Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os rostros de Maside

No escrutinio do real

Carlos Maside visto por el mesmo (1932)

So o título Rostros, o Consorcio de Santiago organiza unha mostra de retratos realizados polo pintor Carlos Maside (Pontecesures, 1897-Santiago de Compostela, 1958) a personaxes contemporáneos seus, faces que o artista recolleu durante os anos vinte e trinta do pasado século.

A exposición, que se presenta na Casa do Cabido, na Praza das Praterías, reúne máis de cen retratos, pertencentes na súa maioría ao legado familiar do artista, realizados a lapis, pluma ou tinta sobre papel, ao que se acrecentan dous gravados, un de Castelao e un autorretrato do propio autor. Expóñense, alén diso, unha serie de fotografías do pintor, algunhas deles nunca exhibidas con anterioridade; libros e documentos que axudan a contextualizar a figura deste artista nunha etapa, a da preguerra en Galiza, nun contexto de fortes mudanzas sociais, políticas e culturais.

A mostra ofrece unha galería de retratos orixinais que Maside fixo para varios xornais e revistas da época cos que colaboraba como FARO DE VIGO, La Nueva España ou El Pueblo Gallego. O pintor debuxaba a persoeiros daquela altura, de ben divresos ámbitos como a política, a cultura, a medicina, a escrita ou a arte. Sobrancea, polo que ten de singular, o retrato que lle fixo a Valle-Inclán, estando o escritor no seu leito de morte en Compostela. Alén diso, políticos como Manuel Azaña; médicos como Roberto Nóvoa Santos; ou escritores, poetas e pintores como Ramón Cabanillas, Ramón Otero Pedrayo, Federico García Lorca, Manuel Antonio e Manuel Colmeiro son tamén obxecto do intenso ollar de Carlos Maside.

Nos retratos de Maside, como o conxunto da súa obra, percibimos unha arte concentrada no ser humano, que se articula a través de métodos miméticos, é claro, mais a diferenza do naturalismo anterior máis académico, o realismo do noso artista, como o doutros creadores coevos do contexto europeo de entreguerras, non implica unha exacta reprodución da realidade, nin se pode medir en termos de verosimilitude co real. Non concilia necesariamente a verdade e mais a natureza. En calquera caso, o seu realismo implica unha interrogación e un escrutinio do real para revelar aspectos esenciais do figura humana captada e da súa personalidade, ás veces un smple aceno ou un trazo relevante. Como mostra deste proceso pode servirnos o exemplo dun dos mellores rostros realizados polo artista, o retrato que fai de Castelao en 1932 para o libro Retrincos, que nos trae á memoria traballos xermanos como o Selbstbildnis [ Autorretrato] (xilografía, 1922) de Max Beckmann pola técnica de gravado e por un tipo de trazo de simplificada expresividade, que nos lembra cal é o contexto xeral en que debemos situar a renovación que o noso pintor imprime á arte galega desde mediados da década dos vinte.

Neste sentido, o seu traballo quere situarse nunha liña moi meditada, daquela os seus debuxos amosan un artista que rexeita a arte pola arte e a idea dunha arte autorreferenciada concentrada no seu propio instrumento plástico, que estaba presente en boa parte do vangardismo que coñece de primeira man no París de mediados dos anos vinte. Esta cuestión foi obxecto da súa reflexión, desenvolvendo no seu principal texto ensaístico "En torno a la fotografía popular" unha brillante teoría do realismo. Do mesmo xeito, nun caderno de notas afirma:

A confusión de términos entre o realismo, que é un medio de representa-la realidade, e o Realismo que é vontade de coñecer certas realidades, tanto exteriores como interiores, constitúe o obstáculo máis grande para a comprensión de toda a arte, non só naturalista, senón toda a arte moderna.

Título: Rostros

Artista: Carlos Maside

Comisaria: Mercedes Rozas

Local: Casa do Cabido, Santiago de Compostela

Até o 15 de marzo de 2017

Dimensión humanística

  • Maside entende a arte, o o retrato en particular, nunha dimensión humanística e explora unha figuración expresiva como instrumento para iluminar a realidade pretendendo que estas aparentemente simples captacións sintéticas a partir dun modelo adquiran un valor referencial, e, xa que logo, teñan un sentido para a sociedade á que se dirixe. O noso artista insírese na tradición política do realismo histórico, creando un ambiente e uns personaxes simplificados, mais que sempre van acompañados dunha bagaxe de pormenores miméticos, expresivos e esquematizados. Cómpre salientar que nestas colaboración o coidado formal e o logrado ritmo linear dos deseños constitúen unha auténtica marca do seu estilo. Maside debuxa e pinta, como el mesmo confesaba, para clarificar o sentido da vida e do ser humano, entendendo que a arte só é pura se é humana. Moitos anos despois diso, xa na dura posguerra, que el viviu como un brutal exilio interior, cando o crítico Fernando Mon foille preguntar: "-Como pintas, Carlos?". A resposta de Maside foi todo un compendio do sentido fondo da súa arte: "-Eu pinto do lado do home". Ese pintar do lado do home é o que podemos contemplar, omnipresente, nos variados rostros que agora nos ofrece a moi oportuna mostra da Casa do Cabido de Santiago de Compostela.

Compartir el artículo

stats