Cando o público, a crítica ou os estudosos da literatura galega se aproximan á figura de Carlos Casares adoitan sinalar como punto de partida a publicación de Vento ferido, o seu primeiro libro de relatos, que ve a luz en 1967 na colección "Illa Nova" da editorial Galaxia. Non obstante, durante a década dos sesenta, que coincide co seu traslado de Ourense a Santiago de Compostela e co primeiro contacto co mundo universitario, o autor ourensán inicia un efémero, aínda que frutífero, camiño no eido da poesía. O interese de Carlos Casares pola poesía é indubidable polas inmensas mostras do seu saber que albergaron as páxinas de La Región de Ourense e non poucos dos escritos da columna "Á marxe" que diariamente asinou desde 1992 ata o seu pasamento. Nestas páxinas están presentes nomes e nomes de poetas de distintas xeracións e procedencias como Jorge Guillén, Pablo Neruda, Carlos Barral, Álvaro Cunqueiro, José Agustín Goytisolo, Antonio Machado, Aleksander Wat, José Ángel Valente, Celso Emilio Ferreiro, Lord Byron, José Hierro ou Jaime Gil de Biedma, entre moitos outros. Ademais de estudar e reflexionar sobre poesía na prensa, en entrevistas e conferencias sobre este tema e outros -Casares era home interesado en moitos saberes- el mesmo contribuíu ao legado poético galego cun feixe de composicións espalladas por diversas publicacións que hoxe en día son practicamente descoñecidas para gran parte do lectorado que con posterioridade debullou a súa obra narrativa.

A actividade poética de Carlos Casares desenvolveuse durante unha primeira etapa en Compostela, vinculada á universidade e aos movementos estudantís da época, e foi recoñecida en varias ocasións cos galardóns das Festas Minervais organizadas polo SEU. Porén, esta actividade non se restrinxiu exclusivamente á participación en certames literarios, senón que se mantivo ao longo do tempo en diversos actos a prol da lírica, como por exemplo, no recital poético en homenaxe a Rosalía de Castro con motivo do centenario da publicación de Cantares gallegos -o primeiro Día das Letras Galegas-,, no que ofreceu as súas "Verbas de espranza pra Rosalía", unha composición que se publicou no primeiro número de Grial (1963) ou na conferencia que pronunciou en 1965 na Facultade de Filosofía e Letras da universidade co gallo do Día Mundial da Poesía, onde reflexionou sobre a situación da poesía española da época, que naquela altura se mantiña en constante evolución desde o camiño iniciado por Juan Ramón Jiménez e posteriormente recibido polos autores do 27. O cambio de orientación cara á poesía de imaxes -que tras a Guerra Civil se transformou en poesía realista. dá lugar á humanización do contido e o poeta deixa de ser ahistórico, atemporal, simbolista e hermético para renunciar ao seu illamento e constatar a súa identidade, o seu ser no mundo. Na explicación que Casares ofrece ocupa un lugar destacado Antonio Machado, que foi evocado con frecuencia nas súas páxinas de prensa e tamén en composicións como "Poema de emerxencia para Antonio Machado", compilada na antoloxía Homenaxe a Machado (1966).

A poética do ourensán foi recollida en diferentes revistas como Grial ou Claraboya e en antoloxías como a elaborada por Basilio Losada en 1971, titulada Poetas gallegos de postguerra. Carlos Casares establece nos seus versos un diálogo entre poetas de distintas tradicións, tanto da literatura galega como da literatura española e europea. Así mesmo, reflexiona sobre o valor da poesía como instrumento de transformación do mundo -como dicía Celaya-, sobre a esperanza nun tempo que pretende fuxir do silencio e sobre a palabra que transcende e sobrevive á propia morte.

Nas páxinas de Grial

  • A traxectoria editorial de Carlos Casares está vinculada desde os seus comezos a Grial, que en 1963 comezaba a súa angueira da man de Ramón Piñeiro, guía necesario e grande amigo dun mozo que chegaba a Compostela con fondas preocupacións e intereses. O primeiro número da revista publicou "Verbas de espranza pra Rosalía", no que o poeta presenta o "novo abrente de espranza" que se abría en Galicia e que representaban Otero, Piñeiro, Carballo, Celestino, García-Sabell, Tovar, Celso Emilio, Novoneyra...Andado o tempo, un ano antes da publicación de Vento ferido, Carlos Casares conclúe a súa aventura poética en Grial coas composicións intituladas "Roula muíño triste" e "Amemos", nas que se observa unha profunda pegada intimista onde o tempo xoga un papel preponderante pola súa natureza efémera. A segunda composición, dedicada a Xohana Torres e inaugurada cuns versos de Do sulco, incide nesa idea da fugacidade do tempo e da beleza onde novamente aparece a esperanza, que desta volta vai situada en contra do escritor. Se en 1963 a voz lírica establecía un diálogo esperanzado con Rosalía, en 1966 é o desacougo o que marca o discurso no que as lembranzas serán o único consolo no naufraxio do poeta.