Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Violencia, sexo e xenética

Crónica da familia Románov

Nicolás II e a familia real rusa en 1914

A historia dos monarcas é a historia das súas liñaxes. E se entre estas houbo unha capaz de deseñar e conformar un país, esa foi a dos Románov verbo de Rusia e o seu imperio. Unha dinastía que levaba na súa xenética un código de obsolescencia inevitable: en 1917 -coa oposición comunista ou sen ela- non podían resistir máis tempo. Paradoxalmente, un século despois o seu espírito (boato e maneiras de gobernar, comezando polo desprezo das liberdades civís) está a ser restaurado por Vladimir Putin.

Os príncipes moscovitas actuaron de barreira fronte ás invasións mongois. Despois da caída de Constantinopla en 1453, consideráronse os únicos herdeiros do imperio romano de Oriente e, en calidade de tales, adoptaron o título de Tsares de Rusia a partir de Iván IV. Á morte de este en 1584 houbo un período de interregno que rematou cando en 1613 unha asemblea de nobres elixiu un seu sobriño neto, Miguel I, como monarca. Con el comezaba a dinastía dos Románov. Sucedéronlle o seu fillo Aleixo I e o seu neto Teodoro III. Cando este morreu, houbo un conflito sucesorio entre Pedro I, fillo do segundo matrimonio de Aleixo, e Iván IV, irmán do anterior tsar.

Vencedor o primeiro, fixo da modernización do seu reino o obxectivo do seu mandato (1682-1725), en competencia con Suecia, daquela a grande potencia do Báltico. Para iso, abriu Rusia a este mar coa fundación de San Petersburgo. Seguíronlle breves reinados ata chegar a períodos máis longos con Elisabet (1741-1761, filla de Pedro I) e, sobre todo, da súa sobriña Catarina II (1762-1796). E en paralelo, enlaces matrimoniais con príncipes e princesas alemáns, entre elas dúas da potente casa Hessen-Darmstadt, a segunda das cales foi a derradeira tsarina, Alexandra.

Pero malia as aperturas impulsadas por Pedro I e Catarina II, a coroa do Imperio Ruso mantiña dúas teimas: expansión territorial (gañaba anualmente 50.000 km2 de media) e férreo control da corte. A sociedade rusa estaba dividida entre o núcleo aristocrático próximo ao trono e unha inmensa poboación de servos en réxime de case escravitude, os muxik, dominados polos terratenentes, os kulak. E apenas había máis clase media que os escasos profesionais liberais e os artesáns das cidades e a oficialidade media do exército. Un marco social que permaneceu inalterable ata a eliminación da servidume por Alexandre II en 1861.

Malia esta e outras reformas, o dominio dos tsares Románov -sempre co apoio da Igrexa ortodoxa- non deixaba de ser autoritario, mandando a base de decretos, os coñecidos ukaz, procurando atención a conxuras certas ou imaxinadas, e coa protección da terrible garda imperial, creada en tempos de Iván IV. Un funcionamento dominado con frecuencia pola violencia e a crueldade contra fillos, esposas, irmáns e parentes de toda caste, sen esquecer os cortesáns. Unha violencia presente nas rúas -e na mesma praza Vermella- cunha inmensidade de execucións e castigos públicos.

Unha traxectoria, especialmente ao longo do século XIX, que non acadaba unha homologación co resto dos países europeos, nin tan sequera cos que tiñan unha estrutura imperial. A ausencia dunhas clases medias urbanas impedía a extensión das prácticas democráticas máis elementais. A autocracia tsarista negaba a aparición dun parlamento que non foi realidade ata 1905 como consecuencia da primeira revolución, cando Nicolás II autorizou a restauración da Duma como un órgano consultivo. Prevista unha posterior conversión en cámara lexislativa, o tsar non estaba disposto a perder poder. Sen embargo, pola presión social, en 1912 tivo que aceptar a Cuarta Duma, electiva, e en 1916 disolveu a garda imperial: a sorte dos Románov estaba definitivamente botada.

Unha corte depravada?

  • Os mesmos tsares que exercían a violencia máis brutal, practicaban diversións palacianas cuxa crueldade e obscenidade -mesmo hoxe- causaría auténtico escándalo: orxías, bailes de ananos, promiscuidade. Velaí o club dos "Pecadores Borrachos", promovido por Pedro I o Grande: os seus ministros, bébedos e esporranchos, divertíanse con rapazas que saían de gaiolas. Sen entrar agora na tolerancia -malia a Igrexa- cara á homosexualidade xa no século XVI, polo visto o gran príncipe Basilio III precisaba do concurso dun oficial da súa garda para copular coa súa esposa. O escándalo non estaría niso senón no risco de ilexitimidade dun eventual descendente. Son coñecidas as aventuras de Pedro I, Anna e Catalina II con persoas do seu mesmo sexo. Incluso é salientable, no século XIX, o número de ministros e cortesáns ultraconservadores e homosexuais. Nas cidades estaba máis tolerada que nas zonas rurais e non resultaba estraño atopar "clientas" nos prostíbulos. Un ambiente social do cal Rasputín, favorito de Nicolás II, foi epígono. Capaz, supostamente, de combater a histeria da tsarina Alexandra e as hemorraxias do tsarévich Aleixo, ben axiña gañou fama de visitante contumaz de leitos alleos da alta sociedade. Por razóns que tal vez nunca saberemos, foi asasinado en 1916. Moitos, por motivos diversos, deberon quedar tranquilos.

Compartir el artículo

stats