Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Bragado: "A revolución pendente da nosa sociedade é a da lectura literaria"

A Illa de San Simón acolle o próximo sábado, 3 de xuño, a gala de entrega dunha nova edición dos Premios Xerais, Merlín e Jules Verne, a maior parte de cuxos gañadores foron converterse, ou estanse a converter, nunha referencia da narrativa galega. É, xa que logo, unha excelente oportunidade para falar do certame, e doutros asuntos editoriais, con Manuel Bragado, director xeral da editorial que convoca o evento.

O editor Manuel Bragado. FOTO: ELI REGUEIRA

- Cal vén ser o segredo para manter o prestixio que teñen estes premios na literatura galega durante tantos anos?

- Tras trinta e catro edicións, os Xerais son unha referencia no sistema literario galego. Entendo que o seu éxito reside tanto na continuidade teimosa ao longo deste período como ao feito, único, de ditaminar de forma simultánea tres premios literarios dirixidos a públicos distintos. Esta intención de pór en valor os públicos, como o xeito de reclutar aos membros dos tres xurados, entre persoas non vinculadas profesionalmente coa edición, mais todas elas letraferidas, a transparencia e o esforzo de visibilización de cada unha das etapas do premio, así como a independencia dos poderes públicos singularizan os Xerais con respecto a outros premios da literatura galega. Dende a primeira edición, o esforzo de Xerais foi que os seus premios axudasen a visibilizar e prestixiar a nosa creación literaria.

- Se os Xerais son o termómetro da evolución da narrativa galega desde finais do século pasado ata o presente, que diferenzas sinalaría ( canto a estilo, temática, etc?.) entre as obras que gañaban hai trinta anos e as que están gañando, poñamos por caso, nesta última década?

-Efectivamente, seguindo o catálogo de obras gañadoras, podemos identificar liñas que axudan a interpretar o que sucedeu ao longo destas décadas na nosa novela e na nosa literatura infantil e xuvenil. En todos os tres casos destacaría o relevo xeracional que se produciu en cada década, coa aparición de novos autores e autoras. É moi sintómático que houbese que agadar até 2001 para que unha narradora, Marilar Aleixandre, gañase o premio de novela. Como tamén o foi que os membros do que eu chamo a Xeración da Esperanza, os autores e autoras que comezaron a publicar neste século, sexan os que adoitan gañar ao longo da última década nas tres modalidades. No que atinxe ao premio de novela, no catálogo dos Xerais percíbese a impronta da irrupción das narradoras, o peso crecente da novela de xénero e a ampliación constante do horizonte do que se entende por novela. Os xurados apostaron decote por propostas que moitas veces resultaron sorprendentes e axudaron a popularizar textos que logo a crítica literaria considerou moi valiosos.

- Dos Premios Xerais naceron os Merlín e logo os Jules Verne. Sendo consciente de que de primeiras (e a falta de patrocinador) sería máis caro económicamente, por que non completar o ciclo e convocar tamén os de Ensaio ou Poesía?

-O desenvolvemento dos premios Xerais non foi alleo ao do catálogo da editorial, que hoxe supera os 4.200 títulos, nin á abordaxe de novas liñas de edición. O premio Merlín naceu en 1986, apenas dous anos despois da creación do de novela, cando a editorial aínda non contaba nin sequera cunha colección infantil de autores e autoras propios. O premio Merlín contribuíu a ampliar ese espazo de edición, inicialmente chamado como "O corno da Lúa," ao que tampouco foi alleo o compromiso dun grupo de autores e autoras, que bautizamos como "Xeración Lamote", onde estaban Agustín Fernández Paz, Xabier P. Do Campo, Paco Martín e Fina Casalderrey, por citar os que obtiveron un premio nacional de literatura infantil e xuvenil. No caso do Jules Verne tivemos que agardar ao ano 2006, cando o espazo da literatura xuvenil, que impulsamos dende 1994 coa colección "Fóra de Xogo," estaba plenamente consolidado. Axudounos contar co inicial mecenado privado, do que hoxe carecemos. No caso da poesía, alén de alimentar as coleccións poéticas do noso catálogo, a estratexia de Xerais é colaborar con iniciativas de prestixio que xa están en marcha como os premios Johán Carballeira do concello de Bueu, Manuel Lueiro Rey de Fornelos de Montes e Gonzalo López Abente de Muxía. Xaora, se contásemos con quen nos axudase, tampouco descartamos posibilidade ningunha.

- Segundo Vde. mesmo ten afirmado, a filosofía da composición dos xurados dos premios Xerais é a de ser representativos dun, chamémoslle, "público lector". Por que confiaron nesta fórmula en vez de optar, como se fai noutros certames, por xurados constituidos por "especialistas"?

-Respectamos os modelos de xurados doutros premios literarios, nos que tamén participamos. No entanto, pretendimos sempre reivindicar o protagonismo do lectorado. Hai trinta anos convocabamos os Xerais baixo o lema "A forza dos lectores". Fixémolo co carácter itinerante do ditame, até 2005 levámolo por todas as cidades galegas, ao tempo que en cada edición conformabamos un xurado con persoas desa localidade. Cando asentamos na illa de San Simón, afondamos na fórmula procurando o protagonismo nos xurados de persoas mediadoras na lectura, bibliotecarios/as, libreiros/as, xornalistas e profesores/as, todas lectoras, tan decisivas na conformación dunha sociedade lectora. Dende 1984, máis de 350 persoas teñen participado nos nosos xurados. Eis o seu protagonismo. Queremos contribuír a estimular esa revolución aínda pendente na sociedade galega, a da lectura literaria.

- No mundo das letras galegas hai unha reivindicación dende hai moito tempo: que haxa algo así como un Premio (chámese Nacional ou non) de Literatura Galega, e que premie un autor vivo. Ou sexa, algo equivalente ao Cervantes nas letras en castelán. A que se debe que non se dera conseguido ese obxectivo?

-Que non existan os premios nacionais da cultura galega con dotación económica, constitúe unha anomalía no actual autogoberno galego. Como editores, reivindicamos a existencia duns premios anuais á obra editada nos diversos xéneros: narrativa, poesía, ensaio, literatura dramática, literatura infantil e xuvenil, cómic, ilustración e labor editorial? Como tamén debería existir un recoñecemento anual á traxectoria dunha das nosas figuras literarias. Existe o precedente de premios literarios en Cataluña e Euskadi deste tipo. No goberno presidido por Emilio Pérez Touriño ensaiouse este modelo, mais foi eliminado polo de Alberto Núñez Feijoo, o presidente da Xunta de Galicia que amosou menos interese polo feito editorial galego. Estes premios literarios da Xunta de Galicia serían perfectamente viables economicamente, como demostra o Premio Otero Pedrayo outorgado de forma honorífica desde 1977 polas catro deputacións.

- Hai quen opina que as editoriais galegas están demasiado volcadas na publicación de obras de ficción, que fai falta publicar máis ensaio, máis libros de ciencia, de economía, de historia...

-Xerais acaba de lanzar "Básicos Ciencia", a primeira colección de divulgación científica en galego dunha editora privada. A ampliación do noso catálogo no territorio da chamada non ficción é unha as nosas liñas estratéxicas. Sen embargo, non vou mentir: é un proxecto difícil, xa que depende tamén da utilización do galego nos eidos da investigación científico-técnica, como nas propias ciencias sociais, onde os procesos de hibridación dixital e de minusvalorización do libro impreso están moi avanzados. Xerais, un proxecto editorial monolingüe, aposta por incorporar a ciencia como un eixo do seu catálogo. Este ano o discurso literario dos Premios Xerais será pronunciado por Xurxo Mariño, neurocientífico e divulgador científico, autor de Terra, unha das novidades da colección "Básicos Ciencia."

Compartir el artículo

stats