Carlos Casares foi abondo polifacético, tanto que podería moi ben dicirse que non houbo un único Casares, senón múltiples proxeccións dun eu creador e intelectual. Narrador, ensaísta, poeta, escritor infantoxuvenil, xornalista literario e, tamén si, editor, xestor cultural e responsable institucional. Todo iso e máis foi este ourensán infatigable a quen, coas súas luces e as súas veladuras, é moito o que Galicia debe.

Dunha desas facianas menos coñecidas de Casares é da que queren tratar estas liñas: o (auto)tradutor, pois non en van foi dende mozo persoa sensible á aprendizaxe de novos idiomas, que sumou ao galego de instalación e o castelán contextual. Pénsese, amais, que acabou casando cunha rapaza sueca cando contaba apenas trinta anos, o que aínda axudou a que perfeccionase o inglés, que engadiu ao francés e outras linguas romances aprendidas no curso dos seus estudos (licenciouse en Filoloxía Románica), e a que fose quen de non ver como alleo o sueco.

Así as cousas, non debe estrañar que aquel rapazolo que chegou a Compostela dende Ourense para estudar inicialmente Filosofía e Letras ben pronto conectase con outros mozos de inquedanzas semellantes, proclives tanto a abrirse ás influencias ultrapirenaicas na escrita como, xaora, no coñecemento de linguas. Este feito, unido ao seu compromiso antifranquista e contestario, explica a que foi a súa primeira experiencia tradutora: a versión galega dos temas do recital ofrecido polo cantautor Raimon no Campo de Deportes da Residencia Universitaria de Compostela en maio de 1967. Con tal motivo, o poeta Salvador García-Bodaño e mais el verteron á nosa lingua as cancións, coas que compuxeron un folletiño do que tiraron 3.000 exemplares que se esgotaron rapidamente.

Tras aquela primeira experiencia viñeron outras. A primeira a tradución de Le Petit Prince ( O Principiño) de Antoine de Saint-Exupéry, que trasladou en 1972 e foi publicada por Galaxia. E logo desta aínda apareceron Tordyveln flyger I skymningen ( Os escaravellos voan á tardiña), obra de Maria Gripe que verteu ao galego dende o sueco e que imprentou SM en 1989; o clásico The Old Man and the Sea ( O vello e o mar), de Ernest Hemingway, tirado do prelo de Galaxia en 1998; e as adaptacións de Doménica (1999) e A bela Otero (2000) do seu amigo Gonzalo Torrente Ballester. A maiores, figuran tamén no seu haber como tradutor o transvase en 1979 para Altea de tres libriños ilustrados de carácter didáctico para primeiros lectores, Eu son un neno, Eu son un paxaro e Eu son un peixe de Miguel Ángel Pacheco e José Luis García Sánchez, alén dalgunhas outras historias da serie "O Dragón Vermello" e "Os Libros da Gata" da Editorial Argos Vergara asinados por diversos autores.

Do escrito é doado deducir que Casares estimou sempre o labor tradutor como necesario e valioso. Pois ben, outra proba de que así o entendía é o feito de que a partir de mediados dos oitenta decida autotraducir todos os seus libros galegos ao castelán. Deste xeito, as versións a esta última lingua das novelas Os mortos daquel verán (publicada por Alfaguara en 1987) e Deus sentado nun sillón azul (tamén editada por Alfaguara en 1996), amais dos títulos infantís Lolo anda en bicicleta (aparecido en La Galera en 1996) e Un polbo xigante (inserido no colectivo Los mares de Iberia e impreso en Lisboa en 1998), labor que se completa, doutra parte, con algunhas autotraducións inacabadas de Vento ferido dos anos 90 -que, nalgún caso, foron xa recuperadas na súa Narrativa breve completa (2012)- e aínda a ocasional autotradución dalgúns relatos en diferentes revistas e xornais ( El Urogallo, El País, Ínsula etc.).

Un amplo Catálogo

  • Non cabe dúbida, por tanto, de que Casares defendía a importancia da tradución e predicaba co exemplo. É máis, promoveu en canto puido plataformas que visibilizasen e puxesen de relevo esta angueira e, así, sendo presidente do Consello da Cultura Galega, dirixiu un proxecto no que coordinou varios documentalistas que confeccionaron un moi amplo Catálogo de obras literarias en lingua galega traducidas a outros idiomas.En conclusión: Carlos Casares foi un (auto)tradutor destacado e consciente do relevo deste labor, que alternou coa obra de creación dende o principio, pois no mesmo ano en que aparece o seu primeiro libro, Vento ferido (1967), tamén o fai a versión que do cancioneiro de Raimon fixera co seu amigo García-Bodaño. Esta convivencia mantívoa toda a vida, pois ata pouco antes do seu pasamento seguiu trasladando textos ao noso idioma e vertendo os propios ao castelán, o que dá idea de ata que punto cría na necesaria retroalimentación dos espazos literario-idiomáticos e na proxección e recepción de textos dende e para Galicia, fosen estes de natureza lírica, contística, novelística ou didáctica.As palabras coas que prologou o amentado C atálogo son o mellor remate para estas liñas. Nelas cífrase toda unha visión do mundo literario e tradutor que fala por si soa: "Nas sociedades contemporáneas a vitalidade dunha cultura mídese pola súa visibilidade. Por como se relaciona coas outras. Na súa capacidade de contar e achegar ao concerto de todas o debate, a reflexión ou o entretemento. Un dos mellores indicadores de visibilidade é o interese pola tradución, polo transporte do pensamento e da creación intelectual para que sexa comprensible noutras culturas e por outras xentes".