Nos tempos que corren, os festivais de cine xogan, cada vez máis, un papel cargado de romanticismo polo que representa esa loita entre a liberdade creativa e o mercado, que impón un criterio uniforme e previsible á hora de dar visibilidade ao produto audiovisual. Dous son as funcións principais que debe cumprir un festival: en primeiro lugar, pulsar o estado da cinematografía a nivel rexional, nacional ou mundial e, en segundo termo, ofrecer unha plataforma á revelación de novos valores no terreo cinematográfico. Se adaptamos estas premisas ao contexto no que se atopa inmerso o Festival de Cans, comprobamos que a función de revelar os produtos audiovisuais galegos está sobradamente recoñecida por mor da repercusión que o certame ten nos medios de comunicación. E aquí atopámosnos, quizais, co elemento máis meritorio da organización deste festival: a súa extraordinaria campaña de márketing. Desde á súa fundación, o Festival de Cans supón un exemplo de campaña publicitaria que merece ser analizada e estudada por expertos. A súa divulgación non depende de orzamentos cuantiosos no apartado publicitario, senón que foi financiada ao cen por cen polo enxeño dos seus promotores, que lograron situar no mapa a unha pequena aldea que amosa orgullosa o seu amor polo cine, a súa condición rural e, sobre todo, a capacidade de rir dun mesmo.