Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tratando coa fariña

Fotogramas de narcos

O xornalista e escritor Nacho Carretero.

Haii uns meses, escribíamos nesta mesma tribuna sobre a repercusión mediática da serie Narcos, éxito televisivo de Neftlix creada por Chris Brancato, Eric Newman e Carlo Bernard, que recrea a vida de Pablo Escobar. Nese artigo esbozábase a idea de que no cinema español quedaba aínda por facer, como acontece con outros moitos temas de forte pegada na nosa historia, unha película reflexiva que aborde o problema do narcotráfico. Todo é silencio -película de José Luis Cuerda baseada nunha novela de Manuel Rivas- é unha longametraxe totalmente errada, El niño (Daniel Monzón, 2014) supón unha torpe imitación do cine de acción hollywoodiense, mentres que Heroína (Gerardo Herrero, 2005) non estivera á altura do personaxe que pretendía retratar: Carmen Avendaño. En cambio, décadas atrás, Eloy de la Iglesia e o seu guionista Gonzalo Goicoechea, a pesar de non contaren coa distancia na mirada que outorga o paso do tempo, ou quizá precisamente por atoparse demasiado achegado ao problema -tan preto estaban que ambos, director e guionista, acabaron atrapados na heroína- ofreceron un díptico extraordinario sobre os estragos da droga a pé da rúa en El pico (1983) e El pico 2 (1984).

"Bambú producciones" pretende emendar o baleiro desta temática coa adaptación do bestseller Fariña: Historia e indiscreciones del narcotráfico en Galicia de Nacho Carretero Pou, unha crónica sobre os anos escuros da droga en Galicia. Resulta obvio pensar que a repercusión mundial de Narcos, serviu de estímulo para embarcarse neste proxecto, pero non debemos desmerecer tampouco a resonancia que tivo o propio libro de Nacho Carretero.

Pouco transcendeu á luz pública sobre a adaptación, pero tendo en conta que a citada obra ten máis de xornalismo que de literatura, o proceso de transposición terá que enfrontarse a un importante reto: ficcionalizar acontecementos que son narrados en clave xornalística e que carecen dun fío condutor que dea unidade ás diversas historias que se suceden. É máis que probable que a adaptación audiovisual precise da voz off, recurso que nos últimos tempos está presente en varios traballos, sobre todo cando se trata de plasmar unha narración baseada en acontecementos reais. É o caso, por exemplo, de Narcos, que utiliza o personaxe de Steve Murphy, o axente estadounidense da DEA, como narrador que contextualiza e explica certas situacións da trama.

Tamén é previsible que a adaptación de "Bambú Producciones", para compensar a parte xornalística do libro de Nacho Carretero, opte por introducir, entre as escenas filmadas, imaxes de arquivo que remita ao formato documental, outorgando deste xeito ao produto final a veracidade que posúe o libro Fariña. Así aconteceu tamén na citada serie Narcos, que apelou con equilibrio ás imaxes reais, non só para aportar unha factura documental, senón tamén para engadir o efecto de atracción que estas provocan, sobre todo cando se trata de amosar momentos emblemáticos do feito narrado.

Por outra banda, a necesidade ou posibilidade de filmar unha serie como Fariña, responde tamén a un novo contexto que nos últimos tempos se estableceu en España, aberta definitivamente ao xénero do thriller. Historicamente o thriller non se atopa entre os xéneros máis divulgados na produción audiovisual española, sobre todo se temos en conta a escaseza de formas estéticas próximas á acción e o suspense na tradición escénica e literaria hispanas. Porén, nos últimos anos, o thriller comeza a reclamar un anaco de protagonismo, refrendadas por rotundos éxitos que nos fan pensar que a onda deste xénero seguirá a deparar futuros títulos tanto nas salas cinematográficas como nas canles de televisión.

Axustar a perspectiva

  • Para que o ollar sobre unha paisaxe sexa nidio debemos agardar a que a poeira levantada polos pasos dos viandantes que por alí transitaron acougue no chan, para que a paisaxe quede despexada e poidamos adquirir unha perspectiva axustada, un ollar sosegado. Ben claro apreciamos esta hipótese no ensaio xornalístico de Nacho Carretero Fariña: Historia e indiscreciones del narcotráfico en Galicia, cuxa lectura impón ao lector o choque de perspectivas que sobre este fenómeno existe na actualidade fronte ao que imperaba hai tres décadas. A visión sobre o narcotráfico, por fortuna, é ben distinta hoxe en día, aínda que para acadar esa perspectiva fixera falta un proceso de expiación colectivo. "Bambú Producciones" - responsable, entre outros, de éxitos televisivos como Velvet, Gran Reserva, Bajo sospecha, La embajada- prepara para Antena 3 unha versión filmada do libro de Carretero que será producida en formato de serie. Cun reparto encabezado por Marta Larralde, Tristán Ulloa, Antonio Durán ou Javier Rey, a nova produción rodará en escenarios das nosas costas a historia do narcotráfico, narrada desde as mesmas entrañas do tecido criminal que se creou en Galicia para recibir e distribuír á droga por todo o continente. O estilo xornalístico de Fariña compleméntase coa acumulación de decenas de anécdotas que permitan ilustrar con precisión a fisionomía dun fenómeno que durante anos paseou a súa indolente impunidade polas rúas das nosas cidades e vilas.

Compartir el artículo

stats