Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Unha relevante achega

Cuntis durante a época romana

Unha das ilustracións que acompañan o texto do volume Cuntis na época romana, de Héitor Picallo.

O coñecemento da extraordinaria riqueza da presenza romana en Galiza vese acrecentado de xeito ben notábel coa publicación dunha achega moi relevante, que nos vén da man do escritor Héitor Picallo (Cuntis, 1974): O libro, que hoxe se presenta no Museo de Pontevedra, está complementado con preciso e atractivos debuxos arqueolóxicos realizados polo mesmo autor que se poden contemplar no mesmo espazo.

O volume, que leva o título de Cuntis na época romana (Colección "A Memoria da Auga", 2016), estuda, desde unha perspectiva histórica, o pasado da Vila do Baño (Cuntis), un asentamento que xirou, desde a súa orixe ao redor do aproveitamento da auga. O autor divide o seu traballo en catro partes: "As augas quentes de nación Celena"; "Divindades na terra das augas"; "Monumentos para os deuses mortos" e "As augas das deusas", apartados aos que hai que acrecentar a documentación, fontes e bibliografía.

Cómpre termos en conta que o nacemento do Cuntis romano -no territorio dos celenos, o pobo prerromano que moraba neste territorio- esta ligado a Aquae Calidae, as Caldas de Cuntis, coincidente co pleno asentamento en Galiza do pleno dominio romano, e vai supor a creación de, ao menos, tres baños erguidos durante este período.

O traballo de Héitor Picallo, extraordinariamente documentado, amosa como o pasado da vila galega da antiga nación celena está, desde tempos ben recuados, vencellado aos conceptos de auga e saúde, xa que a existencia de auga potábel de calidade e de augas quentes en abundancia e con propieddaes salutíferas, así como o seu correcto aproveitamento, uso e control foi un factor fundamental para conseguir unhas condicións mínimas de confort que facilitasen progresivamente a vida urbana.

Os balnea ou thermae romanos, como era o caso de Cuntis, son herdeiros en orixe dos modelos de baños gregos. Achámonos perante un dos tipos de edificio máis siginificativos da cultura romana, construcións en que se combinaba a faceta hixiénica de baños diarios de auga común coa faceta social e lúdica, polo que as termas acabaron sendo un dos principais puntos de reunión e encontro social para os habitantes da práctica totalidade do imperio. A estes establecementos, quer fosen publicos, quer privados, destinábanse grandes cantidades de auga para o seu uso en piscinas e salas a diferentes temperaturas, nas que, polo menos en teoría, se coidaría a hixiene persoal e mesmo estética. Así mesmo, gozaríase dos contrastes térmicos ao que se sometería o bañista, actividade aconsellada por diversos autores médicos grecorromanos como Galeno, segundo o cal a combinación entre calor-frío/seco-húmido permitiría o adecuado tratamento aproveitando as teóricas estancias do frigidarium-tepiarium-caldarium e as súas salas anexas ( sudatarium/laconicum). A iso uniríase a posíbel presenza do xogo e mais o deporte ( palestrae), que aparece en espazos romanos como clara herdanza grega, que permitirían complementar o coidado do corpo; xunto con ámbitos de masaxes e depilación ( unctorium e destrictarium), que poderían ser vistos, segundo os casos, como lugares de hixiene ou tratamento persoal.

No libro Cuntis na época romana Héitor Picallo vén ofrecernos, en consecuencia, unha análise pormenorizada de todos os elementos figurativos presentes no contexto arqueolóxico e documental cuntiense, entre os que cómpre salientar diversas aras dedicadas á ninfas, permitindo entender a lóxica das imaxes no seu ámbito social, a verdadeira forma e dimensión das escenas no contexto cultural, que fundamentalmente combinan a finalidade hixiénica e terapéutica coa relixiosa e cultual porque se atribúe ás ninfas que moran nas nacentes e nas fontes a capacidade de curar variadas doenzas.

Con esta publicación, estamos, pois, perante unha achega de primeira importancia para o coñecemento dun capítulo da historia e do patrimonio do noso país que excede con moito o carácter historiográfico puramente local xa que ilumina tenzas do coñecemento do período romano de carácter xeral.

Na tradición do debuxo arqueolóxico

  • O traballo de investigación e análise de Héitor Picallo enriquécese cunha rica e variada faceta creativa: ilustracións, augatintas e deseño. O autor, seguindo a tradición do debuxo arqueolóxico, complementa o texto con debuxos orixinais do material arqueolóxico de grande calidade. Cómpre lembrarmos que o autor, enxeñeiro técnico de profesión, realiza exposicións pictóricas e ilustra libros e publicación periódicas, destacando en especial nesta faceta do debuxo arqueolóxico, en que segue o ronsel da xa vella tradición creada no século XIX pola Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, que tivo importantes cultivadores do nivel de Afonso Daniel Rodríguez Castelao, Carlos Sobrino Buhígas, Celso García de la Riega, Enrique Mayer, Agustín Portela, Luís Pintos Fonseca, Alfredo Souto, Luís Sobrino Rivas, Manuel Hermida, Federico Alcoverro, Carmen Bibiano Méndez-Nuñez ou Enrique Campo Sobrino.

Compartir el artículo

stats