Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Quo vado?

Cinema e tópicos xeográficos

Algúns dos protagonistas do film francés Benvidos ao norte (2008).

Aínda que o cine sexa considerado, non sen razón, unha arte, xamais poderá desvincularse por completo doutra condición anexa á súa esencia: o cine é un produto industrial. Por esta razón, unha das funcións do produtor consiste en poder vaticinar sobre proxectos aquilo que poida orixinar un beneficio económico. Neste campo xoga unha importante faceta a imitación, a repetición dun modelo que con anterioridade demostrou xa a súa capacidade para acadar o éxito. Nos últimos tempos, poucas películas abriron a senda de forma tan xenerosa como a francesa Bienvenue chez les Ch'tis ( Bienvenidos al norte en castelán), ata o punto de orixinar dúas versións italianas, un remake "oficioso" en España - Ochos apellidos vascos- e a adquisición dos dereitos da historia por parte de Will Smith para a súa produción en Estados Unidos. As cifras de espectadores que manexan as tres películas en cada un dos tres países europeos nas que foron estreadas (Francia, Italia e España) permiten falar dun fenómeno sociolóxico sen precedentes. Unha desas películas italianas, cuxo título orixinal é Quo vado?, vaise estrear esta semana nos cines españois baixo o título Un italiano en Noruega, tradución que busca visibilizar a similitude que a historia ten coa citada película francesa

Esa visión distanciada dos tópicos xeográficos xa foi plasmada a finais do século XIX por Mark Twain en The innocents abroad ( Guía para viaxeiros inocentes), unha xoia literaria que recolle as crónicas da viaxe que o escritor estadounidense fixo por Europa e por Terra Santa, nas que describe as costumes de cada lugar cun humor corrosivo e paródico. "Viaxar é fatal para os prexuízos" escribe Mark Twain nas súas crónicas, e diso veñen a falar as películas que nos ocupan.

En España xa tivemos a ocasión de comprobar o éxito deste modelo humorístico con Ocho apellidos vascos, unha fórmula moi popular entre os nosos monologuistas, baseado en situacións reiterativas da vida cotiá que, tras un proceso de distanciamento, acaban por ser caricaturizadas. Como dicía Miguel Mihura, o humor pretende que saiamos de nós mesmos, marchemos con pés de lá vinte metros e demos unha volta ao noso arredor contemplándonos por un lado e por outro, por detrás e por diante, como ante os tres espellos dunha xastrería. Non estamos, nin moito menos, ante un humor reformista, senón que se trata dun humor popular que rastrea no vulgo, na rúa, precisamente onde nace e se difunde o tópico rexional que sempre resultou ser unha importante materia prima para un determinado xénero de chistes.

O choque de culturas ou de civilizacións produce unha colisión entre contexto e suxeito que deriva en situacións humorísticas e que os mestre do humor mudo -Charles Chaplin, Harold Lloyd ou Buster Keaton- xa levaron á práctica hai máis dun século, aínda que en contextos máis concretos e reducidos. Sobre todo Charles Chaplin, que apostou por esa colisión entre o protagonista e mais o entorno físico a través dun personaxe icónico: o vagabundo, un ser inadaptado na sociedade que facía uso da súa tozudez poética para manter a súa integridade moral a pesar da hostilidade coa que era tratado por aquela. Modelo que anos máis tarde retomaría Jacques Tati co seu célebre Mr. Hulot,e máis recentemente, e xa en formato televisivo, o actor británico Rowan Atkinson na interpretación de Mr. Bean.

Vén sendo esta, e a fin de contas, unha versión do paradoxo; é dicir, dous elementos antagónicos que ao confrontarse producen a consecuente escena cómica. O dicionario sinala que o paradoxo supón unha proposta que semella contraditoria ou absurda, pero que, e aquí está o logro dos grandes autores cómicos da historia, é capaz de saber expresar unha gran verdade.

De Italia a Noruega

  • Con certo atraso respecto da súa estrea no seu país de orixe (2015), esta semana chega á carteleira das salas de cine españolas a película italiana Quo vado? -título que parodia a célebre película de Mervin LeRoy baseada na obra de Henryk Sienkiewicz-, e que para a explotación hispana se chamará Un italiano en Noruega. Relata a historia dun funcionario provincial da administración que leva anos traballando nunha oficina expedindo licenzas de caza e de pesca. Leva unha vida cómoda e feliz ata que o Estado decide eliminar as provincias. Debe tomar unha decisión: aceptar unha indemnización e quedar sen emprego, ou trasladarse a Noruega para traballar como garda de seguridade nunha estación científica no Polo Norte. Trátase dunha relectura alpina da exitosa comedia francesa Bienvenue chez les Ch´ts (Dany Boon, 2008), que xa tivera unha adaptación máis explícita en Italia no ano 2012 con Benvenuti al nord (Luca Miniero). A película en cuestión, Quo vado?, dirixida por Gennaro Nunziante e cun reparto encabezado polo cómico Checco Zalone, é a máis taquillera da historia de Italia cunha recadación de máis de 65 millóns de euros, nunha nova afirmación de que os tópicos continúan a ser unha importante materia prima para as comedias europeas.

Compartir el artículo

stats