus carteis para grupos musicais e para o Liceo Mutante, e nesas ilustracións tan aloucadas para "El Comidista", suplemento mensual do xornal El País.

En Pacheco, estudo que fundou en Pontevedra con outros amigos e ilustradores (Natalia Umpiérrez, Jaime Olmedo e Nuria Figueiredo), é onde traballa habitualmente. Alí nacen os seus personaxes peculiares, como fotogramas conxelados; con ese estatismo da acción que nunca chega pero que está pasando. Gomosos. Irreal e curiosamente figurativos. Cando lle preguntas por referentes, a resposta é moi clara (cantas veces escoitou esta pregunta!): "Chegou un momento no que quedei saturado de referentes visuais. Hai xa tempo que busco inspiración nos métodos tanxenciais de creación: Brian Eno e as súas Estratexias Oblicuas, Werner Herzog e a súa verdade extática, OuLiPo e a súa escritura limitada, Robert Walser e os seus microgramas...". E funciona. Esta inspiración tradúcese nunha sorte de expresividade, gusto polo escatolóxico e volume cartooniano que traslada a escenas con ese exacto punto estraño que baila entre o cotián e o absurdo.

Pero non só de ilustracións (mal)vive o home. E grazas por iso. Debido ao seu coqueteo coa banda deseñada -que parece que vai en aumento, encomiemos o Señor- podemos gozar de breves historietas publicadas en zines do talle de ¡Que suerte!, unha revista "muda" editada polo gran Olaf Ladousse; na novela gráfica Hotel Faras (Ultrarradio, 2014), composta polos relatos de vinte e un autores sobre a historia do famoso hotel ou en formatos máis enxebres como o Chorigal, un fanzine recompilatorio autoeditado. Todas as historietas, ás que ás veces el alude como "chatarra", para facer honor a unha primeira toma de contacto ( Chatarra; Watdafac Artifacts, 2012), comparten ese bertofojismo, non só na súa moi recoñecible liña gráfica, senón tamén nunha secuenciación narrativa apoiada nesa acción/inacción que xa forma parte do seu estilo (incluso en ilustración estática) e que, viñeta a viñeta, vai aprendendo a controlar. Do medo á comodidade. Sempre cun especial sentido do humor, entre o mínimo, o negro e a sorpresa visual. As súas historias explotan a brevidade como un recurso: son inmediatas e directas. Un pouco máis afastado disto, case como un exercicio de estilo - OuBaPo?-, o (meu) gran favorito, como non, Nados mortos ( Jerseys para los monos, 2015 - Valley Cruise Press, 2015), unha concertina composta por quince táboas "ultracoral", protagonizada por ringleiras de caras voantes e delirantes. Pura marabilla.

Podedes quedarvos con ganas de máis porque, mentres non nos deleita con algo de maior volume (paciencia, a intención existe...), está a traballar noutro fanzine para a colección de risografía Fosfatina 2000, de Fosfatina. Todo queda en familia.

Liceo Mutante

  • O Liceo Mutante é unha "asociación cultural que pretende ofrecer unha alternativa ás propostas privadas que existen na cidade mediante a creación dun espazo autoxestionado para a creación cultural, a interacción, a experimentación e a transformación social". Xa na descrición, feita por eles mesmos, atoparedes unha humilde pero ambiciosa declaración de intencións. Este colectivo, que naceu en Pontevedra en 2011, traspasou xa a barreira do DIY ("faino ti mesmo") para situarse como un dos referentes culturais alén das fronteiras da súa cidade. No verán de 2012, arrincaron as I Xornadas Mutantes de Autoedición GRAPO GRAPO, un festival centrado na autoedición gráfica e sonora, traída da man de artistas e editores con propostas que abranguían desde a ilustración á fotografía, pasando polo cómic ou a música. Toda técnica e formato era benvido: fanzines, libros, discos... Expositores, obradoiros e concertos. Logo de ver o éxito da iniciativa, repetiuse en anos seguintes. Teremos GRAPO GRAPO en 2017? Parece que temos a sorte do noso lado. Aínda que non existe unha data pechada, parece que a mediados de setembro poderemos contar cunha nova edición deste festival. Permanecede atentos ás vosas pantallas. Neste caso, ás do ordenador, xa que contan con información actualizada nas súas diversas redes sociais.

Compartir el artículo

stats