Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Combater na sombra

Desmontando os mitos da Resistencia

Liberación de París (1944).

En agosto de 1941, apareceu en Montevideo La agonía de Francia, un ensaio do escritor e periodista sevillano Chaves Nogales. Fora escrito en Londres despois de fuxir de París, porque Chaves Nogales figuraba nas listas da Gestapo, case con seguridade por ter cualificado a Goebels de personaxe "ridículo" e "impresentable". Nese libro aparece unha radiografía implacable da sociedade francesa: no país das Luces e dos grandes intelectuais revolucionarios, os alemáns entraron sen atopar a penas resistencia. A actitude antidemocrática dos mandos do exército francés, o feroz egoísmo dos cidadáns, o conformismo suicida contribuíron a que, despois dun simulacro de loita, os boches paseasen por París, entre a indiferenza duna poboación irresponsable, que entregaba a capital aos "gardas da porra" teutóns.

Se a prosa notarial de Chaves Nogales ataca con acritude unha sociedade que pretendía facer a guerra "sentada nunha cómoda butaca", Irène Némirovsky pon de manifesto en Suite francesa o derrube moral da sociedade gala e a colaboración das súas autoridades coas xermánicas. Suite francesa é unha novela conmovedora, escrita en plena catástrofe, que cunha mestura de realismo e sutileza proustiana conta a fuxida desordenada de París dunha multitude que se comporta de xeito escandalosamente egoísta, e a vida nunha pequena poboación , onde se dan complicidades entre ocupantes e nativos. Nela o alcalde Montmort, un vizconde casado cun carcamal viperino, denuncia na Kommandatur a un veciño que matou un soldado alemán. Némirovski, a intelixente e recoñecida novelista ucraína que vivía en Francia, foi detida polos xendarmes franceses o 13 de agosto de 1942, e asasinada catro días máis tarde en Auschwitz. Era xudía e con 39 anos xa escribira varias novelas.

A actitude crítica respecto do comportamento dunha parte da sociedade francesa daqueles anos tamén está presente en varias novelas do Premio Nobel Patrick Modiano -de familia colaboracionista- e no filme Lacombe Lucien, con guión do mesmo autor e dirixida por Louis Malle.

Este tipo de discursos chocaron co relato do xeneral De Gaulle durante a Segunda Guerra Mundial, no que procura salientar o patriotismo da maioría dos seus concidadáns ata se liberar do xugo nazi, e no que hai un claro intento de convencer á sociedade de que houbo unha resistencia na que os franceses participaron de maneira maioritaria. Sen negar o apoio estranxeiro, o discurso oficial durante moitos anos estaba baseado nun conto de fadas no que eran protagonistas a maioría dos cidadáns, agás un puñado de traidores.

Igual que houbo un intento de rebaixar a axuda das potencias estranxeiras na liberación de Francia, durante moito tempo a penas se falou de colaboracionismo e moito menos se recoñeceu o escaso número de resistentes e, dentro desa minoría, a aportación fundamental dos republicanos españois, de xudeus centroeuropeos, de comunistas do leste, de mulleres e de estudantes.

Estes días acaba de aparecer en Francia o libro Combatentes na sombra do historiador Robert Gildea sobre a Resistencia. no que aporta datos, documentos e entrevistas. Gildea demostra que houbo unha Resistencia en Francia, pero non unha Resistencia francesa. Aínda que De Gaulle quixo presentar a liberación de Francia e a expulsión dos alemáns coma un feito nacional, Gildea pon os seus diante do espello: a crúa realidade é que a conquista meteórica que conseguiron os alemáns deixou desmoralizados por igual aos dirixentes coma aos sectores máis populares da sociedade. Os franceses estaban convencidos de que o seu exército ía parar a agresión dos seus veciños; a derrota deixou un pouso amargo porque destruíu a República que encarnaba a democracia e o patriotismo desde 1870 e abriu as cancelas para que houbera un réxime autoritario disposto a facer negocios con Alemaña. Logo veu a colaboración na persecución dos xudeus e outros aspectos que o pobo considerou repulsivos. Ante esta catástrofe, a verdadeira Resistencia abrollou nas sombras, e foi sepultada despois no olvido porque De Gaulle inventou o mito dunha resistencia nacional maioritaria, iniciada a partir do chamamento de Londres do 18 de xuño de 1940 e rematada catro anos despois nos Campos Elíseos coa entrada dos carros de combate da Francia libre e da Resistencia.

Unha visión antichauvinista

  • "Que fan eses españois montados neses tanques?" preguntou desgustado o xeneral De Gaulle cando os viu desfilar tras a toma de Toulouse coas forzas da Francia libre, e algo semellante debeu de pensar cando "a Nove" entrou en París. De Gaulle procurou construír un relato da Résistance baseado en tres mitos: que foi francesa, que foi unha tenaz mostra de valentía da maioría do pobo durante catro anos, e que foi un movemento homoxéneo, militar e patriótico. Robert Gildea, fellow do Worcester College da Universidade de Oxford, desmonta esa visión interesada que pretendía crear un mito identitario nacional, salvagardar o orgullo do país, areedar o prestixio dos comunistas e a posibilidade dunha guerra civil. En realidade, na resistencia participou con sorte o 2% por cento da poboación ( había un 8% por cento de persoas que adoptaban unha resistencia pasiva). Os seus protagonistas foron no só franceses, senón que foi decisiva a intervención dos republicanos españois, dos comunistas do leste, dos xudeus romenos e polacos, dos alemáns fuxidos da represión nazi e das mulleres. Mesmo houbo elementos da extrema dereita. A escoira de Europa, os comunistas do Leste que se uniron ás organización dos seus camaradas franceses, os republicanos que querían rematar co fascismo despois de perder a Guerra Civil, os sionistas de "l´Armée Juive", as mulleres, que prestaron algo máis que información, protección e comida e mesmo participaron en sabotaxes, os patriotas franceses de diferentes cores políticas formaron un arco de activistas que destacan no libro de Gildea pola súa aportación á Historia de Francia e de Europa, e polas súas testemuñas individuais.

Compartir el artículo

stats