Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

En diferentes rexistros

Con singular e acaído estilo

En diferentes rexistros

Estas mesmas páxinas acolleron hai aproximadamente un ano unha recensión sobre a segunda novela de Mario Caneiro, que sorprendera o pasado 2012 coa súa ópera prima, o relato ficcional Homiños. Alí nos transladaba a un barrio da periferia dunha cidade no que un grupo de adolescentes sen esperanzas se atopaban en loita constante pola supervivencia.

Emparellados e tres nenas é o título que comentamos aquí, a segunda narrativa publicada de Caneiro, unha compilación xurdida dunha suxerencia editorial que apostou por agrupar aqueles contos que xiraran arredor do tema do amor, moitos deles galardoados no Certame Literario do Concello de Ames. O xerme deste libro foron certos fragmentos, situacións e personaxes desbotados da novela realista Homiños, cun resultado que viu confirmar o dominio do autor na escrita referida ao mundo cotián da parella e das relación sentimentais, ao amor como motor do mundo e pulsión de vida. Eran, como comentabamos no seu momento, vinte e dúas historias de amores e desamores que incitaban á reflexión, deixando un pouso en ocasións amargo e tristeiro coma os mesmos problemas e fracasos das relación amorosas de cadaquén.

Agora é o momento de achegarnos ao seu terceiro título, que non é outro que a novela curta Ana e os homes, que xira unha vez máis arredor dos problemas de parella, aínda que cun ton diferente ao dos relatos de Emparellados e tres nenas, caracterizado pola súa ironía e sutileza. Estamos perante un libro sobre dúbidas e indecisións, sobre cobardías e sobre medos. En fin, sobre a fondura da psique humana, algo que interesa ao autor. Gústalle a Caneiro que os lectores reflexionen sobre as situacións ás que se enfrontan as parellas no seu día a día, que non son máis que as cousas que a convivencia trae e que o crecemento persoal, en ocasións, esixe.

Desta vez o autor constrúe un libro mesturando diferentes rexistros, textos e narradores. A protagonista é Ana, viúva que no enterro do defunto (Xan) se comporta dun xeito inusual co sepultureiro. Este cóntallo a un amigo escritor, que despois de investigar quén é aquela muller, ponse en contacto con ela co fin de reescribir a súa historia, pois resúltalle moi interesante. O que el non sabía era que esa tal Ana era unha antiga compañeira do extinto EXB, e o que descobre é a historia dela e maila súa parella, Xan, ela obsesionada pola maternidade e el sen visos nin ganas de ser pai.

Non daremos máis datos do argumento, pois de seguro vai convencer e sorprender o lectorado. Si comentaremos que aquí Caneiro non evita referencias espacias como o fixera en Homiños, senón que sitúa a súa narración en certos recantos de Compostela, facéndoo cun estilo coidado, ben acaído e singular ao que xa nos vai acostumando e presentando traballados personaxes con teimas persoais cos que un se pode identificar. Unha novela curta algo máis complexa que as narrativas anteriores, aínda que lixeira, que vai gustar.

CANEIRO, Mario, Ana e os homes, Ed. Barbantesa, Cangas, 2016, PVP. 14 ?

Compartir el artículo

stats