Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Paisaxe con figura

Arredor da pintura de José Frau

Unha das obras expostas na mostra da galería Montenegro de Vigo

A viguesa galería Montenegro presenta unha mostra dedicada ao pintor José Frau (Vigo, 1898-Madrid, 1976).

A obra de Frau cómpre entendela desde o seu contexto formativo no Madrid dos anos dez e vinte, onde estuda na Academia de Bellas Artes de San Fernando, mais, sobre todo, o feito que marcará a súa adscrición á modernidade é a integración, a mediados dos vinte, na Sociedad de Artistas Ibéricos, xunto a Palencia, Cossio, Dalí, Souto ou Solana. Debemos lembrar que as mostras de Los Ibéricos supoñen a incorporación á chamada Arte Nova do contexto estético español desde unha afinidade fonda coa arte da Europa de entreguerras e desde parámetros moderadamente modernizadores.

Máis tarde, Frau atinxe a época de madurez plástica que culminará coa súa marcha a América, vivindo trinta años de esplendor profesional en diferentes países, principalmente en México, onde mantén estreita relación cos grandes muralistas mexicanos.

As obras de Frau distínguense pola emancipación dos esquemas compositivos e debuxísticos tradicionais e un tratamento que o liga, no seu punto de partida, á estética do realismo máxico que se impón en moita arte europea desde mediados dos anos vinte.

Na súa evolución, Frau toca temas moi diversos -paisaxísticos, interiores con figuras- cun marcado gusto polas escenas marxinais, tratadas cunha inclinación que deixa sentir a marca da Nova Obxectividade alemá e á vez un certo decorativismo Art Déco. En ocasións, achégase a unha estética poscubista, como en Puerto de la Boca. Buenos Aires (c. 1938), con tonalidades luxadas, que lembran tamén a pintura italiana do Novecento. O cadro presenta unha paisaxe portuaria e desolada coa contrastiva presenza do nu feminino, un universo que nos transporta a inequívocas referencias da figuración de dominante dos anos vinte e trinta. Tamén se pode percibir este mesmo espírito en obras posteriores como Puerto de Buenos Aires (1955).

Frecuentemente presenta figuras en espazos naturais, como parte dunha ambientación ou decorado, a xeito de posta en escena, conformando escenografías con evocacións clasicistas, un mundo etéreo entre o enigma e o misterio ( Siesta, s/d). En óleos como este, Frau incorpora uns motivos e fórmulas moi de moda en Europa.

Outro dos temas recorrentes da obra de Frau é o ambiente de escenas de teatro, cabaré ou prostibulares, por exemplo en Barrio gótico, Barcelona, mais que noutras como en Los novios (1953); En el teatro ou En la taberna lembran o mesmo ambiente de pinturas da súa xeración, como por exemplo as do tamén galego Arturo Souto. A diferenza deste, en xeral, en Frau hai unha visión menos tráxica e dramática. Son habituais nel as composicións de interiores con figuras, como se pode observar en múltiples óleos, acuarelas e tintas que presentan os seus característicos estudos a partir de modelos femininos, en que a súa linguaxe pictórica amosa a proximidade á tradición francesa, especialmente cando estas figuras se captan na intimidade, e en que o ollar do pintor é o do voyeur. Son obras que delatan, na súa linguaxe pictórica e nas escenas representadas, o coñecemento da pintura de Pierre Bonnard. Como no pintor francés Frau presenta unhas escenas con figuras femininas na intimidade, cunha notábel preocupación pola composición e o efecto lumínico. Representativas desta captación da muller son obras como El repaso.

Outro importante núcleo da súa obra vén ser o da paisaxe. Frau constrúe a paisaxe desde unha captación esencialista, peneirada polos movementos europeos máis vangardistas, e reinterpreta a natureza dun xeito atrevido e expresivo, ao tempo,, que reflicte as súas respostas persoais diante de elementos visíbeis e asemade manifesta a súa inserción nun ambiente estético claramente epocal.

Título: Paisaxe con figura.

Autor: José Frau. Local: Galería Montenegro, Vigo. Até o 30/5/17.

Procura clasicista

  • A vía seguida polo artista nas súas paisaxes é a que sintetiza diferentes influxos da arte europea de entreguerras. Exemplos perfectos son as obras realizadas en México como o espectacular Jardines de Chapultepec ou P aisaje en México (c. 1974). Son óleos que amosan a indubidábel pegada do paisaxismo posimpresionista. Frau estende as cores de xeito compacto, creando atractivos reflexos a tendendo a formas simples e sintéticas que lle dan ás paisaxes un suxestivo ambiente vitalista, todo realizado cunha vigorosa resolución plástica dos motivos paisaxísticos e cun acorde de cores de enorme calidade. Na maioría destas obras o artista crea ritmos curvilíneos de contido dinamismo. Mais Frau, na súa procura estilística, acode tamén ás fontes clasicistas, aspecto fundamental para entender a construción e o equilibrio das súas escenas de figuras. Son obras que transmiten unha consciencia da condición moderna, nas que percibimos que o clasicismo non é unha simple volta ao pasado senón unha reformulación do ideal clásico. Nestas obras, as fontes cezannianas son fundamentais e de aí aprende o noso pintor a maneira de situar a figura na paisaxe: Mujeres en el baño (1950). A esta lección vai permanecer sempre fiel e será alicerce das súas fecundas e sutís variacións formais. O Frau de temas clasicistas, preocupado pola análise da figura en relación coa paisaxe, segue, xa que logo, o ronsel dese Cezanne que, en palabras de Pierre Bonnard, era "o pintor máis poderosamente armado perante a natureza". No noso artista, a través da natureza ponse de manifesto unha orde que non é exactamente "a natureza" mais que está nela, algo tamén evidente no seu paisaxismo puro. O conxunto da pintura de José Frau será fiel a estes presupostos, coa presenza da paisaxe e da figura semetidas a sutís variacións mais sempre fiel aos principios formativos do artista que son os da revisión da tradición desde unha modernidade atemperada e atemporal.

Compartir el artículo

stats