Carlos Casares Mouriño deixou unha pegada ben fonda no teatro galego, non sempre coñecida e recoñecida, tanto polo que directamente achegou ás nosas letras e á nosa escena canto polo moito que fixo para que determinados proxectos se puidesen desenvolver. En efecto, durante o tempo en que exerceu como Presidente do Consello da Cultura Galega activou unha comisión técnica de teatro, no marco da Sección de Música e Artes Escénicas, que ao longo de moi poucos anos celebrou foros de debate arredor das cuestións máis importantes que afectaban o desenvolvemento do sistema teatral galego. Alí falouse, por exemplo, das compañías residentes, unha figura que hoxe todas as persoas reivindican con alento e paixón, malia que naquela altura supoñía unha novidade que causaba terror e desconfianza. Pero tamén se falou de animación teatral e de teatro afeccionado, de creación dramática ou de xestión teatral, dando continuidade e rigor a uns debates iniciados entre Cangas e Viana do Castelo naquela festa da palabra e das ideas que foron os Encontros do Teatro de Galicia e Portugal (TEATRAgal) de 1996, 1997 e 1998.

Foi aquela a primeira vez que as portas do Consello da Cultura Galega se abrían de par en par para as xentes do teatro, e foi tamén a primeira vez en que o teatro como manifestación artística entrou a formar parte do seu discurso institucional, o que acabou por ser unha lexitimación notable das artes escénicas como sector estratéxico e fundamental da nosa creación e difusión cultural. Tamén supuxo unha demostración empírica de que as xentes de teatro eran quen de elaborar discursos atinados, viables e pertinentes, malia as voces que non acreditaban nesa posibilidade. Poucas veces se ten reparado nesta cuestión, a todas luces transcendental, en tanto supoñía darlle visibilidade a un conxunto de axentes que ata aquel momento se consideraban secundarios e mesmo prescindibles na nosa cultura.

Sendo todas esas actividades fundamentais na renovación dos discursos sobre a nosa realidade escénica, o proxecto que mellor define o traballo de Carlos Casares a prol das artes escénicas, foi sen dúbida o pulo que lle deu a idea de crear en Galicia unha Escola Superior de Arte Dramática, impulsando a elaboración dun informe no que se analizaba a súa necesidade e se propoñían as liñas mestras para a súa posta en marcha. Posteriormente asume a tarefa de trasladar idea e informe á presidencia da Xunta de Galicia e ao Conselleiro de Educación, Celso Currás. E nesa encomenda autoimposta de facer entender que Galicia, coma Suecia, tamén precisaba dun centro para formar aos profesionais da escena, Casares empregou moitas horas e moitos esforzos, e se hoxe a ESAD de Galicia é unha realidade, a Carlos lle debemos o que soubera situar na axenda política esa necesidade. Outros reclamarán méritos propios na creación desta institución, pero os máis son debidos a un home que fixo o que fixo, e foi todo. Tal vez por iso, na ESAD de Galicia agardan a que a Xunta acabe de finalizar o proxecto de sede aprobado no seu día pola administración autonómica e aínda inconcluso, e con el a construción dun teatro para o que hai ben de tempo que se lle buscou nome: Teatro Carlos Casares.

A galiña azul foi dos textos máis utilizados como pretexto para a creación teatral nos anos setenta e oitenta, tal vez pola riqueza dramática que atesoura e moitos rapaces e rapazas do país comezaron a facer teatro con ese texto, aínda que outros relatos seus foron utilizados co mesmo empeño. Entre eles podemos lembrar Lolo anda en bicicleta, que Ricardo Solveira e un animoso grupo de alumnos e alumnas da ESAD de Galicia converteron en Lela anda en bicicleta, un fantástico espectáculo infantil que por volta de 2010 percorreu varios teatros galegos, facendo que a maxia narrativa de Casares invadira os escenarios. Esta vai ser tamén unha das achegas importantes do amigo Carlos, a de ter creado unha obra narrativa para os máis cativos chea de posibilidades escénicas, como se podía de manifesto na historia da galiña máis famosa e querida do país. Por iso tamén os contos do Toribio agardan unha versión escénica para a posta en valor dese magnífico personaxe, pois Carlos Casares escribía desde a intelixencia, apelando sempre á intelixencia dos máis pequenos, e por iso esa manchea de contos segue a ser un exemplo a seguir. Tamén para facer un teatro intelixente.

As laranxas....

  • O único texto dramático de Carlos Casares foi As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas, co que en 1973 gaña na súa primeira edición o premio de teatro convocado na Coruña pola Agrupación Cultural O Facho, editado ese mesmo ano por Galaxia. Trátase dunha peza que, entre moitas outras cousas, exemplifica moi ben o tránsito entre o nacionalismo literario, que concibía o texto como ferramenta para a liberación nacional, e a literatura nacional, en que a obra literaria adquire plena autonomía, especialmente artística. Un tránsito sobre o que escribiu traballos moi notables esoutro galego egrexio que perdemos algúns meses despois de que Casares se fora: Xoán González Millán. As laranxas? é un texto polimorfo, que admite moi diversas lecturas, tal é a súa riqueza estrutural e semántica, e polo tanto admite igualmente diferentes modos no seu traslado á escena. Entre as lecturas posibles está aquela que o vincula coas teorías do caos, pois todo canto existe ou acontece na horta en que transcorre a acción está sometido a un alto grao de incerteza, e por iso as laranxas poden ser cirolas ou ameixas. Polo mesmo, unha vez que a laranxeira veu en dar toromelos e non limóns, tamén todo é posible. E así os toromelos acaban por se converter nunha poderosa metáfora para mostrar a natureza sempre incerta e inaprensible do real. O amable rebumbio co que rematan as aventuras dos veciños todos na casa do Elías, tamén supón unha forma de mostrar as posibilidades do caos como alternativa fronte á ríxida orde establecida. Unha crítica implícita e demoledora ao Réxime, a calquera réxime, da cor que for. Magnífico