Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Para alén do oikós

Escoitando a Clitemnestra

Para alén do oikós

A muller grega vivía nun mundo marxinal de submisión e silencio. Allea á política, confinada ao oikós, tiña como tarefas propias a reprodución, o coidado dos nenos e a vida doméstica. . Sen embargo, na literatura aparecen espléndidos casos de mitos que desafían o poder da polis, do lexislador ou do esposo. Son heroínas como Antígona, Casandra ou Clitemnestra as que se van rebelar contra a autoridade masculina, e serán por ese motivo castigadas cun destino tráxico.

Para os seus coetáneos a autora do crime máis horrendo foi Clitemnestra, a quen Homero cualifica de funesta e que amosa na Odisea como a antítese da fiel Penélope. Nas traxedias de Esquilo, manifestase esta raíña como unha muller vingativa que asasina o seu esposo Agamenón ( tamén a Casandra) por dúas razóns: o sacrificio da fillas de ambos para que Artemis favoreza a expedición do rei cara á guerra de Troia e por traer este, despois da vitoria, a Casandra como concubina. Na obra de Esquilo, Clitemnestra non fai unha proclama feminista, pero defende os seus motivos para vingarse dun marido que a traizoa e que antepón os intereses bélicos á vida dunha filla.

Co título de ¿Olvidar a Clitemnestra?, María Xosé Agra vén de publicar un rigoroso ensaio, no que considera preciso, para acadar a xustiza e a igualdade, escoitar as razón polas que actúa Clitemnestra e sacar as conclusións que nos axuden a dar respostas a un mundo convulso . Non defende a autora -como si o fai o coro das mulleres da Clitemnestra de María José Ragué- a xustiza da raíña que ergue o machado para cortar a cabeza do esposo guerreiro, pero si replantea os mitos e reexamina a cuestión de xénero desde un feminismo intelixente, culto e ben argumentado,. No caso de se dar unha violencia como a de Clitemnestra, non debe imperar a vinganza, senón unha xustiza que debe impartir un tribunal e que, sen absolver os culpables, escoite as razón do reo. Ao cabo, ninguén debe ser humillado co silencio.

O libro de María Xosé Agra, apoiado na teoría de que as mulleres están afeitas a analizar a realidade desde as marxes do sistema, constitúe toda unha incitación ao debate; un espazo no cal as mulleres xa non poden ser consideradas nunca máis como aqueles seres eloxiados por adornarse co silencio (Sófocles, Tudícides), senón como persoas que, desde unha atalaia privilexiada, resultan capaces de aportar moi valiosas reflexións de carácter filosófico e político.

AGRA ROMERO, María Xosé, ¿Olvidar a Clitemmnestra?, Ed. USC, Santiago, 2016, PVP. 15 ?

Compartir el artículo

stats