Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Unha nova voz

Reescritura feminista

Unha nova voz

Estréase no mundo literario galego Ana Cabaleiro con Sapos e sereas, un monllo de relatos que se caracterizan pola ollada feminista que deitan e polas súas protagonistas poderosas, que nalgún momento teñen que romper varias convencións sociais (a maioría delas relacionadas coas trapelas do amor romántico), co que espera a súa contorna, co que se lles esixe sen preguntarlles. A escrita da autora caracterízase por posuír un estilo lixeiro, que facilita que rapidamente entremos na narración, así como por dominar con abonda pericia a técnica do relato breve e ser capaz de deitar pequenas pegadas que, as máis das veces, nos conducen cara un final inesperado que busca facernos reflexionar.

Na maioría das narracións hai unha recorrencia a personaxes da cultura popular de tradición case universal: o lobo feroz, as sereas, os sapos, que se mesturan con outros de orientación máis bíblica (os Reis Magos, Eva, Xudit, María Magdalena?). Non é casual: unha das estratexias privilexiadas, especialmente dende a década dos setenta do século XX, pola escrita feminista foi precisamente a de trocar as narracións populares a partir de cambios substanciais no seu desenvolvemento, reescribíndoas dende a perspectiva das outras e pensando especialmente no público infantil. Desa tradición bebe esta obra, na que xa se inspiraran outros textos da literatura galega pensada para nenas e nenos, coma O rei da nada e outros contos (1986) de Sabela Álvarez Núñez, pero tamén da concibida para o lectorado adulto, coma V ermella con lobos (2004) de Carmen Blanco. En Sapos e sereas hai, polo tanto, unha actualización destas estratexias, que ademais é abordada dende a problemática das relacións de parella (interesantes son as reflexións sobre o que os demais queren ver, mais que se diferencia en grande medida do vivido polas persoas que forman parte da relación), poñendo un pé tamén na cuestión do maltrato psicolóxico e, nalgún caso, mesmo físico.

Non obstante, é mágoa que os relatos sexan tan só catro (parece que a lectura fica na tensión de querer continuar) e que non haxa algún elemento máis que os cinga, creando un universo propio e autónomo que parece rachar cando non se empregan estes personaxes de tradición popular. O epílogo pretende pechar o círculo, acoutando tamén o mundo ficcional destas páxinas, pero a pesar de estar ben traído, acaba suxerindo ao lectorado que ha de pensar e que ha de pasar. Non era necesario: as páxinas anteriores, ben escritas e ben trabadas, xa nolo fixeran saber. Namentres, seguiremos agardando a que o universo de Cabaleiro se expanda en próximas entregas, porque o seu proxecto literario pode ser interesante.

CABALEIRO, Ana, Sapos e sereas, Ed. Galaxia, Vigo, 2017, PVP. 12 ?

Compartir el artículo

stats