Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A pintura como linguaxe

Ánxel Huete: unha revisión crítica

Algunhas das obras da mostra de Ánxel Huete nas instalación do MARCO

A nova mostra que presenta o MARCO revisa, como froito dun intenso e fructífero traballo curatorial -debido á comisaria Agar Ledo-, de investigación e montaxe, unha parte substancial da traxectoria dunha figura fulcral da arte galega das últimas décadas: Ánxel Huete (Ourense, 1944).

Desde os seus inicios a metade dos anos sesenta a obra de Ánxel Huete segue un vieiro que transcende a pintura como técnica, e que é utilizado polo pintor para pescudar sobre a relación entre os límites da propia obra e o contexto social.

Huete é ben consciente de que a pintura é linguaxe e que a linguaxe, como explicou Roland Barthes na década dos cincuenta, é un corpo de prescricións e de hábitos, común a todos os creadores dunha época. Isto quere dicir que é un código que funciona como unha natureza que pasa enteriramente através da expresión do creador, sen lle dar, con todo, ningunha forma concreta e mesmo sen a alimentar. É como un círculo abstracto de verdades, fóra do cal, como di Barthes, "comeza a depositarse a densidade dun verbo solitario".

A obra Huete foi conformándose nese denso depósito, afirmándose na dimensión que liga o artista e a sociedade do seu tempo, consciente de que non existe arte sen unha moral da linguaxe. As súas pinturas hai que entendelas non apenas como espazos para un campo de intervención artística, senón como constituíntes dun territorio de reflexión. É o lugar onde a observación do mundo, a memoria e mais o pensamento se unen, presentándonos un mundo pensado e experimentado a través do ollo do artista e espellado de xeito múltiple sobre si propio.

A medida que avanzou na súa obra, Huete foi propendendo para unha pintura que reforzaba este carácter reflexivo, que enfatizaba a relación singular interior-exterior, tan característica do conxunto da súa produción, en especial nas últimas décadas, xogando, neste sentido, a limitada paleta un papel fundamental que intensificaba as cualidades envolventes das obras. Estamos, pois, perante unha vontade de construír unha ligazón específica co lenzo desde a mirada, en interacción co soporte da obra pictórica mais non sometido ao mesmo.

O traballo pictórico de Ánxel Huete cómpre situalo, pois, nunha tradición de artista reflexivo, que entende a arte como un exercicio de construción estilística e, ao tempo, como suxeito e materia de elaboración intelectual. O pintor é consciente de que a verdade en arte non é un problema de realidade, senón de ética, que a arte fai un todo indisociábel co rigor analítico e a pulsión creativa. Só así podemos entender o seu proceso creativo e as intensas vivencias do artista formando a súa personalidade no Berlín de finais dos sesenta e comezos dos setenta ou na Galiza dos anos finais do franquismo, en que a loita contra o fascismo se facía ao tempo que se tentaba crear unha nova cultura liberada dos valores da sociedade máis conservadora.

Desde esta perspectiva todo traballo de Huete é político, el é un pintor e como tal utiliza un código plástico, actúa, pinta, e ese o sentido do seu acto, crea unha metalinguaxe que dota de sentido a súa acción.

O proceso seguido pola pintura de Huete, desde hai máis de dúas décadas, foi levando a súa arte nunha liña de intensificar este sentido reflexivo da súa acción. Para plasmalo o artista bota man dun intenso rigorismo fomal e conceptual que se quere situar nun equilibrio entre conceptual e o plástico, articulando un discurso de redución de recursos, de esencialización, que dalgún xeito propende cara a un hipotético grao cero da pintura.

Título da exposición: Ánxel Huete. Unha revisión crítica.

Autor: Ánxel Huete. Comisariado: Agar Ledo

Organiza: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo. Local: MARCO, Vigo

Até o 17 de setembro de 2017.

Efecto envolvente

  • As súas creacións producen un efecto envolvente que crea un espazo que é definido pola propia pintura. A súa pintura é sobre todo unha espacialidade expansiva e cromática, pero moi controlada, que parte dun sutil traballo mental que non admite correccións e que se converte nun ambiente e procura espontaneamente a arquitectura mergullando a espectador no seu mundo en que a liña fina agacha esa concepción esencialista que se sitúa na estrutura profunda da obra. Estamos, pois, perante formas simples e puras que queren lograr extraer o eterno do transitorio ao que sempre aspirou toda actividade artística, mais sobre todo aspiran e conseguen codificar un comportamento de traballo coherente e inserido nos problemas da arte do noso tempo. Se cadra, esta é unha das chaves do traballo de Ánxel Huete, ese carácter reflexivo, ao tempo aberto e concentrado, que desde o pormenor e a pincelada nos leva á problemática espacial e á sutil sensación lumínica, e desde esta novamente ao punto inicial, nunha espiral envolvente. Porque, a final, o que nos propón o artista no conxunto das súas obras é unha variedade de maneiras de ollar, mesmo no sentido máis literal, ollar desde distintas distancias e puntos de vista, sempre presidida esta mirada por un equilibrio conceptual e plástico que vén articular o discurso. Un tema tan vello, produto dun debate case académico, mais que na súa proposta se torna plenamente actuante e pertinente

Compartir el artículo

stats