Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Relendo a revolución

Nunha xeira de vertixes

Relendo a revolución

Xa van aló cen anos dende que o 8 de marzo de 1917 as mulleres de Petrogrado se manifestaron de forma pacífica para esixiren pan. Tras este suceso singular habían de vir os acontecementos por todas e todos coñecidos e que deron lugar á denominada Revolución Rusa. Co gallo de organizar a celebración deste centenario revolucionario pola súa relevancia reúnese en Galicia un comité de persoas e das súas arelas xorde un proxecto editorial singular coordinado e prologado por Teresa Moure.

Trátase dun libro colectivo de artigos presentado en dous volumes distintos publicados por dúas editoriais (Xerais e Através editora), mais que comparten formato, deseño e axenda de lanzamentos. O porqué dos dous volumes atopámolo na escolla normativa das mans autoras de xeito que segundo fose esta a norma oficial ou a norma AGAL, os seus artigos aparecerían no volume publicado por Xerais ou no publicado por Através editora. É moi importante para a defensa do galego ter dado este gran primeiro paso para achegarnos a un produto cultural único (deben ser lidos os dous volumes para ter unha visión completa da obra) que sexa quen de reunir persoas a traballaren xuntas sen que a opción normativa sexa un atranco.

Na autoría dos textos da obra salienta en número, como cabía agardar, o grupo de estudosos da historia como Xusto Beramendi, Uxío-Breogán Diéguez, Eliseo Fernández, Aurora Marco, Dionísio Pereira, Natalia Poncela e Julio Prada. Porén non faltan especialistas doutras áreas do coñecemento como a arte (Natalia Poncela), o audiovisual (Xosé Manuel Outeiriño), a didáctica (Víctor Manuel Santidrián), o dereito (Xosé Manuel Carril), a filosofía (Rebeca Baceiredo, Xoán Carlos Garrido, Carlos Velasco), a lingüística (Maurício Castro, Antón Dobao, Teresa Moure), a literatura (Anxo Angueira, Oriana Méndez, Mario Regueira, Francisco Rodríguez), a socioloxía (Margarida Corral) e mais o xornalismo (Joel R. Gómez, Xosé Mexuto, José Emílio Vicente).

Cada un dos volumes ten unha estrutura tripartita que se distribúe do seguinte xeito: unha primeira parte na que se analiza a Revolución Rusa en termos históricos, para sabermos o que pasou, e políticos, para podermos comprender a creba que supuxo naquel momento; unha segunda parte dedicada ás consecuencias que este acontecemento tivo en Galicia, como se espallaron os seus ideais coas Irmandades da Fala, a situación das mulleres e o que supuxo o alzamento militar do ano 1936; e unha última parte na que as contribucións se centran máis na transcendencia revolucionaria noutros eidos como as políticas do benestar conquistadas no derradeiro cuarto do século XX ou nas artes, por exemplo, como na literatura de Blanco Amor ou de Ferrín a clase proletaria asume o protagonismo da historia.

Bolxeviques vense revelar á fin como unha lectura necesaria para quen quixer analizar a repercusión da Revolución Bolxevique; tamén para sabermos interpretar en clave galega o moito que nos resta por coñecer dese fito histórico senlleiro despois dun século de fondos cambios sociais a velocidade de vertixe.

MOURE, Teresa (coord.), Bolxeviques: 1917/2017, Ed. Xerais, Vigo, 2017, PVP. 16, 65 ?

Compartir el artículo

stats