Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O Penedo dos Ladróns

Arredor dun xacemento paleolítico inédito

Callau labrado atopado no xacemento.

Da man de Serxio Domínguez Estévez, veciño de Salvaterra, tivemos acceso a unha ferramenta tallada nun callao de cuarcita, localizada a nivel superficial nun xacemento paleolítico inédito: O Penedo dos Ladróns, na parroquia de Fiolledo, un enclave que fai de límite natural entre esta freguesía e as de Pesqueiras e San Lourenzo de Salvaterra.

Trátase dun canto tallado monofacial (cara A), se ben o reverso da peza (cara B) presenta unha única extracción lateral no borde esquerdo, conectada cunha das extraccións da cara principal. Por ese motivo é posible que esta última, de forma non intencionada, provocase a da cara B, hipótese reforzada pola desigual transición existente entre a superficie orixinal e o negativo que, no caso da cara secundaria, se produce de forma vertical (0,7 cm) ao longo de 3,9 cm.

As arestas que dividen as zonas de extracción son lixeiramente regulares e seguen o plano do percusor. Pola súa parte as arestas que marcan a transición entre a zona de reserva e as extraccións son cóncavas, coa única excepción da extracción de menor tamaño, que é recta.

A zona terminal é claramente apuntada e redondeada, se ben a punta non coincide exactamente co remate da nervadura que fai de eixe de simetría. Temos que destacar, en referencia a este nervio, que presenta evidencias de abrasión que poderían revelar un uso distinto do descrito para o fío. Canto ao útil, loce unha ampla zona basal redondeada sen tallar ou cortex na cara A que equivale a 1/3 parte da face principal da peza. Na cara B a superficie orixinal do canto rodado alcanza 2/3 partes do total. Trátase, xa que logo, dun biface arcaico de base reservada motivada polo aforro de enerxía, xa que a persoa que o tallou quixo aproveitar a morfoloxía da zona como mango.

No que respecta á silueta do útil, esta tende á amigdaloide, se ben a grande anchura da peza difire do morfotipo clásico.Estamos diante dun útil disimétrico na medida na que o eixe morfolóxico se superpón á lonxitude e divide o biface en dúas partes case iguais, se ben o eixe da peza aparece claramente escorado cara a dereita. O útil presenta dúas grandes extraccións paralelas e dúas menores na zona basal esquerda, todas elas provocadas por un percusor duro. Se observamos a peza de perfil, o eixe de simetría aparece perfeccionado respecto da vista plana. As súas medidas, segundo a pauta de F. Bordes (1988), son as seguintes: lonxitude máxima: 12,8 cm; anchura máxima: 12,1 cm; anchura no punto medio: 11,6 cm; espesor máximo: 5,3 cm; peso: 963 g.

Temos ante nós un útil laxeniforme de gran formato elaborado sobre un núcleo. Desde o punto de vista tecnolóxico, pode definirse como un canto traballado de forma arcaica no que destaca a amplitude coa que afectan as extraccións ao corpo da peza, o amplo fío cortante, e pola diferenciación dun extremo apuntado que hoxe se presenta romo como consecuencia do uso. O fío que amosa un maior desgaste é o que vai da punta á base cortical dereita da cara principal, o que nos está indicando a maneira preferente de asir a ferramenta, colocando os dedos índice e corazón sobre as extraccións menores do borde esquerdo. Por todo isto a talla do Penedo dos Ladróns podería ser definida como "machado de man", se ben que tamén actuou como pico, como evidencia a observación do gume cortante. Xa que logo, pensamos, pode considerarse unha ferramenta de funcionalidade múltiple: cortar, golpear, extraer raíces...

A variedade tipolóxica dos útiles líticos prehistóricos é ampla e existen varias sistematizacións ao respecto. A do Penedo dos Ladróns é unha ferramenta característica do Paleolítico inferior e a súa evolución tense sinalado como indicio cronolóxico da industria achelense europea, a mesma que caracterizou os útiles recollidos na desembocadura do Miño. Este achelense progresará cara a formas cada vez máis planas, simétricas e estandarizadas, con fíos cada vez más rectilíneos. Durante o Paleolítico medio manteranse os bifaces, aínda que en menor porcentaxe e asociados ás industrias de lascas musterienses.

En xeral o estado de conservación que presenta o biface é bo, con arestas relativamente vivas, de maneira que a alteración que puido ter sufrido despois do seu uso non é significativo, coa excepción da cara B, que maioritariamente carece da pátina eólica que loce o resto da peza.

O Miño, río de vida

  • A bacía do curso baixo do Miño vén sendo obxecto de valiosos estudos asinados por especialistas como Cano Pan, Eduardo Méndez, Rosa Villar e Martínez Lombán entre outros. Xacementos como o do Cabrón (Arbo), Portomaior (As Neves), o das Pedreiras (Valadares, Monção) e As Carbalhas (Remoães, Melgaço), estes últimos escavados parcialmente ao longo deste último verán, son, en palabras de especialistas como Méndez Quintas (2016), "pequenas xanelas que nos permiten comprender un instante da vida de poboacións humanas de hai miles ou centos de miles de anos (de especies diferentes a nosa), nunha época na que éramos un animal escaso e moi vulnerable, que habitaba un ecosistema totalmente hostil". E é que o Paleolítico é un período no que o ser humano apañaba froitos e cazaba corzos, cervos e incluso paquidermos e osos cavernarios, unha alimentación altamente proteica que, secasí, non lle permitía ter unha esperanza de vida superior aos 30 anos. Investigadores como Juan Luis Arsuaga (1998) cren que os neanderthais, que vivían en grupos nómades, serían moi móbiles e as súas estancias en covas e abrigos como o que nos ocupa, limitadas no tempo.O do Penedo dos Ladróns, é un xacemento situado no curso baixo do río Miño, un abrigo natural conformado por grandes moles graníticas (altura máxima 167 msnm) situadas no monte comunal de Fiolledo a 2,6 Km lineais do río Miño, en concreto nas coordenadas UTM 543007, 4661599. Trátase dunha elevación situada a unha altura media de 150 msnm, localizada a 400 m ao NE da aldea de Codesás.Xunto coas covas (Eirós, Valdavara...) e mais os asentamentos ao aire libre (Porto Maior, As Gándaras de Budiño...), os abrigos naturais como este do Penedo dos Ladróns ou o recentemente descuberto en Santa Lucía (Astariz, Castrelo de Miño) son hábitats prototípicos dos neanderthais arcaicos ao longo do Paleolítico Inferior, un período da prehistoria datable entre o 200.000 e os 300.000 anos antes do presente no que as únicas ferramentas dispoñibles eran as que lle proporcionaba a natureza, neste caso os callaos das terrazas fluviais do Miño, un río que vertebra unha boa parte da vida humana do que hoxe é Galicia ao longo de toda a prehistoria.

Compartir el artículo

stats