Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Terra adentro

Sorolla e a paixase do 98

Varias das pezas presentes na mostra.

Na sede coruñesa da Fundación Barrié pódese contemplar unha mostra de 68 paisaxes de Joaquín Sorolla (1863-1923), todas afastadas da máis tópica representación do mundo costeiro, de praias levantinas, co que popularmente se asocia a pintura do artista valenciano.

O paisaxismo de Joaquín Sorolla, como a totalidade da súa obra, cómpre, entendelo en contacto co desenvolvemento estético e político español de finais do século XIX e comezos do XX, co desastre do 98 e o rexeneracionismo como elementos contextuais de enorme relevancia.

A súa é unha obra que, como a doutros artistas coetáneos, nos leva a un dos argumentos que pairan sobre toda a cultura do momento: a reformulación dos valores identitarios. Cómpre lembrarmos que as identidades culturais van construíndose colectivamente a partir da experiencia, a memoria, a tradición e tamén da variedade de prácticas culturais, sociais e políticas. Son procesos nunca autónomos, senón interdependentes, cunha lóxica non allea ás relacións de dominación que rexen as diferentes culturas, os mundos simbólicos en conflito. Este aspecto dos mundos simbólicos en conflito é sobranceiro no período que lle tocou vivir a Sorolla, que desenvolve un discurso plástico que se sitúa no marco do noventaiochismo español, en que se manifesta de xeito intenso a tensión centro-periferia. Como é ben coñecido, a partir dos textos de Giner de los Ríos concíbese a paisaxe castelá como síntese da alma española e como superior en beleza, asociándoa ao masculino, en canto o feminino, ollado como negativo, lígase á paisaxe do norte, nomeadamente a galega, por certo, case totalmente ausente na exposición da Fundación Barrié -non así a asturiana e vasca-e pouco tratada polo artista. Velaí as palabras de Giner de los Ríos: "Nada alcanza a dar idea de él, como su comparación con las formas que más frecuentes son en nuestras comarcas del Norte y Noroeste, y en especial en Galicia (donde) [...] la belleza es femenina, expresión de una actividad desplegada sin lucha en un ritmo tranquilo. Aquí (Castilla), por el contrario, asoma por doquiera el esfuerzo indomable que intenta abrirse paso a través de obstáculos sin cuento; y así como en un día y lugar se suceden con rapidez vertiginosa el hielo y el ardor de los trópicos, así también el sol deslumbra con un fulgor casi agrio en el fondo de un cielo de puro azul casi negro. Es la nota varonil, masculina, que pudiera llamarse.".

A este marco positivo castelán, de "indomable fulgor varonil", os intelectuais do 98 van acrecentar o universo valenciano, ligado á visión optimista e luminosa dunha España rexenerada que terá na obra de Sorolla plena expresión.

A pintura de paisaxe pode semellar unha opción máis das que se lle presentaban a un artista do seu tempo, como era con plena consciencia Sorolla, mais nos anos da súa mocidade e primeira madurez non é simplemente iso, é tamén para moitos artistas unha maneira de concibir a arte orientada por un proxecto de análise da realidade e de rexeración. Sobre esta cuestión, non debemos esquecer que a paisaxe estaba, xa no século XIX e no contexto europeo, considerada símbolo idóneo dunha consciencia identitaria, que os distintos individuos concretaban combinando aspectos colectivos e subxectivos. A identificación dos lugares da paisaxe co "chan patrio" é unha evolución natural destas ideas, como se pode observar analizando a pintura decimonónica francesa e inglesa.

Estes debates lémbrannos que a tarefa de calquera cultura é intervir no seu tempo e propor unha comprensión do mesmo, das relacións do pasado co futuro, entendidas na súa tensión, na dirección en que converxen as contradicións e as esperanzas, os soños e os proxectos.

Carlos L. Bernárdez. Título: Sorolla. Terra adentro. Colección do Museo Sorolla. Autor: Joaquín Sorolla. Comisaria: Carmen Pena. Local: Fundación Barrié, A Coruña. Até o 26 de febreiro.

Cun novo valor

  • Situada, xa que logo, a pintura de Sorolla no contexto destas angueiras, preséntasenos cun novo valor. As obras agroman como síntomas substancialmente activos que nos permite enxergalas como exemplos de fenómenos artísticos encadrados dentro dos debates no contexto español: rexeneracionismo, tensión centro-periferia, rexionalismo, nacionalismo, e en relación dialéctica cos procesos xerais que o conxunto da actividade do seu tempo nos fornece. Estas paisaxes remiten non só a unha técnica pictórica senón a un xeito de entender a relación do home co medio, gabando esa sinxeleza, sublime na súa austeridade, do mundo rural que está a desaparecer ou o silente universo das vellas cidades castelás, entendidas como testemuñas do pasado que se identifica cos valores nacionais.O pintor escolle un marco ideal, contraposto á dura realidade que se vivía, chea de carencias e na que se comezaba a manifestar ás claras a ruptura do mundo tradicional. É evidente que a pintura de Sorolla responde, pois, a este ambiente cun ollar estetizante, mais cunha actitude analítica que o liga ao mundo da Institución Libre de Enseñanza, tendo no básico unha percepción naturalista, reivindicada por certa crítica coetánea do autor, que o vén situar como a figura central na arte española do seu tempo. Trátase, desde logo, dun aspecto que Sorolla. Terra adentro permite enxergar mos con rigor e brillantez.

Compartir el artículo

stats