Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

FARO DA CULTURACando todo é o contrario de todo

Longa vida ao novo realismo

O noso can vive moito mellor ca nós; como mínimo, non padece a tortura das preocupacións dun ego con pretensións omniscientes. Desde logo, trátase dunha afirmación que, con certeza, subscribiría Maurizio Ferraris. Xa superamos, non obstante, a sentenza de Quevedo, parafraseada por moitos ao longo dos séculos: "todos os seres humanos que parecen estúpidos, sono; e non só eles senón tamén a metade dos que non o parecen." Segundo Ferrarís, a imbecilidade, aínda que semella medrar, mingua. Na contorna do nihilismo "irracional", isto é esperanzador. Para o filósofo italiano, a falsa percepción de parvallada xeral é partícipe dos escenarios exhibicionistas da nosa época. É dicir; hoxe dispoñemos de máis facilidades para promover o noso talento para a necidade. Non hai máis sandez que antes, hai Internet. Estamos mellor organizados para expoñela, unha especie de ostentación virtuosa da estupidez.

Sabemos que o funcionamento automático do poder esixe a nosa complicidade. Esta consciencia deu ás á suspicacia para cuestionar todas as verdades. Pero pode que tal certeza tamén creara unhas expectativas que condicionaron o noso presente. Posto que o control non pode exercerse externamente de forma permanente, foi necesario introducir unha cómplice interna a nós: virtuosa en eficacia nestas tarefas, é a dúbida. Acaso no pode ser tamén fomentada dende o poder? Esta consciencia de saberse observado axuda ou dana na nosa condición de prisioneiros?

Para os pensadores do posmodernismo, a liberdade significaba superar o paradigma da obxectividade: esa orde de cousas que, no nome da racionalidade, considera posibel o disparate de que a mente humana abarque a obxectividade. Desarticular ao poder estaba no camiño da desconstrución dos relatos tradicionais. O pensamento débil liberaríanos das perversas manipulacións do poder, dos condicionamentos e das construcións normativas das cousas, esa expresión do panóptico que aínda tatexa neoloxismos para normalizar as estafas, incluídas a máis vulgares, aquelas perpetradas polos ladróns.

A deconstrución era a forma de eludir a mirada vixiante do poder. Pero, en lugar da conquista deste espazo de liberdades, o resultado foi un mundo aínda máis ficticio. Das ilusións da obxectividade e do pensamento binario á realidade líquida e ao pensamento débil. O correlato social do experimento foi unha afectación histriónica dos egos onde todo é un "reality". O xogo resultou tan disparatado que os artistas se confundiron cos políticos; os políticos cos artistas e os ladróns cos filántropos.

Emerxeu unha realidade impulsada por un populismo parvo que atopou na rede un escenario disposto a mostralo todo. "Todo é o contrario de todo", diría Ferraris. Pero o contrario de todo é "non todo", o que significa que unha boa parte está oculta. O que resta é o verdadeiro obxecto da información na rede. Parécese bastante ao cárcere do panóptico aínda que evolucionada porque o produto da rede somos nós. O filósofo italiano reflexiona sobre as plataformas tecnolóxicas e di que Internet non é a transparencia, senón a completa opacidade. É certo que poucas cousas son máis falsas que as verdades obxectivas, que a ciencia é tan provisional coma nós e que a información non é fiable; pero tamén sabemos que necesitamos confiar en algo.

Compartir el artículo

stats