Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Natureza e costumes

Reivindicando o patrimonio de noso

Natureza e costumes

Despois dun ano do pasamento de Xosé Neira Vilas, a editorial Bolanda anda enleada coa publicación da obra inédita do autor de Gres e nesta ocasión ve a luz Quique na aldea, un volume no que se inclúen quince relatos breves en forma de poema que xiran en torno ao tema do rural galego.

Son composicións curtas postas en boca dun rapaz que durante o verán visita a aldea dos seus avós en terras altas. Aquí entra en contacto coa natureza, con costumes, con formas de vida diferentes aos que está afeito, que, sen dúbida, enriquecen a súa visión do mundo, a pesar de estar afastado dos xigantes de cemento, impresionantes rotondas ou marabillosas autoestradas, símbolos todos eles de modernidade e progreso.

Neira Vilas reivindica por boca do pequeno Quique a práctica de xogos populares, os nomes dos bechos do monte, a presenza en feiras e romarías, ir pescar ao río, os produtos da horta ou un día de caza como formas esenciais da cultura rural que se teñen como ancoradas no pasado, pero que deberían estar na base de todo proxecto vital, porque teñen como raíces o respecto, o agarimo, a harmonía ou o decoro que cada situación esixe. É unha cultura síntese, diversa e rica, formada pola incorporación da experiencia de séculos, intelixencia e sentido común, ademais doutros elementos propios evolucionados ou asimilados do exterior e, polo tanto, os potenciais do mundo rural non poden ficar ausentes dos proxectos de desenvolvemento actuais.

Neste sentido o recoñecemento e o respecto destes modos de vida, valores, pautas de relación e capacidade de resposta ante os problemas que se plantexan na vida ordinaria convértense en "Quique na aldea" en elementos fundamentais que contribuirían a crear un mundo máis humanizado.

Importantes son tamén as relacións sociais; na aldea nada sucede de forma anónima e nada do que ocorre é indiferente aos demais. O universo de interacción social é global e supón un enriquecemento extraordinario, comezando cos avós aos que califica de flores da montaña e cos que se sente feliz ata os rapaces que falan, cantan, din poesías e dedícanse á xogaina.

A creatividade e sensibilidade que o autor deposita en cada unha das palabras e expresións dos relatos encárganse de que o texto, tenro e amable, adquira unha forza que sorprende pola temática -neno e mundo rural- e cautiva o lector pola forma de expresión breve e concentrada e que unha vez máis reafirma ao autor coma un dos escritores máis importantes das nosas letras.

NEIRA VILAS, X. Quique na aldea (Ils. O. Naveira Souto), Ed. Bolanda, Santiago, 2016, PVP. 15 -

Compartir el artículo

stats