Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tres días de xullo e nós

A Guerra Civil en Galicia

A Lexión Condor desfilando pola rúa Colón, en Vigo

En Galicia, trala sublevación dos militares que traizoaron o seu xuramento de fidelidade á legalidade republicana, o día 18 de xullo de 1936, apenas houbo combates nalgunhas vilas e barrios obreiros; porén, logo dos tres días de xullo (19-21), nos que os militares sublevados e os falanxistas conseguiron facerse co control de case todo acabarían de controlar a finais de mes, logo de que fosen derrotados os derradeiros focos de resistencia civil (os arrabaldes obreiros da Coruña, Lavadores (Vigo), Maceda, Verín, Vilagarcía, Noia e outras vilas do Barbanza e da Costa da Morte, Ribadeo, Pontenova, Pontedeume, Betanzos, A Gudiña, Valdeorras... e finalmente Tui e o Baixo Miño, onde se establecera un eficaz Comité de Defensa da República animado polo deputado agrarista Alonso Ríos)-, comezou unha longa guerra civil (1936-1954), como a define o historiador Víctor Manuel Santidrián Arias, na que o terror franquista -execucións extraxudiciais, desaparicións, violacións e torturas das presas e dos presos...- foi a estratexia adoptada polas novas autoridades para someter o pobo indefenso.

O obxectivo inmediato da represión foron, non podía ser doutro xeito nunha estratexia de terror tan ben planificada, as autoridades militares que manifestaron a súa adhesión á legalidade republicana, como Enrique Salcedo (capitán xeneral da VIII Rexión Militar), Caridad Pita (xeneral xefe da brigada de infantaría) ou Antonio Azarola (xefe do arsenal de Ferrol), e as autoridades civís máis representativas da legalidade republicana, como os gobernadores civís (Pérez Carballo, García Núñez, Acosta e Martínez March) e os alcaldes (Jaime Quintanilla, Ánxel Casal, Emilio Martínez Garrido, Xohán Carballeira...); logo, a violenta represión dirixiuse cara aos líderes políticos, como Alexandre Bóveda, Heraclio Botana, Benigno Álvarez, Xoán Xesús González..., os dirixentes sindicais e obreiros (José Villaverde, Claro Sendón...), os intelectuais galeguistas (Roberto Blanco Torres, Camilo Díaz Baliño, Arturo Noguerol...), os mestres (Segundo Abal...) e, finalmente, o pobo indefenso: máis de 3.500 persoas, entre homes e mulleres, foron "paseadas" ou sentenciadas a morte en "xuízos sumarísimos" por defender a liberdade e a democracia.

Ademais, a estratexia do terror non se limitou á eliminación física das persoas, practicáronse outras moitas formas de represión: máis de 7.000 persoas foron procesadas; millares de persoas foron encarceradas ou obrigadas a realizar traballos forzosos; centos de funcionarios de Correos e municipais, mestres, profesores universitarios..., foron cesados; milleiros de persoas, sobre todo mulleres, foron rapadas, violadas e obrigadas a desfilar polas rúas principais das súas vilas dando mostras de adhesión ao novo réxime; e milleiros de persoas foron desterradas ou desprazadas por todo o territorio estatal... Todo cun único obxectivo: amedrentar a un pobo que, de acordo cos resultados electorais de febreiro de 1936 e do referendo do Estatuto de Autonomía, non mostraba simpatías polos militares sublevados nin polas novas autoridades vinculadas á Falanxe.

Paralelamente, a medida que a barbarie fascista instalada en Galicia constituía unha permanente ameaza de morte para moitas das persoas que mantiñan un certo compromiso vital coa democracia e a liberdade, o instinto de supervivencia de moitas desas persoas levoulles a botarse ao monte para fuxir dunha morte case segura. Ese movemento de carácter espontáneo, protagonizado por moitos homes e unhas poucas mulleres, que coñecemos baixo o xenérico nome de 'fuxidos', acabou dando lugar á guerrilla, que chegaría a ser unha forza militar perfectamente organizada de oposición ao franquismo.

As perdas da contenda

  • Non resulta difícil atopar discursos nos que se sostén que Galicia mostrou unha inmediata e espontánea adhesión aos militares sublevados como consecuencia do seu tradicional espírito conservador. Non obstante, os feitos demostran todo o contrario: Galicia foi brutalmente sometida a un réxime militar que non apoiaba. Neste sentido, á marxe de que a perda territorial de Galicia para a causa republicana supuxo a perda dun territorio sociopoliticamente leal, no ámbito da loxística militar, a perda de Galicia foi un dos maiores desastres para a República na primeira fase da guerra, xa que coa súa caída en mans sublevadas, a República perdía: a) en primeiro lugar, unha importante fonte de recursos agropecuarios e produtivos (mineiros e industriais), que quedou en mans dos sublevados, que deste xeito se fixeron cunha importante despensa alimenticia e cun territorio coa capacidade produtiva intacta; e, b) en segundo lugar, un importante continxente humano que se mobilizou, na maioría dos casos para fuxir da represión, ás ordes dos oficiais sublevados e partiu cara a guerra en distintos lugares de España. Ademais, a longa guerra civil provocou a perda de toda unha xeración de xentes que tiñan un compromiso militante coa democracia e a liberdade, isto é, da semente nova dun outro mundo posible.

Compartir el artículo

stats