Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os anos da fame

Crónica da Galiza de posguerra

Vista exterior do pazo de Meirás (A Coruña).

Unha vez que os militares sublevados se fixeron co control do territorio galego poucos despois do 18 de xullo de 1936, deu comezo un longo período de miseria. Eses anos, os anos da fame, están marcados por dúas datas principais: 1952, cando se pon fin ao racionamento, e 1959, cando co plan nacional de estabilización se dá por finalizado o período autárquico.

Efectivamente, nos anos da primeira posguerra asístese a unha forte contracción das actividades económicas, destacando apenas algunhas iniciativas no eido agroalimentario, como as que lideran a familia Fernández, que pon en marcha Frilugo en 1941, e a Rodríguez, que funda LARSA en 1947. Tamén en relación co mundo rural, no ano 1941 creouse o Patrimonio Forestal do Estado, unha institución expropiou os montes veciñais, en mans dos veciños, para cederlle a súa administración ás deputacións e concellos, que dese xeito se beneficiaron do proceso repoboador -de tráxicas consecuencias ecolóxicas-, que se puxo en marcha nese momento, orientado á industria madeireira, principalmente serradoiros, como o que fundara en 1931 fundara Manuel García Cambón e que en 1946 se transformou na actual financeira madeireira (FINSA). Paralelamente, no sector eléctrico, é neses anos de chumbo cando en 1943 Pedro Barrié de la Maza funda FENOSA, a empresa coa que agrupa as empresas eléctricas que conseguira unir ao abeiro do Banco Pastor, que dirixía nese momento. Neses anos, en relación coa actividade bélica, desenvólvense algunhas iniciativas empresariais: en primeiro lugar, entre os anos 1936 e 1938 trasládase o groso da produción da Fábrica de Armas de Oviedo á Coruña, onde se instalaría definitivamente unha nova fábrica de Armas; en segundo lugar, fúndase o estaleiro estatal ASTANO en 1941 na cidade de Ferrol, que favoreceu unha pequena reactivación industrial do sector naval; en terceiro lugar, ao abeiro do rearme prebélico e logo da II guerra mundial e da guerra de Corea, viviuse en Galicia unha verdadeira "febre do volframio", da que participaron un feixe de empresas que pasaron de empregar 1.000 traballadores a arredor de 10.000.

Pasados os anos iniciais da autarquía franquista apréciase no tecido produtivo industrial galego un certo dinamismo, do que serán principais protagonistas os sectores agroalimentario, coa fundación pola familia Fernández da Frigsa en 1951; forestal, tanto o orientado cara á produción madeira, salientando o establecemento en Pontevedra da multinacional TAFISA en 1958, como, logo da instalación en Pontevedra da Empresa Nacional de Celulosa en 1957, á produción de papel; hidroeléctrico, salientando a construción de tres grandes encoros: Os Peares (1955), Castrelo do Xallas (1956) ou Barrié de la Maza (1958), que contribuíron a incrementar a produción enerxética galega, orientada principalmente á exportación. Así mesmo, cara ao final do período, obsérvase un novo pulo industrial: diversifícase a produción de Zeltia (fundada en 1939), fúndase Cementos Cosmos (1958) e a partir de 1957 penetra o capital estranxeiro en ALUGASA e GENOSA (metalurxia), ECESA (minería non metálica) e instálase Citroën, sendo ese o ano en que por primeira vez se recupera o PIB de 1935

Por último, neste período construíronse as liñas de ferrocarril Santiago de Compostela - A Coruña (1943), Sanabria - Ourense - O Carballiño (1957) e O Carballiño - Santiago de Compostela (1958) e o aeroporto de Peinador (1952), ao tempo que se reformaba profundamente o aeroporto de Lavacolla (1953).

Non obstante, este renovado desenvolvemento industrial galego -que se manterá nos anos posteriores-, converterá a Galicia nunha colonia interior: produtora de materias primas e enerxía e receptora de industrias de enclave.

Os monstros da degradación

  • Unha vez rematada a guerra e mediante unha orde do 14 de maio de 1939, estableceuse en España un réxime de racionamento para os produtos básicos e de primeira necesidade que funcionou até maio de 1952: a 'cartilla de racionamento'. Eís a solución que as clases dominantes, as que fixeran a guerra para non perder os seus privilexios, atoparon para resolver os problemas de abastecemento con que se atoparon as familias máis humildes: converter a necesidade de alimentos nunha loita diaria pola supervivencia! Inicialmente, as cartillas eran familiares, pero a partir de 1943 se fixeron individuais. Legalmente, a ración semanal dun home adulto fixábase en 400 g de pan negro, 250 de patacas, 100 de legumes secas, 50 de aceite, 10 de café, 30 de azucre, 125 de carne, 25 de touciño, 75 de bacallau e 200 de peixe. A partir da ración do home adulto, que era o patrón sobre o que se calculaba a ración familiar, á muller adulta e aos homes e ás mulleres de máis de 60 anos correspondíalles o 80% da ración mentres que os nenos e as nenas de menos de 14 anos, opercibían o 60%. Ao tempo que se establecían tres categorías segundo a renda: ricos, clases medias e clases máis desfavorecidas. Tal foi a degradación do nivel de vida neses anos que gran parte da poboación tivo graves problemas de saúde relacionados coa malnutrición.

Compartir el artículo

stats